Agolada acolle unhas xornadas sobre oportunidades de futuro no rural

A plataforma Queremos parcelarias realiza o 12 de novembro un acto formativo en Agolada no que disertarán poñentes sobre problemáticas do rural, coma a xestión de xurros ou técnicas de cultivos

Publicidade
Agolada acolle unhas xornadas sobre oportunidades de futuro no rural

Na xornada abordarase, entre outras cuestións, o potencial dos abonos orgánicos fronte á crise enerxética.

Data inicio: 12/11/2022
Data fin: 12/11/2022
Lugar: Auditorio municipal Agolada

A asociación Queremos Parcelarias en Agolada organiza as primeiras xornadas formativas ‘Un rural con futuro’. Da man de expertos e representantes de diversos sectores tratarán iniciativas coas que abordar o futuro no rural.

As xornadas son abertas a toda persoa interesada na actividade agraria no rural e celebraranse o vindeiro día 12 de novembro no auditorio municipal de Agolada (Pontevedra).

A iniciativa enmárcase no obxectivo do colectivo de implicar á sociedade, non só local senón tamén da comarca, para facer un rural vivo e con futuro. Con este fin, convidaron ó acto representantes do mundo rural da comarca do Deza, dende asociacións e organizacións agrarias, cooperativas ata representantes dos distintos grupos políticos con representación nos concellos da comarca.

Detallamos o programa da xornada:

11:00 horas. Benvida e presentación das xornadas a cargo de Juan Carlos Sánchez Fuciños, presidente da asociación Queremos Parcelarias en Agolada.

11:15 horas. Intervención “A oportunidade dos abonos orgánicos fronte á crise enerxética”, a cargo de Juan Castro Insua, enxeñeiro agrónomo do C.I.A.M.

11:40 horas. Intervención “ Opcións para a mellora das bases territoriais das explotacións”, a cargo de Quico Ónega, enxeñeiro agrónomo do Laboratorio do Territorio da USC e membro da asociación Europea da innovación.

12:10 horas. Intervención “A pluriactividade no medio rural”, a cargo de Marcos Vázquez Marey, enxeñeiro, técnico agrícola e director do Muvicla.

12:40 horas. Coloquio-Mesa redonda, na que participarán: os tres poñentes, representante do sector cooperativista e representante da Asociación. Modera: Eloi Villada Legaspi. Ex-tecnico agrícola e membro da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes.

14:00 horas. Peche da sesión matinal e pausa para xantar.

14:30 horas. Xantar

17:00 horas. Intervención “ O castaño de froito, unha alternativa rendible en Galicia”, a cargo de Manuel López Vilariño, secretario da IXP Castaña de Galicia

18:00 horas. Clausura das xornadas, a cargo de Luís Calvo, alcalde do Concello de Agolada.

Rematar as parcelarias pendentes en Agolada

Con estas xornadas, o colectivo Queremos Parcelarias incide de novo nas oportunidades de futuro no rural e recrimina a falta de compromiso da Xunta de Galicia co desenvolvemento do rural de Agolada por non contemplar orzamento algún para as parcelarias pendentes no concello nas contas de 2023. O colectivo demanda que se inclúan partidas orzamentarias para acometer as parcelarias no municipio pendentes dende o ano 2008.

Dende o colectivo apuntan que hai máis de medio cento de proxectos viables economicamente e que pretenden asentarse e desenvolverse no municipio, pero cuxa viabilidade está condicionada a contar con dimensións de parcelas axeitadas para levalos a cabo. “O instrumento que precisamos para dotarnos de parcelas adecuadas é a concentración. Somos propietarios con base territorial suficiente para acometer os proxectos que queremos levar adiante, pero esa propiedade está diseminada en parcelas de dimensións reducidas que fan imposible calquera tipo de actuación axeitada aos tempos actuais de mecanización do campo e rendemento sostible”, apuntan dende a plataforma.

No proceso de estudios previos para acometer as parcelarias pendentes en Agolada, a Xunta de Galicia investiu entre os anos 2008-2009 máis de 800.000 euros para facer os estudios de investigación dos propietarios das parcelas e de impacto ambiental, unha cantidade que quedaría perdida de non rematar o proceso de concentración. “Dende a asociación Queremos Parcelarias unha vez máis pedimos á Xunta de Galicia que non abandone o rural vivo como é o de Agolada. Que recapacite e contemple unha partida orzamentaria para o vindeiro ano 2023 co obxecto de decretar o proceso de concentracións parcelarias pendentes no concello de Agolada”, sinalan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información