Advirten de que as axudas de incorporación da Xunta van deixar fóra unhas 200 solicitudes

O Sindicato Labrego considera insuficiente a partida de 23 millóns de euros da Consellería do Medio Rural para atender as solicitudes de axudas de incorporación de 2026 e as que quedaron pendentes do 2025.

SLG rolda de prensa 2O SindIcato Labrego Galego advirte de que o orzamento que contempla a Consellería do Medio Rural para as axudas de incorporación, 23 millóns, de euros, resulta “claramente insuficiente” para atender as solicitudes tanto deste 2026 como as que quedaron pendentes do 2025, co que prevé que volverá agravarse o problema, estimando que quedarán fóra por falta de fondos unhas 200 solicitudes.

Así o denunciaron esta mañá en rolda de prensa en Santiago de Compostela a Secretaria Xeral do SLG, María Ferreiro, e o apicultor e Secretario de Acción Sindical do SLG, Brais Álvarez.

“Hai un mes e medio coñeciamos a través da prensa, sen ser a través de ningún órgano constituído, que a Consellería do Medio Rural non ía resolver as solicitudes de incorporacións de 2025 e que as ían pasar á convocatoria de 2026, situación que denunciamos no Consello Agrario do 20 de febreiro, onde ao mesmo tempo nos concentramos ás portas da Xunta”, lembrou Brais Álvarez. Tras iso, publicada na orde do 9 de marzo as axudas para este 2026, dende o SLG advirten de que “o presuposto é claramente insuficiente para dar aprobación a todas as solicitudes de incorporación que hai na actualidade”.

En concreto, o presuposto contemplado polo departamento que dirixe María José Gómez para o ano 2026 é de 23 millóns de euros, é dicir, 7 millóns máis que a cantidade aprobada inicialmente para o ano 2025, cando se presentaron 353 solicitudes pero se denegaron 76; . Con estes 23 millóns o SLG lembran que a Consellería do Medio Rural ten que aprobar as solicitudes pendentes do ano 2025 e todas aquelas que se soliciten no ano 2026. Estimando que cada expediente de incorporación supón uns 43.000 euros de axudas públicas e que no ano 2026 vai haber entre 350-400 novas solicitudes, dende a organización labrega temen que “moitas mozas e mozos van quedar sen esta axuda de vital importancia para iniciar novos proxectos e dar o relevo en moitas granxas”. “Arredor de 200 persoas van quedar fóra”, explicou Álvarez.

Queixa ante a Valedora do Pobo

Dende o SLG-CCLL advirten de que “non hai constancia, polo menos no ámbito agrario, que unha administración convoque unha axuda como a de incorporacións do ano 2025 e despois non a resolva”.

“Preocúpannos as falsas promesas, vivimos nun momento no que en dez anos máis da metade das granxas van pechar e estas axudas son fundamentais para asegurar o relevo. Esta axuda é importante para avalar o proxecto ao inicio, no meu caso foi así cando comecei hai cinco anos”, afirmou Brais Álvarez.

Neste sentido, dende o SLG reclaman á Consellería do Medio Rural “con carácter inmediato a resolución da convocatoria de 2025 e que se rectifique esta orde onde se inclúan fondos suficientes e, tamén, que non só se habiliten os plans de mellora para as persoas solicitantes que se incorporan, senón que poidan acceder a eles calquera granxa do territorio galego”.

Esta semana con carácter inmediato o SLG vai presentar diante da Valedora do Pobo unha denuncia para que se valore a forma de actuar da Consellería do Medio Rural en canto ás incorporacións. “Os nosos servizos xurídicos están barallando a posibilidade de levalo á Xustiza para garantir que ningunha persoa moza que se queira incorporar en Galiza quede fóra das axudas. Non podemos permitilo como sociedade nin como medio rural”, resaltou Álvarez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información