A xornada do Día do Apicultor, organizada pola Asociación Galega de Apicultura (Aga) e celebrada este sábado en Arzúa estivo marcada pola numerosa asistencia de público nas charlas de temática variada. Tratáronse temas como o manexo das colmeas sen tratamentos, no que se integra o respeto pola natureza cos coñecementos actuais sobre produción apícola, ou a apicultura en Etiopía, un país cun gran potencial apícola e onde a cooperativa Erica Mel está participando nun proxecto de cooperación con apicultores etíopes.
Pero principalmente falouse sobre a Vespa velutina, que continúa sendo no 2017 a gran ameaza das abellas. Os socios de Aga Ramiro Freire, Oscar Abad e Dieter Boisits presentaron as súas experiencias innovadoras coa arpa eléctrica e amosaron as vantaxes que ten a súa utilización.
Aga aposta pola arpa eléctrica para a protección das colmeas
Neste sentido, Aga anunciou a constitución dun grupo de innovación que traballará no desenvolvemento deste aparato co fin de poñelo a disposición dos seus socios e socias para protexer as colmeas fronte o avespón asiático, especialmente durante o verán, que é cando sofren maior presión, provocando que as abellas non poidan saír a pecorear e causando incluso a morte da colmeas.
Por outra parte, Laura García, asesora xurídica de Aga, fixo un resumo sobre a regulación da problemática enfatizando na importancia de que a Vespa velutina sexa tratada como especie exótica invasora e polo tanto sexa competencia da Consellería de Medio Ambiente.
Na Apiexpo, aberta ao público durante a xornada, participaron este ano varias firmas de material apícola, Lyson de Polonia, Anel de Grecia e Autoframe. Aga hoxe ademais comezou co reparto das trampas e atraentes contra a Vespa velutina que lle entregou a Consellería de Medio Rural para a captura de raíñas fundadoras durante esta primavera.