O estrés da cidade e sentir que non encaixaba nun lugar onde a vida vai de présa e non se detén foron dous dos motivos que empurraron á lalinense Beatriz Rodríguez Varela a retornar ao campo. Esta moza naceu na parroquia lalinense de Sello e mudárase a Barcelona, pero ao pouco xa se decatou de que “afogaba na cidade”, indica a moza, e engade que “tratei de aguantar ata un momento no que me foi imposible continuar”. Así, volveu a casa para reflexionar como encamiñar a súa vida “e decateime do que realmente me facía feliz e se aliñaba co estilo de vida que quería: o rural”.
O seu vínculo cos traballos do rural nunca foi directo, pero si lembra que tanto os avós paternos como maternos tiveron vacas nas súas casas, porén de maneira moi distinta: Puido coñecer, pola parte de súa nai o que é a produción en convencional, e pola de seu pai a tradicional. “Sempre me gustou moito a metodoloxía tradicional porque protexe o medio ambiente, ten en conta o benestar dos animais e, por suposto, o das persoas. Por iso, decidín emprender este proxecto conservando estes procesos”, destaca.
A importancia da formación
Para poñer en marcha o proxecto, Beatriz tivo que dedicarlle horas de estudo para ter algo de coñecemento sobre como traballar a terra ou coidar os animais. Explica que hai tres vías de formación.
“Co sistema proba – erro aprendes, pero é necesario ter unha formación de base para que as cousas saian adiante”
Por unha banda, está a pública que ofrece a Xunta de Galicia a través de cursos gratuítos. “Eu fixen un de capacidade e aptitude empresarial en Monforte moi útil, porque ademais era semipresencial, o que facilitaba poder facer outras xestións mentres aprendía”, puntualiza, e engade que foi un “bo método de introdución para emprender no sector”.
Unha segunda vía é a formación privada que ofrece algún organismo vinculado co sector ou empresas. A través destes obradoiros, esta emprendedora obtivo coñecementos sobre agricultura ecolóxica.
Finalmente, destaca a metodoloxía proba-erro, a través da que se aprende moito, “pero se non hai unha formación teórica en agricultura e gandería ecolóxica, aprender só con isto é case imposible que saian as cousas adiante”.
Ao ser un proxecto en ecolóxico, destaca a necesidade da formación para traballar dende a prevención. Detalla que na agricultura e gandería en ecolóxico búscase enfocar todo cara ao inicio do traballo, para que conforme se vai avanzando cara aos seguintes procesos, non xurdan pragas nin outras enfermidades. “Tamén a medida que xorden problemas, hai que ir aprendendo”, sinala.
“Na agricultura e gandería ecolóxica, o fundamental é traballar desde a prevención”
As trabas da burocracia para empezar de cero
Esta moza diferenza entre os trámites burocráticos e o persoal de Medio Rural. Subliña que os procesos que dependen directamente do persoal, como pode ser unha inscrición, “facilítanos moitos”. Polo contrario, a burocracia máis grande como pode ser a axuda de incorporación, “vai moi lenta”.
Cando falamos con ela, Beatriz levaba agardando pola axuda máis dun ano, aínda así decidiu xa poñer en marcha o proxecto “a pesares de que me recomendaron agardar”. Considera que, no caso de que veña denegada, tería que agardar un ano máis e “non estou disposta porque canto máis tarde comece, máis tardarei en medrar”.
Adestrará unha poldra e unha cadela para o pastoreo dos animais, o que lle facilitará o traslado entre as fincas
O feito de agardar pola axuda de incorporación estalle a retardar a certificación en ecolóxico, xa que “quería contar con ese diñeiro para poder pagar os trámites do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica (Craega)”. Ata o momento, só tivo unha reunión co persoal do Craega para informarse, pero todo o proceso leva uns gastos, polo que “decidín empregar todas as metodoloxías necesarias para que unha vez reciba a axuda, pague os trámites e xa poida iniciar o proceso para que me outorguen o selo”, relata.
Produtos de tempada
Aer é un proxecto de gandería e agricultura en ecolóxico, que busca ofrecer produtos de tempada que completen unha dieta variada. Para iso, en canto a gandería actualmente ten unhas 15 cabras, herdadas de seus pais, tres ovellas, unha xata e unha poldra. “Quixen empezar con poucos animais e que fosen crías para coñecelos, ir aprendendo con eles e mellorando na súa xestión”, expón.
A poldra e unha cadela pequena quere ensinalas para o pastoreo. Tendo en conta a distancia das fincas e que os accesos, nalgunha delas, son complicados, facilitaranlle o traballo do manexo.

Imaxe da colleita do pasado ano. Cedida
En canto á horta, comezou a primavera pasada con poucos metros cadrados e colleitou a súa primeira produción. Agora xa ten a terra medio preparada para comezar cos bancais e plantar. “Vai haber produtos variados de tempada porque quero promover unha dieta variada”. Ademais, xestiona árbores froiteiras e soutos e carballeiras, que lle supoñen un gran aporte de biomasa para a súa horta.
A curto prazo, o seu obxectivo, que está na estrutura do proxecto, é chegar ás 10 vacas, as cabras unhas 20 e media hectárea de horta ao aire libre, con algunha horta en invernadoiro, principalmente para sementeira. “A longo prazo quero poder chegar a satisfacer a demanda desta zona en produtos ecolóxicos, tanto a nivel carne como a nivel vexetal”, conclúe.
A través das súas redes sociais, ofrece a parte positiva e agradable da vida do campo, para que se perdan estigmas sobre o rural
Venda dos produtos
O seu obxectivo é a venda directa de produtos, así como participar en feiras coma o Mercado dos Sábados, que se celebra en Lalín. A medio-longo prazo, buscará facilitar o proceso de mercar o produto. Ten o proxecto de, en contacto cunha nutricionista especializada, crear unhas caixas nas que vaia unha proposta de dieta semanal, e que a caixa conteña todo o necesario para os menús dunha semana.
Para a venda directa, coa cal conta comezar nesta primavera, porá en marcha unha web que sexa cómoda e fácil de empregar “porque creo que canto máis sinxelo sexa, máis éxito vai ter”. Á par disto, seguirá coas redes sociais (@aer.ecofarm), que actualmente son a ferramenta principal que lle permiten dar a coñecer o seu proxecto e a xerar interese.
“Ademais de permitir potenciar Aer e que poida crear un mercado, tamén conectan ás persoas co campo porque, ás veces, a sociedade está desconectada de onde veñen os produtos e como se crea todo isto”, reclama. Engade que é moi importante que coñezan a súa experiencia porque “me dá moita pena que o rural galego estea morrendo e entón no meu perfil trato de facer contido agradable porque me gustaría dar unha visión positiva da vida do campo para que a xente vaia perdendo eses estigmas ou prexuízos sobre a vida aquí”.
Aer representa a unión entre os animais, as persoas e a natureza
Xunto coa actividade produtiva, Beatriz desenvolve tamén actividades paralelas, coas que difundir o seu proxecto e obter uns ingresos adicionais. Hai uns meses celebrou un primeiro brunch, que xerou un grande interese e tivo éxito, por iso conta facelos de maneira periódica. Estas experiencias permiten dar a coñecer Aer e que as persoas poidan achegarse aos produtos que buscan e tamén que conecten co rural.
“Ás persoas permitiralles profundar no campo e a min servirame para manter os prezos dos produtos esenciais a un custo baixo”. Na primeira xornada, levaban sobre 1,5 kg de castañas e todos os cogomelos que recollesen, ademais de gozar dun almorzo con produtos ecolóxicos.
Falta de conexión co rural
Beatriz laméntase da falta de interese polo rural que hai por parte da sociedade en xeral, pero en especial da mocidade, que non ven que hai moito futuro e un nicho de mercado sen explotar. “O estilo de vida aquí é para valorar, ofrece menos estrés, con todo o que iso leva”.
Relata que a situación económica actual está dificultando o abastecemento do alimento á poboación, e considera que Galicia, co ascenso de temperaturas que ten o resto de España e por como vai variar a produción de alimento, está destinada a ser un foco de produción. “Entón estamos nun bo punto de emprendemento neste sector porque vai haber moito mercado aberto para nós e estaría ben aproveitalo”, afirma.
De feito, vinculado con esa falta de conexión pódese dicir que o nome de Aer (aire en latín) trata de buscar esa conexión entre os animais, as persoas e a natureza. “Representa, por unha banda, o aire que me faltaba na cidade, e, pola outra, o ecolóxico e o psicolóxico, é dicir, a sinerxía da saúde, o benestar e a felicidade que se consegue entre natureza, animais e persoas”, conclúe a moza emprendedora.