Centos de ganderías de vacún de leite de Galicia poderían pechar nos vindeiros meses pola tormenta perfecta: Prezos do leite en orixe á baixa dende hai 14 meses e uns temporais que levan arrasado boa parte da colleita de millo forraxeiro, especialmente na provincia da Coruña, e cunhas choivas persistentes que posiblemente tampouco podan deixar sementar as pradeiras de inverno.
Así o advertiu esta mañá en rolda de prensa en Santiago de Compostela a organización Unións Agrarias, que cifra nun 60% a produción de millo forraxeiro perdida, a principal fonte de alimentación das ganderías de vacún de leite, polo que urxe á Xunta de Galicia a que reaccione e poña en marcha axudas directas ás explotacións.
Tanto ao responsable de coordinación sectorial do sindicato, Félix Porto, como o responsable do sector lácteo, Óscar Pose, advertiron de “perdas masivas” e “aumento considerable dos custos de produción” a consecuencia dos efectos do temporal Kirk. “Se o 70% do custe de produción dun litro de leite vai na alimentación do gando e calcúlase que se perdeu o 60% da produción de millo en Galicia, que non se vai poder recoller, vai haber un impacto considerable nas contas de resultados das explotacións”, advertiu Félix Porto.
Pola súa parte, Óscar Pose estimou que as perdas para as ganderías roldan os 65 millóns de euros, quedando pendentes de ensilar unhas 21800 hectáreas de millo forraxeiro, das arredor de 75.000 que se sementaron en Galicia. “Moito do millo está tumbado, a terra está enchoupada de auga e é moi difícil ensilar, cos problemas de conservación a maiores que supón e de perda de almidón. É moi difícil substituír o millo forraxeiro na ración, de aí a necesidade de que a Xunta poña en marcha axudas directas ás ganderías para comprar forraxes o antes posible, e aínda así co risco de atopar no mercado forraxes para unha cantidade animais tan elevada”, sinalou.
“Hai que modificar os contratos en vigor para repercutir a suba de custos pola perda das forraxes”
Ademais, das axudas directas para conseguir forraxes para as granxas máis afectadas e evitar así a caída da produción e mesmo o peche de explotacións, dende Unións Agrarias defenden que é preciso frear o diferencial de prezos de leite -unha media de 4 céntimos por litro, segundo os seus cálculos- entre Galicia e a media do resto de Comunidades Autónomas.
Neste sentido, Óscar Pose demandou que o incremento de custos de produción que provocou esta perda do millo forraxeiro polos temporais debe repercutirse no prezo do leite, cun incremento que compense os maiores gastos. “É preciso modificar á alza o 100% dos contratos en vigor e así llo trasladaremos ás industrias lácteas”, recalcou o responsable do sector lácteo en Unións Agrarias.
Pose incidiu en que esta suba de prezos é posible coas actuais cotizacións dos produtos industriais como a manteiga en máximos históricos, cando precisamente o leite galego ten maior contido de materia graxa. «Temos 4 céntimos menos por litro de leite, cando a industria saca aquí 7 céntimos máis que pola media española» , lembrou.
“Xunta e Ministerio deben flexibilizar a PAC pois en moitos casos vai ser imposible sementar un cultivo de inverno”
Outra das demandas de Unións para mellorar os prezos do leite en orixe nesta sitaución é a modificació nos contratos dos criterios do punto crioscópico. Así, Óscar Pose considerou que é unha excusa das industrias para non pagar primas de calidade aos gandeiros, e puxo como exemplo que mentres no Reino Unido o punto crioscópico está en -504 graos, en España está entre -512 y -519 graos.
Por último, dende Unións reclaman medidas de flexibilización da PAC ante a dificultade ou imposibilidade de cumprir coa condicionalidade sementando un cultivo de inverno cando menos no 75% do terreo declarado polas explotacións. “Estamos nunha situación excepcional na que non vai ser posible en moitos casos entrar nas fincas para sementar as pradeiras de inverno, polo que Xunta e Ministerio de Agricultura deberían porse de acordo para modificar a condicionalidade reforzada da PAC”, defenden dende Unións.