Advirten dos primeiros danos por golpes de calor no viñedo

Publicidade
Advirten dos primeiros danos por golpes de calor no viñedo

Acios danados por golpes de calor ó estar demasiado expostos. // Foto. Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

Ante as previsións meteorolóxicas anticiclónicas para o que resta de mes, dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro recomendan continuar alerta para evitar danos por mildio nos viñedos. “Para favorecer a acción beneficiosa do tempo anticiclónico non descoiden as rozas e os despuntes para que o aire circule ben e non haxa acumulacións de humidade”, aclaran. Coas altas temperaturas tamén detectaron xa os primeiros acios afectados por golpes de calor, onde os labores de esfolla ou despunte foron excesivos.

Nas súas visitas ós viñedos realizadas nesta mesma semana, o persoal apenas constatou novos ataques de mildio. A maioría das viñas examinadas presentaba acios sans, e só unha pequena parte amosaba síntomas antigos e novos.

Porén varios particulares notificáronlle a aparición de abundantes síntomas de mildio larvado nos seus predios, tanto na provincia de Pontevedra como en distintas zonas da Ribeira Sacra e do Ribeiro. “Estes síntomas proveñen, sen dúbida algunha, de infeccións que non foron ben controladas nas semanas previas, debido a que as condicións meteorolóxicas desta semana tampouco foron propicias para o desenvolvemento do patóxeno”, concretan.

Con todo, polo momento, as viñas son aínda sensibles ó mildio, polo que recomendan non descoidar a vixilancia, en especial naquelas onde se rexistraran ataques previos que non foran ben controlados ou onde haxa síntomas en gromos novos.

Tamén está a diminuír xa a sensibilidade dos acios ó oídio. Os que acadaron o peche pleno practicamente xa non son sensibles, pero os ataques aínda poden seguir a estenderse polos acios xa infectados. “O seu aspecto pode empeorar conforme avance o ciclo da enfermidade, xa que as uvas afectadas polo fungo acaban por endurecer e volverse negras”, detallan. Dende Areeiro recomendan manter a ventilación na contorna dos acios para limitar o desenvolvemento do patóxeno.

As altas temperaturas tamén están a frear a posible aparición de danos de black rot, botrite ou Lobesia botrana. Pola contra, o tempo seco das últimas xornadas está favorecendo a aparición de síntomas de alteracións da madeira e de estrés hídrico, naqueles solos máis secos. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información