Un grupo de gandeiros de Lugo bloquean desde esta madrugada o Carrefour de Lugo, situado na nacional N-VI para presionar á multinacional francesa co obxectivo de que asine o acordo lácteo e repercuta nos produtores a suba de prezos do leite no lineal.
O bloqueo comezou pasada a unha da mañá cando un grupo duns 20 gandeiros, desvinculados de Agromuralla e seguindo a estratexia da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego, bloquearon o acceso de mercadorías e o acceso ao aparcadoiro do Carrefour. Sen embargo, a policía obrigounos a deixar libre o acceso ao parking. Con todo, ao longo da mañá producíronse colas nos accesos ao centro comercial ao entorpecer os tractores o acceso. A esta hora un grupo duns 20 tractores mantéñense no centro atrancando o acceso á descarga de mercadorías ou aparcados nos arredores do centro.
Prevese que ao longo desta tarde representantes de Carrefour inicien negociacións cos gandeiros
Deste xeito, xunto ao Carrefour de Lugo, os gandeiros da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego manteñen bloqueados tamén o Carrefour de Alfonso Molina, na Coruña, e o Alcampo de Palavea, tamén na cidade herculina. O obxectivo é presionar á multinacional francesa para que abra un proceso de negociacións e chegar a un acordo similar ao que xa lograron con Eroski e con Lidl: unha suba mínima de 2 céntimos que se lle deberá trasladar aos gandeiros e a aposta por potenciar a orixe galega do leite a través do selo Galega 100% nas súas marcas brancas.
Segundo fontes da Plataforma, prevese que ao longo desta tarde responsables de Carrefour inicien negociacións cos representantes dos gandeiros.