Advirten de que a caída de prezos na carne de vacún se volveu “crónica” tralo coronavirus

O Sindicato Labrego Galego (SLG) reclama axudas directas para os produtores, xa que as cotizacións da Ternera Gallega manteñen as baixadas de arredor de 50 céntimos por quilo e na carne de desvelle a depreciación dos animais chegou a acadar o 50%

ganderia Rubio Martinez SC (Lancara) Ternera Gallega Suprema5A pesares de ter pasado dous meses dende a celebración do último Consello Agrario Galego, o 16 de xuño, no que se tratou a necesidade de apoiar os sectores agrogandeiros máis afectados pola crise da Covid-19; unha das producións que máis sufriu o impacto do confinamento e do peche e restricións á hostalería, a carne de vacún, segue sen recibir ningún tipo de apoio ou axuda, nin por parte do Ministerio de Agricultura nin da Consellaría de Medio Rural.

Por iso, o SLG pide axudas urxentes para o sector da carne de vacún diante da caída “crónica” de prezos provocada polo coronavirus, xa que alerta esta organización agraria de que as cotizacións non se recuperaron na actualidade. 

Os produtores de carne seguen sen recibir ningún tipo de apoio económico, nin por parte da Xunta nin do Ministerio

Unha análise realizada polos servizos técnicos do Sindicato Labrego Galego (SLG), constata que o prezo medio das liquidacións entre abril e xuño de 2020 foi de 4’17 euros por quilo/canal en tenreira de calidade Suprema e de 3’5 euros quilo/canal en Ternera Gallega convencional. Estes datos, asegura o SLG “desminten os publicados pola propia IXP Ternera Gallega e demostran o descenso que a crise da Covid-19 provocou no valor da carne de vacún en Galicia”.

Posición de abuso

Se ben os datos do mes de marzo non amosan unha baixada moi forte respecto a marzo de 2019, en abril, maio e xuño apréciase un descenso ao redor dos 50 céntimos por quilo en Ternera Suprema e outro tanto na normal. A depreciación tórnase brutal no caso da carne de desvelle que, nalgúns casos, chegou a encaixar caídas no prezo do 50% do valor do animal até o momento.

A organización agraria entende que o coronavirus está a ser utilizado polas industrias e a distribución para impoñer unha baixada xeralizada dos prezos

“Entendemos que o peche e posteriores restricións na canle Horeca (hoteis, restaurantes e cafetarías) influíse na caída da demanda e, polo tanto, no prezo da carne; e que este feito non se viu compensado polo aumento de consumo nos fogares, que a Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG) cifrou no 33%. Porén, temos que denunciar o feito de que a crise fose e estea a ser utilizada por industrias e distribución para impoñer unha baixada xeneralizada dos prezos, aproveitando o abandono de funcións do Ministerio de Agricultura e da Consellaría de Medio Rural diante da posición de abuso coa que se extorsionan as producións labregas”, denuncia o SLG. 

Propoñen un pago adicional de carácter urxente que estea vinculado ao número de vacas nutrices

Ante o feito de que non se recuperasen a día de hoxe os prezos aos niveis pre-covid en comparación a anos anteriores por estas datas, o Sindicato Labrego Galego, insiste na necesidade de activar axudas directas, de maneira urxente e a curto prazo, para o sector da carne de vacún.

“Estas axudas deben estar orientadas a paliar as perdas producidas pola Covid-19 e a garantir a continuidade das granxas, moitas delas en zonas desfavorecidas e de alta montaña”, argumentan. A mellor maneira de activar estas axudas, a xuízo do SLG, sería autorizar un pago adicional por becerro sacrificado vinculado a vaca nutriz que permita equilibrar os prezos; ou facer un pagamento directo por vaca nutriz ou por granxa, xa que se estaría a pagar directamente a quen produce os xatos.

As axudas directas deben ser por vacas nutrices e granxas para garantir que chegan aos produtores e produtoras

Máis a longo prazo, dende o SLG insisten na necesidade de ordenar a cadea alimentaria para evitar os abusos da industria que é, agora mesmo, din, a que impón os prezos en detrimento da IXP Tenreira Galega; e de apoiar outras vías de comercialización alternativas, como a venda directa. “Neste senso, cómpre denunciar que a Consellaría de Medio Rural aínda non gastou nin un céntimo dos 4’5 millóns de euros que contempla o Plan de Desenvolvemento Rural PDR 2014-2020 para esta última finalidade”, afirma o Sindicato Labrego.

Finalmente, a organización agraria lembra que a IXP Ternera Gallega foi autorizada a conxelar carne até o 31 de decembro para non saturar o mercado e influír positivamente nos prezos. Esta medida, aínda que necesaria no período máis crítico da crise, pode ser unha arma con dobre fío, xa que, advirten, “cando comecen a saír ao mercado os continxentes almacenados poden influír negativamente nos prezos e agravar aínda máis a crise actual”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información