Agricultura convoca a comisión do acordo lácteo para analizar a banalización do leite

Unións Agrarias – Upa mantivo unha reunión co Ministerio para abordar as ofertas detectadas en industrias e cadeas de distribución, así como a regulación sobre xurros e a reforma do paquete lácteo

Agricultura convoca a comisión do acordo lácteo para analizar a banalización do leite

Reunión de Unións Agrarias-Upa co Ministerio de Agricultura.

Os problemas de abaratamento do leite detectados nas últimas semanas, con ofertas á baixa de leite envasado tanto por parte de industrias como de cadeas de distribución, abordaranse a mediados de marzo nunha reunión da comisión de seguemento do acordo lácteo. É o que lle comunicou onte o Ministerio de Agricultura ó secretario xeral de Unións Agrarias-Upa, Roberto García, e ó secretario de Gandería de Upa, Román Santalla, que mantiveron unha reunión co director general de Mercados, Fernando Miranda, e coa subdirectora de Ganadería, Pepa Lueso.

A organización agraria trasladoulle ó Ministerio a súa preocupación polas campañas de abaratamento do leite e pediulle a Agricultura que faga cumprir o asinado no acordo lácteo. “En España, o aumento da produción foi anecdótico nos últimos meses se o comparamos co que sucedeu no resto de Europa, así que non hai xustificación que sirva para as ofertas que estamos vendo estos días”, cuestiona Roberto García.

Xurros
Outro dos temas abordados na reunión foi o problema dos xurros. Unións Agrarias propúxolle ó Ministerio unha regulación alternativa para o 2019 que non implique cambios de cisternas e sistemas de reparto. A organización agraria considera que se poden reducir as emisións de amoniaco da gandería por medio de accións como a cobertura das foxas de purín ou a fixación de datas e temperaturas para a aplicación dos xurros.

Desde a organización piden que non se tomen medidas precipitadas e que o Ministerio abra unha mesa de traballo. En relación á orde de axudas orientada a financiar a sustitución ou adaptación das cisternas á nova normativa, Unións solicita que as axudas se incrementen ata o 70% do gasto, en tanto o Ministerio prevé un apoio dun máximo do 30%.

Paquete lácteo
O último tema abordado no encontro foi a reforma do paquete lácteo, que se espera para este ano. Unións insistiulle a Agricultura na necesidade dunha arbitraxe pública entre industrias e gandeiros que permita solucionar discrepancias nas negociacións ou resolver conflictos na aplicación dos contratos.

A organización trasladoulle tamén ó Ministerio a súa disconformidade coa práctica das industrias de referenciar os contratos ó prezo medio do leite en Galicia. “Se todas as industrias usasen esa referencia, o prezo en Galicia sería plano, sen variacións”, critican.

Queda tamén por resolver a regulación dos primeiros compradores. Unións entende que no caso de primeiros compradores intermediarios que traballan en exclusiva cunha ou dúas industrias, ten que haber unha responsabilidade subsidiaria das industrias. “Os primeiros compradores non poden ser unha ferramenta das empresas transformadoras para abaratar o leite ou abandonar a súa recollida”, advirten.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información