Advirten de que as axudas da Xunta aos produtores de Faba de Lourenzá “deixan fóra á maioría”

O Sindicato Labrego lembra que “a meirande parte da produción non está inscrita na IXP Faba de Lourenzá, onde só constan 19 granxas rexistradas”

Publicidade

plantacion fabas2A Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), organismo dependente da Consellería do Medio Rural (CMR), vén de publicar a resolución pola que se convocan axudas ás explotacións agrícolas produtoras de faba da Mariña lucense.

Neste sentido, o Sindicato Labrego Galego lamenta que “pese ás reiteradas demandas do sector produtor, e mesmo de corporacións locais do territorio, a Consellería do Medio Rural teima no seu propósito de limitar as axudas ás explotacións que están inscritas no Consello regulador da IXP Faba de Lourenzá, no que unicamente 19 explotacións están inscritas”.

“Como resulta evidente, as condicións climáticas adversas que sufriron as produtoras de faba no ano 2024 non fixeron distingos entre as granxas inscritas e non inscritas, senón que minguaron a produción na totalidade das mesmas, polo que non é de recibo, nen xusto por claramente discriminatorio, que as axudas directas se dirixan exclusivamente ás 19 explotacións inscritas na IXP: o problema sufrírono todas as produtoras e produtores”, lembran dende o SLG.

Ante esta situación, a organización labrega anuncia que “imos analizar a resolución desde o punto de vista legal, porque entendemos que a inscrición na IXP non é requisito legal para as produtoras e polo tanto non debera ser criterio de exclusión de axudas públicas”.

“Contrariamente ao que se di na resolución, o que está en risco non é só a viabilidade da IXP Faba de Lourenzá, senón mesmo a viabilidade económica das familias que se adican a esta produción, e este debera ser o obxectivo destas axudas”, conclúen dende o SLG.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información