Advirten de que o agro de Ourense atópase en “situación de emerxencia, ante a pasividade da Xunta”

Unións Agrarias cifra en máis de 14 millóns de euros as perdas directas para os viticultores, gandeiros e apicultores debido ás xeadas, a seca e agora a saraiba. Reclama axudas directas e denuncia a “pasividade” da Consellería do Medio Rural. A conselleira abre a porta a que se poda declarar a zona catastrófica no Ribeiro, nos concellos de Castrelo de Miño e Cenlle

Advirten de que o agro de Ourense atópase en “situación de emerxencia, ante a pasividade da Xunta”

Rolda de prensa de Unións esta mañá en Santiago. No centro, Xosé Ramón González.

O sindicato Unións Agrarias demándalle á Xunta que declare a provincia de Ourense como “zona de emerxencia” ante as graves perdas que están a ocasionar no agro as adversidades climáticas.

Así o reclamou esta mañá en rolda de prensa en Santiago de Compostela o responsable de Producións Agrarias e Extensivas de Unións, José Ramón González. E é que ás xeadas de abril, que arrasaron boa parte dos viñedos de Ourense, sumóuselle agora a saraibada do pasado domingo, e unha forte seca que está poñendo nunha situación crítica aos gandeiros.

Perdas de máis de 14,5 millóns de euros para os viticultores

Deste xeito, José Ramón González cifrou “en máis de 14,5 millóns de euros as perdas para os viticultores a consecuencia das xeadas de abril e do pedrazo deste domingo”. Unhas perdas que se repartirían, segundo os cálculos do sindicato, en 6,5 millóns de euros no Ribeiro, 2,5 millóns de euros na Denominación de Orixe Ribeira Sacra, outros 2,5 millóns na D.O. Valdeorras e entre 1,8 e 2 millóns de euros que deixarían de percibir os viticultores de Monterrei.

“Estamos a falar de que eses 14,5 millóns de euros saen do peto dos viticultores, que en moitos casos este ano non terán ningún ingreso e si un incremento dos gastos de entre un 10 e un 15% para coidar a segunda brotación das vides tras as xeadas”, advertiu.

Peche na oficina agraria comarcal de Viana este xoves para solicitar axudas para os gandeiros e os apicultores

Pero a difícil situación económica para o agro da provincia esténdese tamén á zona de Montaña de Ourense, onde as tres principais producións (castaña, gandería de carne e apicultura) víronse tocadas este ano a consecuencia das xeadas e da forte seca.

“Estamos a falar de que só na castaña calculamos que se perderon 1,5 millóns de kilos, o que ven a ser 1,5 millóns de euros, e isto provocará graves dificultades para moitas explotacións gandeiras, que teñen a este froito como un complemento de renda”, advertiu o responsable de Unións Agrarias.

 José Ramón González: “Hai xente moza que se incorporou este ano na provincia de Ourense e está nunha situación moi difícil”

Un exemplo é o de María Páez, gandeira de Viana presente na rolda de prensa quen, moi afectada, explicou que “a día de hoxe teño serias dificultades para atopar auga para as miñas vacas, non houbo forraxe debido á forte seca e agora estounas alimentando co que terían que comer no inverno”. “Non sei como vou facer nos próximos meses”, confesou. Unha situación que tamén se estende á apicultura, un sector en auxe en Ourense, pero que este ano “non só é que os apicultores non recollan mel, senón que teñen que gastar diñeiro para alimentar as abellas”.

Neste sentido para denunciar esta situación e reclamar axudas á Consellería do Medio Rural mañá está previsto un peche indefinido na Oficina Agraria Comarcal de Viana do Bolo.

Reclaman axudas directas, bonificacións nas cotas á Seguridade Social e redución dos módulos

As demandas de Unións Agrarias á Xunta de Galicia para que os agricultores e gandeiros podan superar este ano de desastres climáticos pasan por:

-Axudas directas por superficie para os viticultores afectados polas xeadas e pola saraiba. “Son posibles e legais porque o ano pasado a Consellería xa as aprobou para os viticultores da Ribeira Sacra”, subliñou José Ramón González.

-Liñas de crédito do Igape para que as explotacións gandeiras e vitícolas podan facer fronte aos gastos.

-Bonificación por parte do Ministerio de Traballo do 90% das cotas á Seguridade Social dos viticultores e gandeiros afectados.

-Redución por parte do Ministerio de Facenda dos módulos para os sectores afectados.
Ademais, José Ramón González advertiu de que “o sur de Galicia, e sobre todo a provincia de Ourense, está este ano nunha situación de emerxencia”, polo que defendeu que “non estaría mal que a Xunta de Galicia declarase zona de emerxencia”.

O responsable de Unións denunciou tamén que “a situación peor é a de moita xente moza que se incorporou este ano á viticultura e á gandería, a veces comprometendo o patrimonio dos pais, e que este ano terán que facer fronte a unha situación económica moi negativa”.

A conselleira abre a porta a declarar zona catastrófica os concellos de Castrelo de Miño e Cenlle

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, vinculou a posible declaración de zona catastrófica, que solicitaron municipios da comarca do Ribeiro tras os recentes episodios de sarabia, a que os estudos que están a realizar determinen que se produciron os condicionantes necesarios, nunha zona que definiu como “moi concreta e centralizada”.

Preguntada tras unha visita a unha granxa en Santiso pola solicitude que expuxeron os municipios ourensáns de Cenlle e Castrelo do Miño, circunscribiu a declaración a que se dean “unha serie de condicionantes, que hai que estudar”. A Consellería, explicou, ten que realizar os seus estudos e, no caso de que determinen que se dan as condicións de zona catastrófica, trasladalos a Vicepresidencia da Xunta e despois ao Ministerio.

Seguros agrarios

“Desde o minuto cero púxenme en contacto cos distintos presidentes das denominacións de orixe e por parte desas denominacións están a facerse as valoracións, igual que das oficinas agrarias, e se se dan as circunstancias fariamos a declaración pertinente e veriamos ata que punto podería chegar o Ministerio e a Xunta de Galicia”, asegurou.

Ángeles Vázquez, acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, visitará unha explotación vacún de leite

Ángeles Vázquez, acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, visitará unha explotación vacún de leite

No entanto, mostrouse crítica coa postura transmitida por sindicatos como Unións Agrarias, insinuando que ten “a impresión de que houbo xente que estivo de vacacións e de súpeto agora ten ganas de traballar”. “A min paréceme moi ben que a xente traballe polo agro pero hai que traballar no día a día”, engadiu.

Ángeles Vázquez, que instou aos sindicatos a que se poñan en contacto con ela porque “por agora non o fixeron”, afirmou que falar de “annus horribilis” non é algo que se corresponda coa realidade. Admitiu que foi “un ano malo” para o sector viticultor en determinadas zonas, pero, en cambio, “nas Rías Baixas, se non cae unha sarabia, a colleita vai ser espectacular, igual que na Ribeira Sacra”.

A conselleira matizou que hai zonas “concretas e centralizadas” que “non están a pasar por un moi bo ano”, ao verse afectadas primeiro pola xeada en Ourense, con afeccións importantes “pero non as que anunciaba Unións Agrarias e outros sindicatos”; despois pola seca e, finalmente, pola sarabia, polo que “agora se está facendo a valoración pertinente, sobre todo na zona do Ribeiro”.

En canto á actuación que está a desenvolver a Consellería de Medio Rural, apuntou que se puxo en marcha unha liña de financiamento para apoiar con máis contía “o que son os seguros en si”, co que se persegue “facer o posible para que ao agricultor e ao gandeiro non lle resulte custoso ter un seguro”.

Nesta liña, volveu a insistir na necesidade de profesionalizar o sector, xa que Galicia é das comunidades na que “menos tanto por cento hai de asegurados” no sector agrícola, algo que atribuíu a que “algo fallou”, tanto “desde os tomadores de seguros que son os propios sindicatos e que, polo tanto, tamén terán que dicirlle ao propio agricultor que é o que estiveron a facer ata agora” como desde a propia administración “tal vez por non preocuparse”.

Finalmente, fixou o reto en lograr un sector cada vez máis profesional, coa achega de “cada vez máis recursos” para que os seguros sexan alcanzables e estean adaptados.

Unións: “A consellería non fixo nada por adaptar os seguros de viñedo á realidade galega, nin tampouco por incrementar as axudas á contratación”

Unións Agrarias retrucoulle á conselleira por boca do seu responsable de producións agrarias, José Ramón González: “a conselleira tira balóns fóra e intenta enganar á opinión pública”, advertiu.

“Primeiro porque a Consellería podería subvencionar ata un 65% a contratación de seguros, cando neste momento está a subvencionar só o 40%, e en segundo lugar porque a Consellería nunca se preocupou de adaptar as pólizas á realidade galega”, engadiu.

Neste sentido, lembrou que “os seguros de viñedo están pensados para as grandes parcelas do sur de España pero non para a realidade vitícola de Galicia, e por iso non se contratan, porque ao viticultor sáelle moi caro e ten moi poucas posibilidades de cobrar”.

Puxo como exemplo, que se teñan que asegurar todas as viñas, independentemente do risco de cada unha delas, ou que as valoracións das castes de uva autóctonas non estean actualizadas.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información