Advirten de que os 150 millóns da Comisión non deben servir para reducir a produción de leite en España

Os sindicatos agrarios galegos temen que as medidas da Comisión de Agricultura da UE favorezan o abandono da produción no Estado español en beneficio dos países excedentarios do norte de Europa.

Advirten de que os 150 millóns da Comisión non deben servir para reducir a produción de leite en España

O comisario europeo de Agricultura, Phil Hogan

Finalmente, tras máis dun ano de crise dos prezos do leite na Unión Europea e cando se albisca unha recuperación dos mesmos cara a finais de ano, a Comisión Europea de Agricultura e Desenvolvemento Rural decidiu actuar. O eurocomisario Phil Hogan anunciou hoxe un paquete de axuda ao sector lácteo dotado con 500 millóns de euros de orzamento, dos que 150 millóns destinaranse á redución da produción, unha medida aberta a todos os gandeiros da Unión Europea, baixo as mesmas condicións, que reduzan a produción de leite con respecto a un período de referencia.

O obxectivo é retirar 1,4 millóns de toneladas de leite do mercado cunha axuda que, segundo avanzou Hogan, roldará os 14 céntimos por kilo reducido. Os gandeiros poderán presentar as súas solicitudes de reducción de producción a partir de setembro, nun plan cuxos detalles se coñecerán mañá mércores.

Con todo, esta medida, que busca reequilibrar oferta e demanda de leite para que os prezos se recuperen, será de carácter voluntario, sen garantías de que todos os países, especialmente os excedentarios, se comprometan a aplicala.

Non será necesario manter as vacas de leite en 2017 para cobrar a axuda asociada

Ademais, o paquete anunciado hoxe polo Comisario de Agricultura e Desenvolvemento Rural inclúe as seguintes medidas:

– Unha axuda directa condicionada ao cumprimento de compromisos ligados á estabilidade dos mercados, á que se destinarán 350 millóns de euros, dos que 14,7 millóns corresponderán a España, de acordo co peso que teñen a produción española no conxunto da produción comunitaria. Alemaña é o país que máis fondos recibe: 58 millóns de euros, seguida de Francia, con 50 e Reino Unido con 30 millóns.

– A axuda asociada á produción de vacún de leite, que en España incrementouse un 56 % en 2015, ata 94 millóns de euros, poderá desvincularse da obrigación de manter as vacas de leite en 2017, co obxecto de que a axuda non constitúa un incentivo para incrementar a produción. Con todo, o Copa-Cogeca, que agrupa ás cooperativas europeas, móstrase preocupado por esta medida, “xa que desa maneira poderíase desestabilizar o mercado da carne de vacún e de tenreira”, segundo o seu presidente.

– As comunidades autónomas poderán anticipar, a partir do 16 de outubro próximo, o 70 % dos pagos directos e o 85 % das axudas ao desenvolvemento rural vinculadas á superficie, aínda que non finalizasen os controis sobre o terreo, con obxecto mellorar a liquidez xeral dos agricultores e gandeiros.

A ministra española de agricultura móstrase satisfeita co acordo

– As compras en réxime de intervención e as axudas ao almacenamento privado de produtos lácteos, manteiga, leite desnatada en po e queixos, que concluían o próximo mes de setembro, ampliaranse ata finais de decembro e febreiro de 2017, respectivamente.

Os detalles precisos deas as diferentes medidas concretaranse nas próximas semanas, en consulta cos expertos dos Estados membros. As repercusións orzamentarias das medidas propostas incluiranse nunha nota rectificativa ao proxecto de orzamento de 2017 no outono.

A ministra española de Agricultura, Isabel García Tejerina, mostrouse satisfeita co acordo logrado, xa que “o novo paquete de medidas recolle a totalidade de peticións que vimos solicitando nos últimos Consellos de Ministros para aliviar a situación dos gandeiros de vacún de leite”.

Os sindicatos agrarios advirten de que as medidas da Comisión non poden servir para reducir produción en España

Os sindicatos agrarios galegos coinciden de forma unánime en que as medidas da Comisión non deben servir para reducir a produción nos países deficitarios como España, en beneficio de Alemaña, Francia ou Holanda.

Así, Francisco Bello, secretario xeral de Asaja-Galicia lembra que “en España temos un déficit importante de produtos lácteos elaborados, que é cuberto por produtos foráneos”. En canto á repartición das axudas por parte do Ministerio e das Comunidades Autónomas, Bello considera que “debería ser selectivo, dentro dun plan estratéxico para o sector lácteo español, no que fortalezamos ao sector”. “O que non pode ser é que se repartan as axudas por repartilas e sigamos no mesmo”, advirte.

Román Santalla: “A redución da produción ten que ser nos países excedentarios”

Máis contundente móstrase Román Santalla, de Unións Agrarias-UPA, para quen a Comisión “actúa tarde e de parte”. En concreto, defende que “o orzamento para redución da produción ten que ir para os países excedentarios, non para España, que é deficitaria e só aumentou un 4% a súa produción, fronte a Alemaña que a aumentou un 8% ou Irlanda e Holanda que producen un 20% máis desde o final das cotas lácteas”.

Ademais, Santalla reclama medidas como a reapertura do mercado ruso, “unha medida política, a do veto a Rusia, tomada pola Comisión Europea e que pagan os gandeiros”; un incremento de prezos do leite que vai para intervención ou máis medidas de apoio ás exportacións.

“O que non pode ser é que a Comisión Europea queira incentivar que abandonen a produción os gandeiros galegos, os que peor o están pasando, en beneficio dos países excedentarios do norte de Europa”, advirte.

Pola súa banda, Xabier Gómez Santiso, do Sindicato Labrego Galego considera “inxusta” a medida adoptada pola Comisión de Agricultura. “xa que coa súa política neoliberal de non intervir e non regular, o que fai é non defender a produción láctea en Galicia e no Estado Español pero se en Alemaña, Dinamarca ou Holanda”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información