Diante do anuncio da Consellería do Medio Rural de que se van habilitar axudas directas, de carácter excepcional, para os produtores inscritos na Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Faba de Lourenzá, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) critica que “se dirixan exclusivamente ás 19 explotacións inscritas na IXP, (…..) cando o problema sufrírono todas as produtoras e produtores”.
E é que, tal e como lembran dende a organización labrega, “neste momento, e por moitas e variadas razóns que sería ben analizar, a maior parte da produción non está amparada pola IXP”.
“Se as produtoras non están certificando é porque non lle atoparon utilidade ou entendían que non lles compensaba; débese incentivar ás produtoras para que se inscriban na IXP, mais entendemos que isto non pasa por deixalos fora dunhas axudas que poden resultar imprescindibles para a súa continuidade no sector”, engade o SLG.
Por último, defenden que “é necesario consolidar a produción actual: non podemos perder ningunha explotación. É máis: debemos poñer as condicións para que o cultivo da faba, que como recoñece a propia Consellería do Medio Rural é un sinal de identidade de toda unha comarca, sexa unha actividade atractiva e rendíbel para as explotacións actuais e para as que poidan incorporarse no futuro”. “Se perdemos produtores e produtoras tampouco vai haber futuro para a IXP”, conclúen.