A Unión Europea camiña cara a unha agricultura máis verde, que contribúa á mitigación dos efectos do quecemento global usando o chan como sumidoiro de carbono e á conservación do medio ambiente, a paisaxe e a biodiversidade de flora e fauna.
Son obxectivos plasmados no chamado Pacto Verde Europeo e en dous dos seus principais documentos, a Estratexia Da granxa ao garfo e a Estratexia de Biodiversidade 2030, e que teñen na Política Agrícola Común o seu instrumento fundamental para lograr que cando remate esta década a produción de alimentos en Europa teña andado o camiño da súa transformación verde.
A nova PAC quere fomentar a transición a un sistema alimentario sostible na UE que protexa a seguridade alimentaria e garanta o acceso a dietas sas e asequibles por parte de toda a poboación, reducindo a pegada ambiental e climática do sistema agrogandeiro
Con esa perspectiva, o enfoque das axudas da nova PAC supón un cambio de mentalidade que convirte aos agricultores e gandeiros xa non só en produtores de alimentos senón tamén en xardineiros da paisaxe e o medio ambiente, unha labor que verán recompensada nos pagos que reciban nos vindeiros anos.
Unha agricultura que coide o medio ambiente
A Comisión Europea presentou en maio pasado a súa Estratexia Da granxa ao garfo para avanzar cara a unha agricultura máis respectuosa co medio ambiente e máis sa para os consumidores, que establece obxectivos concretos para os próximos 10 anos para transformar o sistema alimentario da UE como son, por exemplo, reducir un 50% o uso de praguicidas e antibióticos, un 20% o uso de fertilizantes e alcanzar un 25% de terras agrícolas dedicadas á agricultura ecolóxica en 2030 (na actualidade a porcentaxe atópase no 8% no conxunto da Unión Europea).
A Estratexia ‘Da granxa ao garfo’ carece de financiamento específico, polo que a Política Agrícola Común (PAC) seguirá sendo a ferramenta clave para apoiar a transición cara a sistemas alimentarios sostibles
Pola súa banda, a Estratexia sobre Biodiversidade, presentada xuntamente coa Estratexia Da granxa ao garfo, pretende “devolver a natureza ás nosas vidas”, en palabras do Executivo comunitario, abordando “factores clave da perda de biodiversidade, como o uso insostible do chan e o mar, a sobreexplotación dos recursos naturais, a contaminación e as especies exóticas invasoras”.
A estratexia presenta medidas concretas para acometer a rexeneración da biodiversidade de Europa de aquí a 2030, o que inclúe transformar un mínimo do 30% das terras e mares de Europa en zonas protexidas administradas con eficacia e devolver a un mínimo do 10% da superficie agrícola uns elementos paisaxísticos moi variados.
O 30% da superficie europea estará baixo algún réxime de protección en 2030 e o 10% da superficie agrícola deberá posuír valores paisaxísticos
A estratexia propón, entre outras cousas, definir obxectivos vinculantes para rexenerar os ríos e os ecosistemas degradados, mellorar a saúde das especies e hábitats protexidos da UE, devolver os polinizadores ás terras agrícolas, reducir a contaminación e aumentar a agricultura ecolóxica e outras prácticas agrícolas respectuosas coa biodiversidade e mellorar a saúde dos bosques europeos.
Recuperación das poboacións de polinizadores e “aves agrarias”
“A natureza é vital e poliniza os nosos cultivos, pero estamos a actuar coma se non importase e perdéndoa a un ritmo sen precedentes. A produción científica é clara en canto ao impacto dos pesticidas na biodiversidade e a redución dos polinizadores naturais, que ten un impacto económico moi negativo na produción e a economía”, insiste Virginijus Sinkevičius, comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca.
Coa redución dos pesticidas preténdese lograr a recuperación dos polinizadores naturais e a súa volta ás terras de cultivo
A intensificación da produción agrogandeira das últimas décadas afectou tamén ás poboacións de aves que empregan os prados ou as terras de cultivo para aniñar ou alimentarse. “Constatouse a preocupante diminución dos censos de poboacións de aves ligadas a medios agrarios como consecuencia da incompatibilidade das prácticas agrarias intensivas cos requirimentos ecolóxicos destas especies. Esta intensificación (incremento e uso de pesticidas, eliminación de marxes e linderos, adianto de colleita, colleita nocturna, densificación de leñosos, xestión de barbeitos, así como a sobrecarga gandeira ou a inadecuada xestión do gando, por unha banda, e o abandono do pastoreo, por outro) reduciu o seu alimento e tamén as zonas de refuxio e nidificación”, asegura o Ministerio de Agricultura no documento de análise de necesidades previo á redacción do Plan Estratéxico Nacional da PAC.
A presenza de aves nos agrosistemas pode axudar a reducir de xeito natural a incidencia de determinadas pragas
A presenza de aves nos agrosistemas pode axudar a reducir a incidencia de determinadas pragas e son un síntoma dun bo estado do ecosistema no seu conxunto. Ademais, se se frea o declive das poboacións de aves esteparias e agrarias, como indicadoras da saúde deses ecosistemas, poderanse recuperar tamén outros elementos da biodiversidade, como insectos e plantas silvestres, que forman parte do seu hábitat.
Protección do lobo
A conservación dos grandes carnívoros é unha das prioridades da política ambiental europea, tanto polo importante papel ecolóxico que estas especies xogan nos diferentes ecosistemas, como polo seu valor social e cultural. Garantir a conservación efectiva destas especies pasa necesariamente por conservar hábitats e espazos naturais suficientemente amplos e ben conectados entre si, reducir as causas de mortalidade e, sobre todo, impulsar a coexistencia coas actividades humanas presentes no territorio.
A maneira máis eficaz para alcanzar a coexistencia da presenza do lobo coas actividades humanas presentes no territorio consiste na adopción de medidas de prevención para protexer o gando e efectuar con celeridade o pago das indemnizacións en caso de dano
A maneira máis eficaz para alcanzar esta convivencia consiste na adopción das oportunas medidas de prevención para protexer o gando, reducindo así os danos e incrementando a aceptación social. “Estas medidas de prevención deben ser prioritarias fronte ao control da poboación”, defende o Ministerio de Agricultura.
É tamén indispensable valorar adecuadamente os danos, incluíndo o efecto no conxunto da explotación e “efectuar as indemnizacións á maior celeridade”, admite. Con este obxectivo, a PAC establece axudas que xestionarán as comunidades autónomas para “facer compatible a presenza de grandes carnívoros que xeran interaccións con impactos negativos cos aproveitamentos agrícolas e gandeiros, de modo que diminúan os conflitos e mellore a capacidade de coexistencia”.
Reducir á metade os praguicidas nesta década
Para cumprir cos obxectivos fixados nas Estratexias Da granxa ao garfo e de Biodiversidade 2030, entre outras medidas complementarias á nova PAC, a UE revisará a Directiva do 2009 sobre o uso sostible dos praguicidas para mellorar as disposicións relativas á xestión integrada de pragas, fomentando prácticas alternativas para a protección dos cultivos, usando métodos biolóxicos e físicos en substitución de herbicidas e insecticidas químicos, que cando deban ser utilizados deberán ser de baixo risco.
A Comisión Europea proxecta limitar o uso de produtos fitosanitarios no próximo periodo da PAC
Produtos fitosanitarios, os imprescindibles. Esa é, en esencia, a filosofía da Xestión Integrada de Pragas (XIS), un acrónimo que estará moi presente nos próximos anos na vida diaria de todos os agricultores e gandeiros. Debido a unha maior presión desde Europa, España deberá limitar o uso de pesticidas. Entre as medidas que se barallan, figura a prohibición de praguicidas e herbicidas en pre-emerxencia, por exemplo trala sementeira do millo, o que obrigará estar máis pendentes dos cultivos. Tamén é previsible a prohibición de produtos como o glifosato, que fará necesaria unha maior prevención no control de malas herbas nas praderías.
Fomentaranse prácticas alternativas para a protección dos cultivos, usando métodos biolóxicos e físicos en substitución de herbicidas e insecticidas químicos, que cando deban ser utilizados deberán ser de baixo risco
Bruxelas promoverá un maior uso de formas alternativas seguras de protexer as colleitas de pragas e enfermidades, fomentando o uso de técnicas de control alternativas, como a rotación de cultivos ou a cavadura mecánica das malas herbas. Estas serán algunhas das ferramentas principais para reducir a dependencia da agricultura actual dos pesticidas químicos en xeral, e o uso dos pesticidas máis perigosos en particular.
Ao aplicar a xestión integrada de pragas, os agricultores deberían botar man dos produtos fitosanitarios só se a prevención e outros métodos non funcionan ou non son eficaces
“As prácticas agrícolas que reducen o uso de pesticidas serán de suma importancia na nova PAC (2021-2027) e os Plans Estratéxicos dos distintos Estados deben reflectir esta transición e promover o acceso ao asesoramento”, indica a Comisión Europea.
Escasos avances até agora na aplicación da Directiva do ano 2009
A redución do uso de praguicidas químicos á metade en 2030 e tamén a minoración nun 50% na utilización dos pesticidas máis perigosos é un dos obxectivos principais do Pacto Verde europeo no que se refire á produción agrícola, pero as propias autoridades comunitarias recoñecen os escasos avances logrados neste particular na última década, trala aprobación en 2009 da Directiva 128 CE relativa ao Uso Sostible dos Praguicidas. Os datos así o constatan: no conxunto da UE véndense cada ano 350.000 toneladas de pesticidas, 70.000 delas en España.
No conxunto da UE véndense cada ano 350.000 toneladas de pesticidas, 70.000 delas en España
A Comisión Europea debe presentar periodicamente ao Parlamento Europeo e ao Consello un informe sobre os avances conseguidos na aplicación da Directiva. No seu último informe, o Executivo comunitario analiza a experiencia adquirida polos Estados membros na aplicación dos obxectivos establecidos nos seus plans de acción nacionais e os avances conseguidos na aplicación da Directiva de 2009 e anuncia que redobrará a presión nos próximos anos.
Asi mesmo, Tribunal de Contas Europeo de Luxemburgo conclúe no seu Informe Especial sobre o Uso Sostible de Produtos Fitosanitarios que se produciron “poucos progresos na medición e na redución de riscos” por pesticidas trala aprobación da Directiva comunitaria de 2009.
Un maior control na dispensación e venda foron dos poucos avances que se produciron en España en aplicación da Directiva de 2009
A Directiva 2009/128/CE relativa ao uso sostible dos praguicidas establece un marco para lograr un uso sostible dos produtos fitosanitarios e fomentar a xestión integrada de pragas, aplicando enfoques alternativos e métodos non químicos. Os Estados membros dispoñían dun prazo de dous anos para incorporar a Directiva á súa lexislación nacional pero esa trasposición atrasouse e os Estados que adoptaron a normativa fixérono de maneira laxa e inexacta, denuncia o Tribunal de Contas europeo. Francia, por exemplo, incorporou a Directiva ao seu ordenamento xurídico pero os requisitos da xestión integrada de pragas non se incorporaron á súa lexislación nacional. Algo similar ocorre en España.
A necesidade de obter un carné para adquirir, manipular e aplicar tratamentos fitosanitarios e levar un rexistro individualizado sobre compras, en virtude do Regulamento relativo á comercialización de produtos fitosanitarios, foron dos poucos cambios que se produciron en España nos últimos anos, máis aló da prohibición con carácter xeral dalgúns produtos e principios activos utilizados, como é o caso do metiocarb, a materia activa do Mesurol, un insecticida e repelente de aves e xabaríns usado na sementeira do millo e prohibido en toda a UE desde o ano 2020.
Evitar o deterioro do chan
Xunto á redución á metade nesta década do uso de pesticidas, a Comisión Europea propón tamén diminuír nun 50% as perdas de nutrintes dos chans agrícolas, garantindo que non se deteriore a súa fertilidade, o que permitirá reducir en polo menos un 20% o uso de fertilizantes de aquí a 2030.
A Comisión desenvolverá xunto cos Estados membros un plan de acción de xestión integrada de nutrintes para reducir e previr a contaminación polo uso excesivo de fertilizantes e para fomentar a reciclaxe de nutrintes procedentes de distintas formas de residuos orgánicos como fertilizantes. Isto contribuirá a lograr a aspiración a unha contaminación cero que establece o Pacto Verde da UE para 2050.
Será necesario garantir que non se deteriore a fertilidade dos chans reducindo á metade as perdas actuais de nutrientes
Os Estados membros da UE deberán aplicar plenamente a lexislación vixente sobre contaminación por nutrintes (nitratos e fosfatos) a fin de evitar as fugas de nutrintes asociadas que contaminan o aire e a auga, chegando a ser prexudiciais para a saúde humana e o medio ambiente. Países como Holanda ou Irlanda víronse obrigados a establecer medidas restritivas neste ámbito nos últimos anos e España está a actualizar tamén a súa normativa ao respecto, coa inminente aprobación de dous novos Reais Decretos, un sobre contaminación producida por nitratos e outro sobre fertilización sostible de terras agrícolas.
Controlar o exceso de fertilización
Para loitar contra os efectos do exceso de fertilización (sobre todo de nitróxeno e fósforo), a Comisión traballará cos Estados membros para ampliar a aplicación de técnicas precisas de fertilización e prácticas agrícolas sostibles, especialmente nas zonas críticas da gandería intensiva, así como na reciclaxe de residuos orgánicos en fertilizantes renovables. Isto realizarase tamén mediante medidas que os Estados membros deben incluir nos seus Plans Estratéxicos da PAC.
O excedente de nitróxeno en España varía entre 27 e 40 kg N/ha por ano entre 1995 e 2015
O balance bruto de nutrintes proporciona unha estimación do impacto potencial da agricultura na calidade da auga e a súa posible contaminación. Os indicadores baséanse na contaminación por nitratos e fosfatos. “Cando o nitróxeno (N) e o fósforo (P) se aplican en exceso, poden causar contaminación e eutrofización das augas superficiais e subterráneas. O excedente de nitróxeno en España varía entre 27 e 40 kg N/ha por ano entre 1995 e 2015. O excedente de fósforo diminuíu lixeiramente co tempo de 6 kg/ha/ano en 1995 a 4 kg/ha/ano en 2015”, indica a análise da Comisión Europea.
En Europa países como Irlanda, Holanda ou Alemaña teñen problemas de contaminación de acuíferos por fertilizantes
No Programa Nacional de Control da Contaminación Atmosférica, fíxase como límite o 30% das necesidades de nitróxeno na achega de forma ureica, a prohibición de aplicación do xurro en abanico, o enterramento de estercos, o establecemento de plans de abonado, o balance de nitróxeno dos chans e o rexistro de operacións no caderno da explotación.
Balances de fósforo e nitróxeno
A Comisión promoverá o obxectivo de cero contaminación por fluxos de nitróxeno e fósforo dos fertilizantes mediante a redución das perdas de nutrintes en polo menos un 50%, á vez que se garante que non haxa deterioración na fertilidade do chan. Isto dará como resultado a redución do uso de fertilizantes en polo menos un 20%.
Todas as operacións de fertilización deberán estar rexistradas no caderno de explotación
“Estes obxectivos lograranse implementando e aplicando a lexislación ambiental e climática comunitaria na súa totalidade, identificando cos Estados membros as reducións de carga de nutrintes necesarias para lograr estes obxectivos, aplicando unha fertilización equilibrada e un manexo sostible de nutrintes, e administrando mellor o nitróxeno e o fósforo ao longo do seu ciclo de vida. Con esta fin, a Comisión traballará cos Estados membros para desenvolver un Plan de Acción de Manexo Integrado de Nutrintes en 2022”, anuncia o Executivo comunitario no documento da Estratexia de Biodiversidade para 2030, a outra das patas fundamentais do Pacto Verde xunto á Estratexia Da granxa ao garfo.
A medición das emisións por granxa e o establecemento de compromisos de redución son cuestións que se valorarán na PAC nos vindeiros anos
Nos vindeiros anos as ganderías terán que medir as súas emisións e comprometerse a reducilas, tanto de gases de efecto invernadoiro, caso do CO2 ou do metano, como doutros gases que afectan á saúde, como o amoníaco. O Ministerio está a traballar nunha ferramenta informática, Ecogan, que permitirá calcular as emisións de cada granxa e abrirá o camiño a que se valoren nos pagos da PAC as medidas de mitigación que adopten as ganderías.
Incentivos para unha produción de alimentos máis sustentable
Os alimentos europeos, ademais de ser seguros, nutritivos e de alta calidade, deberán producirse cun impacto mínimo sobre a natureza. Será unha esixencia que agricultores e gandeiros terán que cumprir se queren seguir recibindo fondos da UE a través da PAC.
A maioría dos pagos da PAC están suxeitos a “condicionalidade”, que é un mecanismo que vincula o cobramento das axudas ao cumprimento polos agricultores dunha serie de normas básicas relativas ao medio ambiente, a seguridade alimentaria, a saúde animal e vexetal e o benestar animal, así como ao requisito de manter o chan agrícola en boas condicións agrarias e ambientais.
Catro de cada dez euros da nova PAC chegaránlle ás granxas por aspectos medioambientais
No orzamento da UE para o período 2021-2027 establécese que os fondos da Política Agrícola Común deberán contribuír á acción polo clima. Até o punto de que 4 de cada 10 euros da nova PAC deberán contribuír aos obxectivos ambientais establecidos, o que obrigará nalgúns casos ás explotacións a modificar prácticas e estratexias de funcionamento actuais para manter as axudas no futuro.
A nova PAC inclúe requisitos de obrigado cumprimento sobre o uso sostible dos produtos fitosanitarios e fertilizantes
Ata o de agora os agricultores con máis de 15 hectáreas de terra cultivable que reciben pagos directos deben manter zonas de interese ecolóxico no 5% da súa superficie e, desde 2018, non poden utilizar produtos fitosanitarios nas devanditas zonas; existen programas específicos para o sector hortofrutícola e os Estados membros teñen que establecer sistemas de asesoramento agrario para aconsellar aos agricultores sobre a xestión integrada de pragas.
Os ecoesquemas son pagos adicionais cos que se quere incentivar aos agricultores e gandeiros para que se impliquen na mitigación do cambio climático e na conservación da biodiversidade
Pero na PAC para o novo periodo 2023-2027, no marco da chamada “condicionalidade reforzada” establécese tamén como requisito para a percepción de axudas o cumprimento do obxectivo de redución de pesticidas, apoiando a adquisición de maquinaria agrícola de precisión ou fomentando a agricultura ecolóxica.
Condicionalidade reforzada e ecoesquemas
As normas obrigatorias dentro do sistema de condicionalidade proposto establecerían unha liña de base para facer que a agricultura sexa máis sostible. As obrigas clave incluirían (entre outras) aquelas relacionadas coa rotación de cultivos, a protección do chan, o mantemento de pasteiros permanentes, a protección de humidais e turbeiras, as directivas sobre Rede Natura 2000 e a necesidade de protexer as características da paisaxe existentes ou dedicar unha área en cada granxa a características “non produtivas”.
Será obrigado deixar unha porcentaxe mínima do 4% das terras de cultivo a barbeito e crear faixas de protección nas marxes dos ríos e estará prohibido cortar sebes e árbores durante a época de reprodución e cría de aves (de abril a xuño)
A maiores destas condicións previas para poder cobrar a PAC, defínense 7 ecoesquemas voluntarios polos que se concederán pagos adicionais aos agricultores e gandeiros que leven a cabo polo menos unha práctica sostible voluntaria a elixir entre as sete.
Estes ecoesquemas, tamén chamados eco-reximes, ofrecerán unha importante fonte de financiamento adicional para impulsar as prácticas sostibles, como a agricultura de precisión, a agricultura ecolóxica, a creación de elementos paisaxísticos ou a captura de carbono en chans agrícolas.
Os Estados deberán reservar unha parte dos pagos directos para os chamados ecoesquemas, aos que os agricultores e gandeiros poderán acollerse voluntariamente. En España o orzamento será de 1.107 millóns de € anuais, equivalente ao 23% das axudas directas
A diversificación e rotación de cultivos, o mantemento de pasteiros permanentes e a conservación de zonas agrícolas de valor ecolóxico son algunhas das prácticas que a o Goberno español inclúe como ecoesquemas no Plan Estratéxico Nacional da nova PAC. O establecemento de espazos de biodiversidade nas superficies de pastos ou en terras de cultivo, elevando o 4% obrigatorio da condicionalidade ao 7% voluntario, suporá unha mellora da biodiversidade, ao igual que os compromisos de sega sostible e o mantemento de marxes sen segar nas superficies de pastos.
Ademais das faixas de protección sen abono de 5 metros en leitos fluviais, primarase que en certas zonas non se supere un máximo 13 kg de nitróxeno, 40 de fósforo e 40 de potasio por hectárea de terra de cultivo ao ano
Máis aló do establecemento obrigatorio de faixas de amortiguación de 5 metros de ancho ao longo dos cursos fluviais, algo con gran incidencia en Galicia dado o importante número de ríos e regatos existentes, primarase tamén a aplicación por parte das explotacións doutras medidas voluntarias, pagadas como ecoesquemas, como son a limitación da fuga de nutrintes mediante o establecemento dunha cuberta vexetal que evite o chan espido no inverno antes da sementeira dos cultivos de primavera.
Aplicación da Xestión Integrada de Pragas
As normas da UE definen a xestión integrada de pragas (XIP) como un conxunto de oito principios xerais destinados a utilizar outros métodos preventivos, naturais ou menos nocivos de control de pragas antes de recorrer a produtos fitosanitarios químicos.
Aínda que segundo a normativa comunitaria os principios da xestión integrada de pragas eran obrigatorios para os agricultores desde o 2014, até o momento non se tiveron en conta como condición para acceder aos pagos da PAC
A Directiva indica que a xestión integrada de pragas “promove os mecanismos naturais de control de pragas”, debendo preferirse os métodos biolóxicos ou físicos (mecánicos) aos químicos, pero os avances nese campo víronse afectados pola lentitude na súa posta en marcha, aínda que a condicionalidade reforzada da Política Agrícola Común até 2027 abarca varios instrumentos que apoian a aplicación da XIP por parte dos agricultores.
Esforzos pouco recoñecidos pola sociedade
Os agricultores e gandeiros europeos levan máis de 30 anos traballando por mellorar a sustentabilidade ambiental das súas explotacións. Desde 1990 o sector reduciu nun 20% as súas emisións de gases de efecto invernadoiro e un 18% as súas verteduras de nitratos aos ríos e acuíferos, segundo datos da propia Comisión Europea.
Nos últimos 30 anos o sector agrogandeiro europeo reduciu nun 20% as súas emisións de gases de efecto invernadoiro e nun 18% as súas verteduras de nitratos aos ríos e acuíferos
Con todo, moitas veces a percepción da sociedade non é esa, culpabilizando producións, como a gandeira, que son vitais para o aporte de proteína nas nosas dietas, ademais de para conseguir unha xestión territorial sostible desde o punto de vista social e medioambiental.
Volvemos a ter sobre nos a ameaza do Decreto de nutrición sostible dos solos, que aria obrigatorio, en toda España, requisitos e normas que só están sendo implementadas nas zonas vulnerables. Galicia xunto con Asturias e Cantabria, son as rexións que se vería perxudicadas, inxustamente por ser as únicas que non teñen zona vulnerables ou contaminadas por nitratos.
En todo caso ´reitero que é unha medida inxusta e desproporcionada por que afecta tanto a grandes como a pequenos agricultores, e sobre todo as explotacións de vacún, que verían elevado o listón da concicionalidade para cobrar as axudas, unha condicionalidade obrigada desde a definición do Goberno do plan estratéxico que incorpora unha BCAM “nacional”
BCAM 10: Fertilización sostenible.
Sobre la base del artículo 13 del Reglamento PEPAC, y con el fin de dotar de una mayor
ambición medioambiental a la PAC, se crea esta BCAM nacional relativa a la nutrición
sostenible de los suelos agrarios y cuyos objetivos principales son la protección de los
cursos fluviales contra la contaminación así como la de preservar el potencial del suelo.
Para ello y sobre la base del proyecto de Real Decreto por el que se establecen las
normas para la nutrición sostenible en los suelos agrarios, los beneficiarios de ayudas
PAC deberán cumplir las siguientes obligaciones:
Todas las operaciones encaminadas a aportar nutrientes o materia orgánica al
suelo deben de estar correctamente registradas en el cuaderno de explotación,
según el calendario y condiciones que se establezcan en el futuro Real Decreto.
La explotación, cuando proceda, cuenta con un plan de abonado para cada
unidad de producción de la misma, según el calendario y condiciones que se
establezcan en el futuro Real Decreto.
La aplicación de purín y estiércoles sólidos en las superficies agrícolas se realizará
según el calendario y condiciones que se establezcan en el futuro Real Decreto. https://www.mapa.gob.es/es/pac/post-2020/3-6-condicionalidad_tcm30-581377.pdf
faría…desculpas