Advirten dun incremento das deficiencias de minerais na alimentación do vacún de leite

As gandarías de vacún de leite de Galicia e a Cornixa Cantábrica presentan unha crecente deficiencia en oligoelementos como selenio (Se), iodo (I), cobre (Cu) ou zinc (Zn). Así se puxo de manifesto en GandAgro a xornada sobre “Transmisión natural de nutrientes na cadea alimentaria” organizada pola cooperativa Delagro

Advirten dun incremento das deficiencias de minerais na alimentación do vacún de leite

Marta Miranda Castañón durante a súa ponencia na xornada organizada pola cooperativa DELAGRO

As vacas das gandarías de Galicia e da Cornixa Cantábrica presentan unha crecente deficiencia en minerais, sobre todo Se, Cu e I, polas deficiencias destes oligoelementos nos solos e, á súa vez, nas forraxes. Estas deficiencias afectan á saúde dos animais e tamén poden repercutir na riqueza nutricional do leite.

Así se puxo de manifesto o pasado venres en GandAgro durante a xornada sobre “Transmisión natural de nutrientes na cadea alimentaria” organizada pola cooperativa Delagro.

Neste sentido, Marta I. Miranda Castañón, profesora titular do Departamento de Anatomía, Produción Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias (APACCV) da Universidade de Santiago de Compostela, explicou cales son as principais carencias que se detectan nestes oligoelementos na nutrición da cabana de vacún de leite de Galicia e da cornixa cantábrica.

“Nestas rexións os solos predispoñen á baixa dispoñibilidade de Se, Cu e I para as plantas, e estas carencias, se non se compensan no abonado, transfírense a través da cadea alimentaria abono-planta-animal-leite”, explica.

Por iso resulta clave a suplementación mineral, ben sexa como fertilizantes no chan, como aditivos na forraxe ou directamente ás vacas. “Os desequilibrios nestes minerais van en aumento e detéctanse tanto en explotacións con vacas estabuladas e ración unifeed debido a racións menos variadas e equilibradas, ao estar moi baseadas no silo de millo e nunha ou dúas especies de gramíneas no silo de herba, aínda que é certo que se corrixen mediante suplementos minerais. Pero tamén nos sorprendeu que detectamos maiores deficiencias nas granxas en ecolóxico e a pastoreo, debido á falta de suplementación mineral”, explica a profesora da Facultade de Veterinaria.

¿Que consecuencias ten nas vacas a falta de minerais?

As deficiencias ou desequilibrios nesta minerais traza poden comprometer gravemente a saúde do rabaño. “Estes elementos traza son clave para o organismo xa que regulan todos os procesos metabólicos a nivel orgánico. Ademais, no caso do Cu, Zn e Se, son claves para a actividade encimática; para as hormonas, no caso do I, e para a absorción das vitaminas, se se trata do cobalto (Co)”, subliña Marta Miranda Castañón.

Ás carencias hai que engadir a existencia de interaccións entre estes microminerais e con outros compoñentes da ración, o que tamén pode levar a un desequilibrio. Así no caso dos ruminantes, o caso do antagonismo cobre-xofre-molidbdeno, ou a interacción do ferro coa maioría dos elementos esenciais, etc.

Desta forma, a alteración ou desequilibrio destes oligoelementos pode provocar os seguintes problemas asociados a nivel de saúde:

-Problemas reprodutivos asociados a desequilibrios de Se, I e manganeso (Mn): pode provocar morte embrionaria e do feto, abortos, partos prematuros (I) ou retención de placenta e metrite (Se).

-Fallo na inmunidade (Zn, Se)

-Diarrea: asociado a alteracións dos niveis de Cobre (Cu) e de Cobalto (Co).

-Enfermidades da pel, coxeiras, dermatite dixital e pedeiro (Zn, Cu, I)

-Pica

-Mastite (Se, Zn) e altos niveis de células en tanque RCS (Se)

-Sds METABÓLICOS vaca gorda e caída (I, Se, Co)

-Baixada do leite (I, Cu, Zn..), etc.

-Tenreiros: mala adaptación á vida extra-uterina, e mortinatos (I); debilidade, maior susceptibilidade a enfermidades infecciosas (Se e I), anemia (Cu, Co: Vit. B12), músculo branco, miopatía e cardiomiopatía (Se)

Deficiencias de minerais en Galicia e na cornixa Cantábrica: Comparación entre granxas en convencional e en ecolóxico

Para coñecer o status mineral do gando de vacún en ecolóxico e a súa comparación co convencional a Facultade de Veterinaria do Campus Terra realizou un estudo entre 2012-2015, subvencionado polo Ministerio de Ciencia e Innovación.

Realizáronse analíticas de sangue de 552 animais, pertencentes a 22 granxas en ecolóxico e 10 en convencional.

Niveis de elementos traza en sangue de gando vacún de leite procedentes de granxas convencionais e ecolóxicas:

oligoelementos_marta_castanon_1

“O contido mineral en sangue está influenciado polo tipo de explotación. As granxas ecolóxicas presentan menores niveis dos elementos habitualmente suplementados nos concentrados (Cu, I ,Mn e Se) e maiores de elementos ligados ao solo e ao pastoreo (Fe, Mo). Tanto nas granxas convencionais como nas ecolóxicas observamos deficiencias en Cu, Se e I, aínda que a porcentaxe de deficiencia é maior nas granxas ecolóxicas”, resume Marta Miranda Castañón.

Unhas diferenzas que tamén se transfiren ao leite producido por estes animais, mostrando o leite das vacas en convencional un maior contido de Cu, I, Mn, Se e Zn.

Niveis de elementos traza (µg/L) en leite ecolóxico (a nivel de granxa) e convencional (a nivel de granxa e de supermercado) no noroeste de España:

oligoelementos_marta_castanon_2

¿Cales son os ingredientes máis ricos en minerais nunha ración de vacún de leite?

Para coñecer a orixe destas deficiencias un equipo da Facultade de Veterinaria de Lugo realizou un estudo sobre “Avaliación de minerais traza no vacún de leite en ecolóxico”, no que se analizaron 164 mostras de alimentos (pasto, concentrado, feno, alfalfa, silo de herba e silo de millo) de gandarías en ecolóxico e en convencional. A achega dos principais elementos traza (Cu, I, Mn, Se e Zn) vén dada polos concentrados.

Niveis de elementos traza (mg/kg MS expresados como medias xeométricas) nas dietas das granxas ecolóxicas e convencionais:

oligoelementos_marta_castanon_3

RMSE: Raíz cadrada do erro cuadrático medio

“Os resultados confirman que hai unha correspondencia entre o contido de oligoelementos da ración e o contido en sangue e en leite dos animais”, destaca Marta Miranda Castañón.

En concreto, detectáronse que os niveis de Cu, I e Se en a ración están por baixo do rango adecuado para a dieta do gando de vacún de leite. Estas carencias son máis acusadas nas dietas das granxas ecolóxicas

A recomendación: Monitorear o status micromineral nos rabaños

Para previr as deficiencias en oligoelementos no rabaño a recomendación da profesora da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela é clara: “É importante monitorizar o status micromineral nos rabaños, realizando analíticas de sangue ou leite dunha mostra de animais do rabaño”.

“Mellorouse moito na realización de análise, pois hoxe en día as técnicas son moi específicas e multielementais. Deste xeito, as analíticas son rápidas, sensibles e específicas”, destaca.

Desta forma, cada vez son máis as gandarías e empresas do sector que acoden ao Servizo de Asesoramento e Análise Mineral, dirixido polas doutoras Marta Miranda e Marta López Alonso, na Facultade de Veterinaria
da Universidade de Santiago de Compostela, para realizar probas de saúde do rabaño a nivel de status micromineral.

“A solución máis sustentable sempre será, co asesoramento dun técnico, suplementar o solo con esta minerais traza que son deficientes para que se transmitan á herba ou ao millo e destas forraxes ao gando, así como suplementar aos animais”, conclúe Marta Miranda Castañón.

Presenza de selenio nas correntes de auga de Europa: 

selenio_solos_europa

Máis información: http://weppi.gtk.fi/publ/foregsatlas/maps_table.php

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información