Agricultura acorda pagos adicionais a gandeiros e agricultores por remanentes da PAC 2023

O Ministerio destina 120 millóns de euros a suplementar a axuda básica á renda 2023, que se aumentará un 5%. Os pagos deberán facerse antes do 15 de outubro

Agricultura acorda pagos adicionais a gandeiros e agricultores por remanentes da PAC 2023

Recollida de herba seca en campo. / Arquivo.

Agricultores e gandeiros recibirán antes do 15 de outubro un pago adicional correspondente á PAC 2023. En vista de que quedaban remanentes de axudas directas da PAC 2023 sen gastar, o Ministerio de Agricultora decidiu que eses fondos, un total de 120 millóns de euros, se destinarán a pagos adicionais a gandeiros e agricultores.

Os fondos repartiranse a modo de suplemento da axuda básica á renda 2023, de xeito que os beneficiarios da PAC recibirán un pago adicional do 5% da contía xa cobrada por esa liña.

Deste xeito, o Ministerio de Agricultura sinala que se logra un uso máis eficiente dos fondos europeos, ao aplicar as medidas previstas pola normativa para que os produtores españois perciban o 100% da financiación comunitaria dispoñible.

Ata a data, os agricultores e gandeiros españois recibiron 4.650 millóns de euros en concepto de axudas directas da PAC 2023. Esa cifra representaba o 95,4 % do presuposto asignado para axudas directas da PAC, o que deixou 120 millóns de euros en remanentes, que son os que se destinan agora ós pagos adicionais.

Está previsto que as comunidades autónomas completen eses pagos antes do 15 de outubro. O Ministerio xa lle notificou hoxe ás comunidades a autorización para a realización dos pagos adicionais.

Así, todos os agricultores e gandeiros que percibisen na PAC 2023 a axuda básica á renda para a sostibilidade recibirán o pago adicional nos próximos meses.

O Ministerio lembra que os pagos deberán facerse antes do 15 de outubro do 2024 e que, de igual modo, as comunidades autónomas deberán tamén pagar antes desa data aqueles expedientes da campaña 2023 que non se puidesen pagar ó 100% por ter pendentes algunha comprobación ou control.

Esta é a comunicación do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) sobre os pagos adicionais da PAC 2023.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información