Previsións de prezos do leite en Galicia para os vindeiros meses

Boa parte das industrias establecen o prezo base a 12 meses no entorno dos 40 céntimos á espera de iniciar a negociación coas granxas a partir de mediados de xuño. O diferencial con respecto a Europa desapareceu xa por completo

SOUTO FRADE SC (Taboada) vacas producionAs organizacións agrarias comezan a moverse ante o temor a novas baixadas no prezo do leite a partir de agosto. Agardan que finalmente non se cheguen a producir porque empezarían a poñer en apuros sobre todo a aquelas explotacións que arrastran cargas financieiras ou un maior nivel de endebedamento como consecuencia de melloras e investimentos realizados.

Os representantes dos gandeiros pídenlle á Xunta que interveña, no que sería a primeira proba de lume desde a súa toma de posesión a mediados do pasado mes de abril para a nova conselleira do Medio Rural, María José Gómez, con vínculos familiares no sector produtor de leite.

A Asociación Agraria de Galicia (Asaga), por exemplo, considera que as ofertas presentadas son “un abuso de posición dominante” e pide ás Administracións “que convoquen ás partes para analizar a situación e intervir para evitar que se produzan estas rebaixas totalmente inxustificadas”.

Estamos ante a primeira proba de lume para a nova conselleira do Medio Rural

En termos semellantes se pronuncian tamén desde Unións Agrarias ou Agromuralla. Alegan, entre outras cousas, que unha nova baixada non ten sentido na coxuntura actual de mercado: descenso da produción e incremento de prezos nos principais países produtores europeos, suba dos produtos lácteos industriais nos mercados internacionais e mantemento de prezos nas cadeas de distribución.

Tradicionalmente, despois do verán o prezo do leite sempre repuntaba. Sen embargo, as industrias con máis volume de recollida en Galicia propoñen unha nova corrección no prezo en orixe de cara a renovación do vindeiro contrato. A maioría de ofertas presentadas sitúan o prezo base a 12 meses no entorno dos 40 céntimos, o que supón unha baixada de 2 céntimos con respecto á anterior oferta presentada para a renovación en abril.

As industrias volven non collerse os dedos cunha oferta baixa que podería verse incrementada nos contratos definitivos asinados

Con todo, no sector agárdase que unha vez máis os contratos definitivos que se negocien a partir de finais de xuño coas granxas para a compra do leite do outono poidan ver incrementado o prezo da oferta, como veu sucedendo no último ano, no que a presentación de ofertas se converteu nun mero trámite legal.

Ante o temor a un mercado cambiante e inestable, a tónica de todas as empresas nas últimas renovacións foi presentar unha oferta a un ano (o prazo que marca a lei) baixa e un contrato posterior a curto prazo máis realista.

Segue incrementándose o diferencial de prezo entre as explotacións grandes e as pequenas

Semella que esa estratexia se volverá repetir, con contratos de tan só de dous meses (agosto e setembro) ou como moito até decembro. Tan só nun escenario de baixadas de prezo, no que as industrias percibiran que non están a arriscar, se estirarían até marzo.

Desde as organizacións agrarias esperan que desta volta non haxa reducións significativas a respecto dos contratos vixentes actualmente, que se moven, dependendo da empresa, en prezos no entorno dos 45 céntimos, 15 menos que os máximos acadados a finais de 2022.

Naturleite marcará a tendencia

A primeira en mover ficha terá que ser Naturleite, xa que renova un mes antes (en xullo). O que faga a empresa asentada en Meira pertencente á cooperativa andaluza COVAP marcará o camiño do resto de industrias.

A oferta que ten presentada é de 40 céntimos de base máis as primas (1 céntimo por benestar e medio ambiente e outro por calidade hixiénico-sanitaria), o que suporía unha baixada de 4 céntimos respecto ao contrato actual (44 céntimos de prezo base máis 2 de primas), pero segundo algunhas fontes xa se tería comprometido a manter prezos.

Repunte do índice A3

Ao igual que Naturleite, tamén Inleit renova desta volta un mes antes que a maioría de industrias que recollen leite en Galicia, pero a planta de Teixeiro, de capital español e americano, segue apostando por facer regularizacións de prezo fóra de contrato cada tres meses, malia que vén de ser condenada xudicialmente por non cumprir os contratos asinados no ano 2020.

A oferta é de 40 céntimos de base para xullo (o mesmo que ten neste momento no contrato) e os 11 meses restantes referenciado a unha fórmula que multiplica o índice A3 da Inlac por 2,7 (o valor promedio dos últimos 9 anos).

Desta maneira, o prezo para agosto, tendo en conta que o índice A3 sitúase neste momento en 151,51 (correspondente ao mes de marzo, o último publicado), sería de 40,9 céntimos.

Inleit segue coa súa política de regularizacións extracontractuais trimestrais

A ese prezo habería que engadir a prima de dobre A (1 céntimo no mellor dos casos por ter menos de 230.000 células e menos de 30.000 bacterias), a de volume (1 euro por cada 10.000 litros entregados ao mes ata un máximo de 2 céntimos en granxas con máis de 200.000 litros/mes) e a de calidades (0,4 céntimos por cada décima de graxa ou proteína que pase de 3,70% e 3,20% respectivamente).

No último mes o incremento do índice A3 foi do 0,4% impulsado, sobre todo, pola suba do prezo do leite nos 5 países europeos de referencia (Alemaña, Francia, Portugal, Países Baixos e Dinamarca) e o incremento do prezo dos queixos e a manteiga. O prezo dos pensos, ao igual que o custo de transformación industrial do leite, permanece estable.

O índice A3 da Interprofesional Láctea ten en conta varios factores: o prezo medio nos cinco países europeos con maior incidencia sobre o mercado español (que pesa o 19%); o prezo das materias primas de alimentación do gando (19%); o índice de produción industrial de lácteos (25%); o prezo da manteiga (19%); o prezo de catro queixos industriais (11%); e o do leite en po desnatado (7%).

42 céntimos de Entrepinares

Entrepinares ofrece 42 céntimos ás súas ganderías, unhas 160, para comprarlles o leite de agosto de 2024 a xullo de 2025. A empresa de Valladolid baixa un céntimo e medio a respecto da última oferta presentada e 4 céntimos en relación ao prezo do actual contrato.

Con todo, agárdase que este non sexa o prezo final dos contratos que asine a queixería de Vilalba, como aconteceu na primavera, cunha oferta de 43,5 céntimos que ao final no contrato quedou en 47 céntimos para abril e maio e 46 para xuño e xullo.

O prezo base da queixería de Vilalba é dos máis altos porque non paga prima por volume ás súas granxas galegas

O prezo base de Entrepinares é dos máis altos, pero hai que ter en conta que en Galicia non ten prima por volume (en Castela si, de 1 céntimo) e que os sólidos só se pagan a partir de 3,80% de graxa (0,5 céntimos a décima) e 3,3% de proteína (0,7 céntimos a décima).

Lactalis, oferta a prezo fixo

A multinacional francesa Lactalis, a empresa que máis leite recolle en Galicia, en máis de 1.100 ganderías, baixa o prezo base na súa oferta da barreira psicolóxica dos 40 céntimos, ofrecendo 39 máis primas (1 céntimo de dobre AA, 1 de benestar e até 3 de volume).

Entre 20.000 e 35.000 litros ao mes Lactalis paga 0,5 céntimos; entre 35.000 e 50.000 1,2; de 50.000 a 75.000 1,7; de 75.000 a 100.000 2; de 100.000 a 150.000 2,5; de 150.000 a 200.000 2,7; e por enriba de 200.000 3 céntimos.   

Lactalis prima con até 3 céntimos ás ganderías de maior volume, por enriba dos 200.000 litros ao mes

Así, o prezo final para unha gandería de máis de 200.000 litros ao mes sería, no mellor dos casos, de 44 céntimos, cunha notable diferenza a respecto dunha gandería de pequeno tamaño e que non cumpra coa puntuación mínima do certificado de benestar, que se quedaría nos 40 céntimos (sempre que teña unha calidade hixiénica de menos de 240.000 células e 25.000 xermes).

A novidade da oferta de Lactalis a un ano é que desta volta é a prezo fixo, sen indexar o 25% do prezo base á cotización do leite enteiro en po (WMP), como acontecía normalmente até agora nas ofertas da compañía francesa, que despois, sen embargo, asinaba contratos a prezo fixo.

A oferta anterior de Lactalis mantiña unha cuarta parte do prezo variable e a media quedaba en 40,3 céntimos, 1,3 céntimos máis que a actual oferta, mentres que o contrato foi finalmente de 41 céntimos de base.

CAPSA, 5 céntimos de diferenza ente Asturias e Galicia

Larsa mantivera sempre até agora un contrato con dous prezos, un 70% a prezo fixo e un 30% vinculado ao prezo da manteiga, que se revalorizou máis dun 40% desde finais do verán pasado. Pero no último contrato asinado xa prescindiu da indexación e asinou a prezo fixo. Na oferta presentada para os próximos meses CAPSA mantén esa mesma estratexia, cun prezo base de 40 céntimos máis primas por calidade hixiénica, volume e pastoreo.

CAPSA ofrece un prezo base de 40 céntimos aos 800 gandeiros aos que recolle o leite en Galicia, mentres en Asturias está pagando a 45, despois de baixar 2 céntimos en maio

Supón unha baixada de 2 céntimos con respecto ao contrato actual, que ten un prezo base de 42 céntimos, aos que habería que sumar a prima de cantidade (de ata 4,5 céntimos no caso das ganderías de maior volume), a prima por calidade hixiénico-sanitaria (que vai de 0,5 a 1,5 céntimos, fixando a super A en menos de 25.000 xermes e 190.000 células) e a prima de pastoreo (1,5 céntimos no caso de granxas en extensivo).

En Asturias CAPSA pagará o leite de maio aos socios da cooperativa a 45 céntimos máis primas, logo dunha baixada de dous céntimos no complemento ao prezo. Para acadar ese valor é necesario cumprir cunha serie de obrigas, entre outras mercar o penso a ASA (a empresa de subministros de Central Lechera Asturiana), que o está a vender nestes momentos a 432 euros a tonelada.

Reny Picot, de novo das máis baixas

Unha das novidades das últimas ofertas foi que Reny Picot presentou a súa en prazo, con dous meses de antelación sobre a data de finalización, tal como marca a normativa. A práctica habitual até agora da industria asturiana era levar a oferta ás explotacións ao mesmo tempo que o contrato para asinar. ILAS está pagando neste momento a 40 céntimos máis primas e a oferta para despois de agosto pon o prezo base en 38 céntimos para as preto de 500 ganderías que recolle en Galicia.

ILAS ofrece 38 céntimos máis primas, Leite Celta 39 e Grupo Lence 40

O Grupo Lence sitúa o prezo base na súa oferta de renovación en 40 céntimos, 1,7 céntimos menos que na anterior oferta presentada en febreiro, aos que habería que engadir as primas por calidades (0,3 céntimos a décima de graxa e proteína), certificación de benestar animal (0,01 céntimos), bacterioloxía (a super A de Leite Río e Leyma sitúase en menos de 30.000 xermes e menos de 250.000 células e págase a 0,001 céntimos) e volume (de 40.000 a 60.000 litros 1 céntimo e máis de 60.000, 2 céntimos). As ofertas non inclúen a prima de fidelización, que se incorpora despois nos contratos.

A cooperativa portuguesa Lactogal, propietaria da planta de Leite Celta en Pontedeume, aposta habitualmente por presentar ofertas escalonadas, con prezos base diferentes por meses. Hai un ano a oferta a 12 meses fora de agosto a outubro a 45 céntimos e o resto de meses (de novembro a xullo) a 40 céntimos. Nesta ocasión ofrece un prezo base medio de 39 céntimos máis primas.

Caída do prezo do brick das primeiras marcas nos lineais á espera do que aconteza coa rebaixa do IVE

O 30 de xuño remata a prórroga fixada polo Goberno español para a rebaixa do IVE ao tipo impositivo do 0% en determinados produtos alimentarios básicos, como por exemplo o leite, establecida no seu día como medida para loitar contra o incremento da cesta da compra e conter con iso a inflación. Polo de agora o Ministro de Economía avanzou que se estudará a situación de cada produto de xeito individual antes de tomar unha decisión ao respecto.

Este é un dos elementos de incerteza que está a pesar na decisión das industrias á hora de presentar as súas ofertas, que se suma á volatilidade do mercado lácteo nos últimos tres anos a raíz das compras masivas feitas por China despois da pandemia.

O leite enteiro de marca branca mantense nos 89 céntimos, o semidesnatado en 82 e o desnatado en 80

Á espera da decisión do Goberno, a maioría das cadeas de distribución manteñen o leite enteiro de marca branca en prezos que oscilan entre os 89 e os 91 céntimos, tendo efectuado sen embargo baixadas de 4 e 5 céntimos no semidesnatado (o máis consumido), que se sitúa en 82-83 céntimos en función do supermercado, e o desnatado, que está en 80 céntimos.

Algunhas primeiras marcas, como Central Lechera Asturiana ou Feiraco, baixaron 4 céntimos a semana pasada

Arrastradas pola caída nas vendas en favor das marcas de distribución, algunhas das primeiras marcas de fabricante en Galicia, como Central Lechera Asturiana ou Feiraco, baixaron a semana pasada de 1,09 a 1,05 euros o brick de leite semidesnatado en supermercados como Eroski, Carrefour ou Día.

Presión do leite barato de Reny Picot

Empresas que non se adican tradicionalmente ao envasado de leite, como Reny Picot ou Queserías Sarrianas, están a exercer presión sobre empresas como Lactalis, Grupo Lence, Celta ou CLUN, habituais subministradoras de leite de marca branca para as cadeas de distribución.

Pero as dificultades que están a atravesar mercados como o do queixo, por mor da competencia de queixo barato de centroeuropa, está a empurrar a empresas como ILAS a lanzarse a envasar leite e a vendelo a prezo de custo para obter liquidez. É a súa maneira de aguantar financieiramente a que chegue o cambio de ciclo para os seus principais produtos, como o queixo, o leite en po ou o soro.

Desde xaneiro ILAS está a facer brick barato mentres agarda polo cambio de ciclo do mercado do soro e do leite en po

De feito, Reny Picot mercou fai un ano dúas naves en Ribadeo, unhas instalacións dotadas de cámaras frigoríficas que pertenceran á empresa Aromar e polas que pagou dous millóns de euros, para almacenar derivados lácteos.

A empresa asturiana estoca en Ribadeo o buteroil que fabrica en Navia pero tería xa as cámaras cheas

Neses 2.500 metros cadrados ILAS estaría estocando unha parte da produción que fabrica en Navia, sobre todo buteroil (manteiga líquida que se mete en bidóns), moi utilizada en fórmulas para fabricación de bolería industrial. É un produto cunha caducidade elevada que se destina sobre todo ao mercado internacional e que se almacena cando o ciclo de mercado é malo e o produto non é competitivo.

Queixerías Sarrianas leva meses arrastrando retrasos nos pagos ás ganderías provedoras

A entrada de Reny Picot no mercado do brick de marca blanca tería prexudicado contratos de Leite Río no Día e tamén algún de Queserías Sarrianas, que tería perdido contratos semellantes no IFA. A queixería ubicada en San Salvador do Mato e propiedade do empresario canario Francisco Martel tamén se tería lanzado de cheo a envasar leite barato ante a competencia dos queixos foráneos.

Fomento Lácteo tratou sen éxito de colocar a cisterna que lle vendía a CLUN

Aínda que a situación de demanda mellorou lixeiramente, maioría das industrias que compran leite en Galicia teñen as súas necesidades de subministro cubertas neste momento, polo que os movementos de captación son escasos.

Nas últimas renovacións de contratos, Larsa colleu algunha granxa puntual para completar rutas, o mesmo que fixo o Grupo Lence cunha explotación que deixou Nestlé en Tordoia para compensar o peche de ganderías nesa zona.

Un caso sintomático que evidencia esta certa saturación da oferta foi o que lle pasou á empresa Fomento Lácteo, un primeiro comprador de Saldaña (Palencia), que se viu obrigado a deixar algunhas granxas.

Feiraco reforzou a súa recollida con granxas da Mariña e deixou de mercar o leite a Fomento Lácteo, que tivo que deixar explotacións en Castro de Rei e Guitiriz

En días alternos, a empresa transportaba unha cisterna de leite a Castela, que vendía a distintas queixerías, unha ruta que era compartida con Feiraco, a quen lle vendía ese leite os días nos que non marchaba para Castela. Pero CLUN decidiu reforzar a súa recollida propia con varias granxas na Mariña, como Torres Merelle de Ribadeo, e prescindir do leite mercado a Fomento Lácteo, que tratou despois sen éxito de colocar esa cisterna que cada dous días lle mercaba Feiraco.

O incremento de produción por mor da primavera adiantada nos meses do inverno deste ano e os investimentos realizados no último ano nalgunhas explotacións, favorecidos polos bos prezos do leite, acabaron tamén por provocar nos meses de xaneiro, febreiro e marzo un exceso de oferta de leite do que se beneficiou Inleit, xa que a planta de Teixeiro é destino habitual desde a súa creación das cisternas sobrantes de cooperativas como Aira ou Leite Noso.

Unha práctica á que nos meses pasados se uniu tamén Naturleite, que estivo enviando até catro cisternas diarias, e tamén Lactogal, que traía leite de Portugal. Inleit compraba ese leite de oportunidade por debaixo mesmo dos 40 céntimos.  

Ao mesmo prezo que en Europa

Ao tempo que explotacións leiteiras galegas acumulan un ano de continuas baixadas no prezo do leite en orixe, Europa estabilizou os prezos, mesmo con repuntes nos últimos meses, de maneira que Galicia quedou xa, coa baixada efectuada en abril e o diferencial negativo que mantén a respecto doutras comunidades como Asturias, Castela e León ou Cataluña, a un prezo europeo (46,31 céntimos en abril).

Nos Países Baixos, Friesland Campina decidiu subir o prezo para xuño até os 47,75 céntimos para un contido dun 4,45% de graxa e un 3,58% de proteína e en Francia Lactalis chegou a un acordo con Unell, a asociación que reúne ás 11 organizacións de produtores (5.200 gandeiros) que entregan leite á empresa, para os meses de maio e xuño, nos que queda fixado o prezo base en 42,3 céntimos (3,8% de graxa e 3,3% de proteína).

A caída no censo de vacas e xovencas en Europa anticipa unha menor produción nos vindeiros meses

En canto ás entregas de leite en Europa, están a rexistrar un descenso importante en países como Irlanda (-8,9% de xaneiro a marzo deste ano en comparación co primeiro trimestre do 2023), Holanda (-2,2%), Dinamarca (-0,9%) ou Alemaña (-0,7%) e incrementos en países como España (+1,2%), Francia (+0,5%) e Italia (+0,5%), pero sobre todo en Polonia (+3,6%) e outros países do leste, que fan que as entregas no conxunto da UE teñan subido un 1,1%.

Con todo, a caída tanto no censo de vacas como principalmente no de xovencas, anticipa menos produción nos vindeiros meses. En España o descenso no número de vacas foi dun 1,1% no último ano (hai neste momento 776.252) e o de xovencas dun 7,9% (249.713 animais en marzo). A mesma tendencia se dá en Francia, Alemaña ou Irlanda, con descensos do 2% na súa cabana leiteira.

A manteiga cotiza xa en Europa a 609 euros a tonelada, lonxe dos 430€ nos que tocou fondo a finais do verán pasado e o leite spot en Italia está a 52,3 céntimos

O leite spot en Italia, un indicativo da demanda en Europa, sitúase xa nos 52,3 céntimos o litro, moi por enriba dos niveis do ano pasado por estas datas e lixeiramente por baixo da cotización do 2022, cando anticipou prezos récord no campo.

Os mercados internacionais experimentaron tamén nas últimas semanas importantes repuntes, protagonizados pola manteiga, que se revalorizou un 4,3% en mayo, confirmando a tendencia alcista dos últimos meses.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información