O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación valora moi positivamente que a Comisión Europea teña iniciado o procedemento para autorizar o incremento do anticipo das axudas da Política Agraria Común (PAC). O borrador de regulamento, que a Comisión presentou en Bruxelas esta semana, permitirá incrementar os anticipos das axudas da PAC da campaña 2022 até o 70 por cento nas axudas directas e até o 85 por cento nas medidas de desenvolvemento rural.
Este incremento respecto ao 50 % que establece a normativa comunitaria responde á petición formulada por España, a través do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, para dotar de maior liquidez ás explotacións e axudar aos agricultores e gandeiros a paliar os efectos adversos derivados da guerra en Ucraína. En concreto, en España estes anticipos poderán permitir un adianto das axudas directas de até 3.386 millóns de euros.
Espérase que o trámite formal de aprobación e publicación do regulamento que autoriza o incremento dos anticipos das axudas da PAC se produeza nas próximas semanas.
Medidas de flexibilización dos controis
Así mesmo, a Comisión Europea ten presentado o futuro regulamento que permitirá flexibilizar determinadas medidas de control das solicitudes de axudas da PAC con motivo da pandemia da COVID-19, como xa ocorreu nas campañas previas de 2020 e 2021. Esta iniciativa facilitará que os controis neste ano 2022 poidan realizarse o máis axiña posible unha vez finalice o prazo de presentación das solicitudes, de tal maneira que non se atrasen os pagos.
Este regulamento, que tamén se someterá a votación nas próximas semanas, establece a posibilidade de reducir algunhas mostras de control así como a opción de substituír visitas a campo e controis clásicos polo uso de fotointerpretación de imaxes de satélite ou ortofotos, e polo uso de novas tecnoloxías como as fotos xeoetiquetadas. En determinados casos, a Administración tamén pode solicitar aos beneficiarios a achega de documentación.
Espérase que na campaña da PAC 2022 en España se presenten preto de 665.000 solicitudes que permitirán aos agricultores e gandeiros españois recibir os pagos correspondentes a partir do próximo 16 de outubro. O importe total das axudas directas para a campaña 2022 ascende a 4.856 millóns de euros.