O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas ven de enviar cartas ás industrias lácteas Lactalis, Capsa e Lence -as que máis leite recollen en Galiza, por esta orde-, nas que lle trasladan a “preocupación polo feito de que estean a ofrecer prezos á granxas, que non só están por debaixo do prezo medio do Estado español e do prezo medio da Unión Europea, senón que ademais afondan nunha práctica inxusta e arbitraria que está a pór en risco arredor de 3.000 granxas galegas: pagar leite de calidades exactamente iguais a prezos moi distintos”. En concreto, a organización labrega denuncia que estas tres industrias lácteas “están a pagarlle mellor o leite ás granxas grandes e peor ás pequenas e medianas granxas familiares”.
Así, lembran que “os datos da Consellaría do Medio Rural a xaneiro de 2025 non deixan lugar a dúbidas, confirmando que o estrato 1 (700.001) obtivo un prezo medio de 47,98 euros/100l”. “Tendo en conta que no ano 2023 o 48,60% das granxas galegas producían menos de 250 toneladas -identificadas como “pequenas granxas” por entidades como a Fundación Juana de Vega-, as devanditas industrias lácteas están incorrendo nunha discriminación estrutural que prexudica practicamente á metade das gandarías galegas, empeorando as dificultades destas para a súa viabilidade, acelerando a desaparición do modelo labrego e fomentando a súa substitución por grandes granxas de produción industrial”, denuncian dende o SLG.
“As granxas máis grandes cobran 6,6 céntimos máis por litro que as máis pequenas, e a situación vaise agravar”
Concretando esta situación en datos económicos, o SLG advirte de que “nos prezos de xaneiro atopamos un diferencial entre as gandarías máis pequenas e as máis grandes de 6,6 céntimos. É dicir, a iguais calidades do leite, a de máis de 700.000 litros está cobrando 6,6 céntimos por litro máis ca unha de menos de 100.000 litros”.
Ademáis, alertan de que “coas propostas de contrato que Lactalis, CAPSA e Lence están ofertando nestes momentos, agrávase moito máis esta diferenza”. “Lactalis directamente non establece prima a quenes entreguen menos de 200.000 litros/ano. Pero para as que entregan entre 200.000-275.000 si hai unha prima de 5 céntimos litro, e para as de máis de 275.000l. ascende a 5,5 céntimos litro. CAPSA só dá prima por cantidades a partires dos 250.000l., e a partir deste volume vai por tramos, chegando aos 5 céntimos por litro para as de máis de 2 millóns. Río, ten tramos máis pequenos: empeza cun céntimo para as que están entre 240.000-600.000l. e acaba con 4 céntimos para as que producen máis de 3.600.000l”, explican.
“Polo tanto, se o contrato que está enriba da mesa recolle para as ganderías máis grandes 5,5 céntimos máis, esa diferenza entre as grandes e pequenas ampliarase aos 12,10 céntimos por litro coas primas, o que supón milleiros de euros. Unha granxa que produza 90.000 litros/ano, deixaría de ingresar máis de 10.000 euros, o que para unha granxa pequena supón o salario moitas veces”, engaden.
Ante esta situación, dende o Sindicato Labrego consideran que “non existe ningún motivo obxectivo polo que as pequenas granxas que producen en Galiza cobren menos polo leite. É máis, en todo caso deberían ser especialmente remuneradas polo seu aporte á vertebración social, desenvolvemento económico e coidado medioambiental das zonas nas que se ubican”.
“Se queremos un medio rural vivo e saudábel cómpre apostar por máis granxas no territorio e non por unhas poucas con moitos animais concentradas nuns poucos concellos da franxa central de Galiza, que é o que está pasando nestes momentos. Pedimos polo tanto a Lactalis, CAPSA e Lence, como así llo especificamos nas cartas enviadas, que suban o prezo a todas as granxas, independentemente do seu tamaño”, reclaman dende a organización labrega.
Por último, advirten de que “se estas tres industrias non poñen fin a esta agresiva estratexia comercial que afecta precisamente ás unidades produtivas máis vulnerables do elo máis feble da cadea láctea, o Sindicato Labrego Galego concretará a realización dunha campaña informativa en superficies comerciais e con organizacións de consumidores e consumidoras para sinalar publicamente a aquelas industrias que discriminan nos seus prezos ás pequenas e medianas granxas familiares”.