Agacal anuncia unha inversión de 6 millóns de euros para os centros de investigación

Medio Rural incrementará un 35% o orzamento da Axencia Galega da Calidade Alimentaria. Investirá 2 millóns de euros no Ciam e outros 4 no proxecto de promoción do rural galego de Sergude

Agacal anuncia unha inversión de 6 millóns de euros para os centros de investigación

Traballos de ensilado nas instalacións do Ciam en Mabegondo.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) contará para 2021 cun orzamento que superará os 27 millóns de euros, un 35% superior ó manexado no presente ano, aumentando un 40% o destinado a formación e duplicando a inversión en innovación. Así o detallou o novo director xeral da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, durante a súa comparecencia esta mañá na 7ª Comisión de Agricultura, celebrada no Parlamento Galego, para dar conta do estado actual dos centros que conforman a entidade e dos plans de futuro, a petición do Bloque Nacionalista Galego.

A inversión nos centros de investigación foi unha das liñas destacadas por Cabarcos na súa primeira comparecencia na Cámara, despois de que fose nomeado novo director xeral da entidade hai pouco máis de 2 meses. Destinarán 2 millóns de euros para o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam), para optimizar as infraestruturas de ensaio precisas para o banco de xermoplasma e recursos fitoxenéticos, así como para a implantación dunha granxa que permita consolidar un modelo para o desenvolvemento das mellores prácticas dispoñibles. Outros 4 millóns dirixiranse ó Centro de promoción e imaxe dos produtos agrícolas, gandeiros e forestais de Galicia, o denominado “espello do rural” que se situará en Sergude (Boqueixón) e que prevén comezar a construír o próximo ano.

Tamén en relación cos centros dependentes da Agacal, tanto de investigación como de formación, o director xeral anunciou melloras nas infraestruturas de apoio á investigación mediante a renovación e adecuación das instalacións, maquinaria e equipamentos, ademais da operatividade dos centros e laboratorios en canto á dotación de instrumental científico-tecnolóxico e á calidade das súas tecnoloxías de información e comunicación, facilitando a súa conexión en rede.

A xestión dos centros de investigación e formación foi un dos aspectos no que máis insistiron dende os dous grupos da oposición. Tanto PSdeG como BNG, recordaron as deficiencias das instalacións e dos equipos destes centros, así como a falta de contratación de investigadores, a ineficaz xestión dos fondos ou a inexistencia dunha planificación axeitada, denunciadas reiteradamente nos últimos anos e que comprometen o bo funcionamento dos centros de investigación e a oferta formativa no ámbito agrogandeiro e forestal.

Cabarcos tamén anunciou que se creará a Fundación de investigación agraria aplicada de Galicia, orientada á transferencia efectiva para a mellora dos produtos e procesos do sector agroalimentario galego, así como da rendibilidade e da sustentabilidade ambiental das explotacións e da calidade e seguridade alimentarias.

Lei de calidade alimentaria

No ámbito propiamente da calidade, José Luis Cabarcos avanzou que en xaneiro se comezará a desenvolver a Lei da calidade alimentaria, fundamentada na potenciación das diferentes figuras de calidade alimentaria e no impulso ao I+D+i, á formación e á transferencia de coñecemento ao sector agroalimentario. Así, reforzarase a marca paraugas que amparará as producións de calidade e novos selos como o da artesanía alimentaria, que se suma ás 36 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas galegas xa consolidadas. Nesa dirección, sinalou que en 2021 se investirán 1,45 millóns na promoción dos produtos agroalimentarios e preto 1 millón de euros na creación de mercados singulares para prestixiar as producións galegas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información