A Consellería do Medio Rural vén de proceder na última poxa electrónica celebrada na Coruña á venda de 23 lotes de madeira taxados inicialmente en 427.546,64 euros e que finalmente acadaron un valor total de 639.877,20 euros. Destes 23 lotes, catro quedaron desertos. Todos os lotes pertencen a comunidades de montes veciñais en man común con convenios ou consorcios de xestión coa Xunta.
Os importes acadados na poxa confirman a suba de prezos da madeira de coníferas, chegando a superarse os 60 euros por tonelada en monte para a rolla de piñeiro do país, e prezos ao redor dos 20 euros por tonelada para o puntal da mesma especie, segundo os datos da Xunta. Cómpre destacar que os mellores prezos acádanse na madeira baixo certificación da xestión forestal sostible realizada polo persoal da Xunta, e enmárcanse nunha dinámica de suba desta materia prima, sendo previsible que continúen á alza no futuro, debido a que a madeira de coníferas está sendo moi demandada internacionalmente polas súas múltiples aplicacións.
Os lotes de madeira certificada cumpren cando menos os requisitos dun dos dous sistemas de certificación más implantados a nivel mundial. Así, 15 lotes contan con certificación forestal sostible PEFC e un máis coa dobre certificación PEFC e FSC. Ademais, as empresas adxudicatarias destes lotes dispoñen dun certificado de cadea de custodia, que permite garantir a trazabilidade da madeira e o mantemento destes selos ata o produto final. A certificación forestal sostible garante -ao máximo nivel- que a xestión dos bosques dos que provén esta madeira é respectuosa co medio ambiente, ao mesmo tempo que cumpren outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais.
En total, os lotes suman 21.000 toneladas de madeira de piñeiro do país e eucalipto branco, xunto con cantidades menores doutras especies. Isto tradúcese, segundo os cálculos da Xunta, nunha absorción de CO² de máis de 15.000 toneladas que foron retiradas da atmosfera durante a vida destas árbores, que agora serán substituídas por novos pés que continuarán absorbendo este gas de efecto invernadoiro.
Procedemento electrónico
A poxa de madeira en liña é posible grazas á plataforma desenvolvida entre a Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que permite consultar os lotes de alleamento e obter información das súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente. Ademais, permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato PDF os planos e mesmo descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles para localizar facilmente as superficies arboradas que son obxecto das poxas públicas.
A maiores, os licitadores poden presentar directamente as súas ofertas económicas na Sede electrónica da Xunta de Galicia, apoiándose nun videotitorial elaborado ao efecto. Toda a información relacionada coas poxas de madeira pode consultarse no seguinte enderezo do portal web da Consellería do Medio Rural.
Buenas tardes, estoy interesada en comprar 28 toneladas de eucalipto. Por favor me podría enviar su presupuesto hasta Venezuela, gracias