Agolada acolle o día 12 de agosto unha poxa de vacún cunha vintena de animais

Contarán con vacas, xovencas e becerras de raza Frisoa e cruzadas. Celebrarán unha poxa silenciosa, a feira convencional e sortearase unha becerra. Buscan repetir a poxa cada 3 meses con animais de leite e carne

Agolada acolle o día 12 de agosto unha poxa de vacún cunha vintena de animais

Óscar Val, Rafael Méndez e Luis Calvo na presentación da cita no consistorio de Agolada.

O colectivo Agolada Rural organiza o día 12 deste mes unha poxa-feira de gando bovino no concello pontevedrés de Agolada. A cita reunirá a unha vintena de animais entre vacas, xovencas e becerras, tanto de raza Frisoa coma cruzadas. “Nesta edición contaremos cuns 20 animais, pero a idea é que nas vindeiras ocasións haxa gandeiros e tratantes das diferentes zonas de Galicia”, especifica Rafael Méndez, responsable do colectivo organizador.

A xornada contará con dous apartados diferentes. Por un lado, terá lugar unha poxa silenciosa, da que se darán tódolos detalles o propio día. “Na poxa, o vendedor será sempre o que teña a última palabra”, recalcan. Ademais, haberá a feira libre e tradicional, fóra da propia poxa, pois en Agolada é tradicional a Feira do 12.

O evento celebrarase no Campo da Feira de Agolada e a apertura será sobre as nove da mañá. Ás 13:30 horas terá lugar o sorteo presencial dunha becerra.

Feiras trimestrais

Con esta feira-poxa o colectivo busca recuperar as feiras de gando que se celebraban no municipio e que chegaron a ter gran importancia. “A feira de gando do 12 foi desaparecendo por cambios de hábitos de vendas, pero debe revivir. Pódese poñer en proba outras alternativas en relación ao que era antes e especializarse en venta de gando para vida desde becerras ata vacas”, reivindican dende o colectivo organizador.

Tamén sinalan a boa localización de Agolada, no centro de Galicia e situada na comarca do Deza, territorio cunha importante presenza gandeira e próxima a outros concellos gandeiros coma Arzúa, Palas de Rei ou Antas de Ulla…

Así mesmo, o responsable de Agolada Rural avanza que o seu obxectivo, coa colaboración do Concello, é repetir esta cita cada tres meses. “En agosto manteríase a xornada do 12, pero o resto de meses sería o domingo máis próximo ó día 12”, explica. Ademais, baralla a idea de poder reunir tamén becerros carniceiros criados no municipio de Agolada tras a petición de máis dunha persoa interesada.

A cita tampouco busca competir con outras poxas e feiras celebradas por coletivos como Africor ou a Asociación de Criadores de Rubia Galega (Acruga) tal e como sinala Méndez. “Buscamos que sexa outra vía máis para a compra e venda de vacas e becerras”, apunta. Ademais, abre a porta a que se a iniciativa logra afianzarse con éxito se poidan establecer colaboracións con estas asociacións.

Os organizadores instan ós veciños e gandeiros a participar pola oportunidade que supón recuperar este tipo de feiras. “É moi importante que a feira do 12, con tanta historia en Agolada, reviva. Se se consigue será o éxito de toda a Agolada, por iso pido aos veciños que se acerquen ese día”, sinala Rafael Méndez.

O acto conta tamén coa colaboración do Concello de Agolada, que entre outras aportacións está a levar a cabo melloras nas infraestruturas do recinto feiral. Ademais, no acto de presentación, que se celebrou no consistorio, contou coa participación do tenente de alcalde, Óscar Val; e o alcalde, Luis Calvo; quen agradeceu a iniciativa e lle brindou o seu apoio.

Feira Poxa Agolada Rural

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información