Agricultores e gandeiros reivindican melloras no sector cunha tractorada na Limia

Preto duns 300 tractores e uns mil produtores denuncian a crise de rendibilidade sen precedentes que atravesa o sector primario

Agricultores e gandeiros reivindican melloras no sector cunha tractorada na Limia

Participantes na tractorada e marcha de protesta esta mañá na Limia. // Foto cedida.

Arredor dun milleiro de agricultores e gandeiros galegos, segundo os datos manexados polas organizacións agrarias convocantes, participaron esta mañá na Limia (Ourense) na manifestación conxunta para reivindicar melloras no sector e denunciar a crise de rendibilidade sen precedentes que atravesa o sector primario.

A protesta fora convocada de xeito conxunto por Unións Agrarias, a Asociación de Produtores de Pataca de Xinzo, a Federación Rural Galega (Fruga), o Sindicato Labrego Galego (SLG) e a Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal).

Uns trescentos tractores percorreron a vila nunha marcha coa que os convocantes demandaron a implicación de todas as administracións para facer cumprir a Lei de Cadea, rematar coa venda a perdas e poñer en marcha un paquete de medidas que evite o peche de explotacións e que garantan a súa viabilidade.

Marcha Xinzo de limia Tractorada

Instante da marcha convocada por diferentes organizacións agrarias. Imaxe cedida.

Dende Unións Agrarias consideraban indispensable que todas as administracións se impliquen para garantir a viabilidade das explotacións agrogandeiras galegas, hoxe sumidas nunha crise de rendibilidade sen precedentes froito das fortes e constantes subas dos combustibles, a electricidade, os pensos, os fertilizantes e outros insumos indispensables para o mantemento da actividade. A organización agraria indicaba nun comunicado que a situación actual súmase ós baixos prezos xeralizados que os produtores arrastraban xa dende antes da pandemia e á situación de venda a perdas que, a pesar do que estipula a lei, segue a ser unha realidade na comercialización da produción agrogandeira.

Dende o Sindicato Labrego instaron a mudar o actual modelo, dependente da especulación de mercado e insumos do exterior, ó tempo que demandaron a posta en marcha por parte da Xunta de Galicia e do Goberno estatal das medidas presentadas polo sector a principios desta semana para comezar a frear o incremento dos custos de produción.

Ademais, dende o SLG instaron ó Goberno galego a cumprir coas súas responsabilidades convocando un Gabinete de Crise e reivindicaron o redeseño das actuais políticas agroalimentarias para adoptar modelos de produción agroecolóxicos, que protexen e melloran a calidade das terras, e avanzando cara á garantía do dereito á soberanía alimentaria é dicir, á producción labrega de alimentos de calidade nos propios territorios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información