Agricultor xenuíno: quen poderá cobrar a próxima PAC?

Agricultura baralla pedir un mínimo dun 30% de ingresos agrarios en relación ós ingresos totais, pero quere excluír da obriga ós beneficiarios que reciban menos de 2.000 euros de apoios

Agricultor xenuíno: quen poderá cobrar a próxima PAC?

España ten máis perceptores da Política Agraria Común (PAC) que Francia e Alemaña xuntas. Son 800.000, polos arredor de 660.000 que suman dúas das principais potencias agrarias europeas. A anomalía española débese á alta porcentaxe de beneficiarios xubilados ou que compaxinan unha segunda actividade co agro. De cara ó próximo ciclo da Política Agraria Común, a idea da UE é priorizar o apoio ó denominado ‘agricultor xenuíno’, aquel que ten uns ingresos agrarios relevantes en comparación co conxunto da súa renda. Que implicará iso para España?

Cada Estado establecerá a súa propia definición de agricultor xenuíno, é dicir, de quen pode e quen non cobrar as axudas da PAC. En España, o Ministerio de Agricultura proxecta esixirlle ás explotacións un mínimo dun 20 -30% de ingresos agrarios sobre o total. É unha condición aparentemente moi restrictiva, pois dos 800.000 beneficiarios da PAC en España, hai 600.000 que non cumprirían con esa condición. No caso galego, os que teñen menos dun 30% de ingresos agrarios serían arredor de 7.400 sobre un total que ronda os 23.200.

En Galicia, hai 7.400 beneficiarios da PAC que teñen menos dun 30% de ingresos agrarios, en comparación cos totais

Esa obriga, sen embargo, matizarase, pois o Ministerio propón que queden exentos de cumprir a condición dun mínimo de ingresos os agricultores que perciban menos de 2.000 euros de pagos directos. É un limiar -calcula Agricultura- que se corresponde cun pequeno agricultor que ten ata 10 hectáreas de terreo.

A aplicación da excepción débese a que o Ministerio considera que hai que ter en conta o elevado nivel de pluriactividade de gran parte da agricultura española, en particular das pequenas explotacións, que teñen un papel social relevante no rural. Con esta medida, evitaríase que quedasen fóra do sistema de axudas.

As organizacións agrarias e cooperativas, pola súa banda, son partidarias en xeral dun endurecemento da figura do agricultor xenuíno, de xeito que os apoios vaian destinados principalmente ás persoas profesionais, descartando xubilados.

En España, un 38% dos perceptores da PAC son actualmente xubilados, que reciben o 26% de todos os fondos das axudas directas da PAC que chegan ó país. As cifras galegas son menores, pois calcúlase que as persoas xubiladas representan un 21% dos perceptores e un 6,5% das axudas.

Posturas no sector
En xeral, organizacións agrarias e cooperativas avogan por filtrar ós perceptores da PAC, de forma que se exclúa a xubilados ou a persoas cunha mínima vinculación co agro. A postura máis restrictiva é a do Sindicato Labrego, que propón que para cobrar as axudas se esixa que un 50% dos ingresos proceda da actividade agraria e que a persoa adique máis dun 50% do tempo laboral á agricultura.

Desde a Asociación Galega de Cooperativas (Agaca), son partidarios tamén de endurecer máis a figura do agricultor xenuíno, pedindo un mínimo dun 40% de ingresos agrarios sobre o total.

Para Unións Agrarias, sería correcto o mínimo do 30% de ingresos agrarios que propón o Ministerio, sempre que haxa unha afiliación á seguridade social e se estableza o que eles chaman un “agricultor xenuíno plus”, cun mínimo dun 50% de ingresos do agro, que se poida beneficiar de maiores pagos redistributivos ou acoplados.

Na proposta de Unións, permitiríase tamén que as persoas con menos de 5.000 euros de ingresos da PAC a continuasen cobrando, aínda que non entrasen na definición de agricultor xenuíno.

Debate sobre a porcentaxe da PAC reservada para os ecoesquemas

O Consello de Ministros de Agricultura da UE está reunido hoxe para continuar avanzando na reforma da PAC, que se quere deixar pechada antes do verán. Sobre a mesa, unha das cuestións principais a debate radica na porcentaxe de fondos que se vai destinar ós chamados ecoesquemas, unha liña de pagos por compromisos ambientais.

O Parlamento Europeo é partidario de que un 30% dos pagos directos se destine ós ecoesquemas, se ben no Consello de Ministros de Agricultura, hai países que son partidarios de reducir esa cifra a un 20%. Na busca dun acordo, espérase que no Consello de hoxe se debatan propostas intermedias.

España, entre tanto, continúa traballando no seu Plan Estratéxico Nacional, do que quere ter un primeiro borrador esta primavera. Será neste documento onde queden plasmados os aspectos nos que España ten marxe para regular.

Os agricultores de sofá non son un asunto menor, pois un 6% dos beneficiarios da PAC percibe case o 30% das axudas

Algunhas das incógnitas por despexar no Plan Estratéxico Nacional son as rexións agronómicas que proporá o Ministerio, como quedarán os pagos asociados ou que tipo de pagos redistributivos se fixarán, de cara a beneficiar ás explotacións con menor superficie, como as da Cornisa Cantábrica.

Tamén a decisión final sobre o capping, é dicir, sobre o tope de ingresos que poderá cobrar un beneficiario. Se o desvío de fondos para os agricultores xubilados pode representar un problema, o feito de que un 6% de beneficiarios da PAC en España cobre un 30% das axudas non é un asunto menor. Son os que as organizacións agrarias chaman ‘agricultores de sofá’, grandes latifundistas do centro e sur peninsular, que viñan ata agora acaparando gran parte dos apoios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información