
Imaxe da vendima do ano pasado na Denominación de Orixe Rías Baixas
A Asociación Galega de Viticultura-Federación Rural Galega (AGV-FRUGA) emitiu un comunicado no que advirte sobre a posibilidade de que algunhas das adegas adscritas á Denominación de Orixe Rías Baixas estean valorando non recoller uva ou establecer rendementos por baixo do prego de condicións.
A organización agraria reclama a interrupción de novas inscricións e novas plantacións mentres haxa risco de que parte da uva quede sen recoller. E reclaman, ademais, que se convoque a Mesa do Viño para abordar as solucións e saídas posibles a ese problema que se presenta na D.O. Rías Baixas.
AGV-FRUGA asegura que Rías Baixas “está a enfrontar as consecuencias dun modelo de crecemento sen control que se permitiu durante demasiado tempo. O que ata agora eran síntomas preocupantes, poden converterse nunha realidade que lle chegue directamente á porta dos viticultores e viticultoras.”
Así, afirman que xa hai adegas que estarían anunciando que esta campaña van recoller un rendemento por hectárea inferior ao establecido no prego de condicións da propia D.O., e outras que poderían ir aínda máis lonxe chegando incluso a non recoller uva.
A AGV-FRUGA afirma que “o problema non era o rendemento por hectárea de cada viticultor, senón o crecemento descontrolado dunha denominación que se estaba a converter nun destino de investimento especulativo antes que nun proxecto colectivo de territorio e de calidade.”
Aseguran, tamén, que a administración pública non exerceu a suficiente actividade regulatoria e, por tanto, a Denominación de Orixe quedou condicionada polas regras do mercado. “E o mercado actúa en favor das grandes corporacións que chegaron a Rías Baixas con capacidade para absorber perdas e que van deixar atrás aos produtores familiares que son a base histórica e identitaria desta denominación.”. afirman dende AGV-FRUGA.
Galego









Control OJD