Advirten dos problemas anunciados na vendima da Ribeira Sacra

O Sindicato Labrego e Fruga aseguran que está a quedar uva nas viñas e que outra estase malvendendo

Publicidade
Advirten dos problemas anunciados na vendima da Ribeira Sacra

As organizacións agrarias Sindicato Labrego e Frugan consideran que a Ribeira Sacra continúa sen solucións para a actual vendima, que xa se aproxima a estar mediada. Desde o Sindicato Labrego sosteñen que se están dando os problemas xa anunciados: uva que queda nas viñas ou que se malvende por baixo de custos de produción.

“Que pasou coas garantías que daba a Consellería de Medio Rural para a recollida de toda a uva?”, pregúntase o Sindicato Labrego. A organización cuestiona o acordo de Medio Rural con Unións Agrarias e Asaga para crear unha mesa de traballo sobre a Ribeira Sacra. “Non coñecemos ningún resultado nin consta tan sequera que se reuniran para traballar”, critica.

Desde a perspectiva do Sindicato Labrego, terían que terse posto en marcha axudas de minimis para os viticultores, “como xa se fixo hai meses na Rioja”, así como abrirse a destilación de crise.

Medidas “que chegan tarde”
A Fruga insiste na mesma liña: “Medio Rural anuncia medidas, pero que non se fan realidade en tempo e forma. A consecuencia disto será, irremediablemente, que moitas persoas que dedican os seus esforzos á viticultura, deixen de facelo, causando o abandono dunhas viñas e dunha paisaxe que no 2026 será avaliada para ser Patrimonio da Humanidade pola UNESCO”, sinalan.

“Ante esta situación límite, a Xunta de Galiza anunciou o 2 de setembro -tarde e mal- unha serie de medidas para atallar o problema, destinando 500 mil euros á destilación de crise, mediante unha Orde de axudas que se faría pública no DOG. Porén, esta Orde aínda non foi publicada, nun momento no que a campaña da vendima deste ano está a rematar. Unha vez máis, a Xunta de Galiza chega tarde”, cuestiona a Fruga.

“Como exemplo, o goberno da Rioxa promulgou en xullo deste ano unha Orde no mesmo sentido que a que anunciou a Xunta. A norma rioxana establece, para as adegas que se queiran acoller a esta medida, a obriga de recoller as uvas na campaña”, subliñan. A Fruga sostén que “a Xunta está esperando ao final da campaña da vendima para publicar a Orde, e non establecer, deste xeito, a obriga de recoller a uva para acceder ás axudas para a destilación de crise”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información