Advirten de prácticas especulativas nos terreos afectados por parques eólicos

O Observatorio Eólico de Galicia detecta especuladores que ofrecen contratos abusivos aos propietarios sen estar aínda o proxecto aprobado. Propoñen prezos mínimos e dereitos exclusivos sobre tódalas terras dos afectados, non só as do parque eólico

Advirten de prácticas especulativas nos terreos afectados por parques eólicos

O Observatorio Eólico de Galicia (OEGA) alerta da chegada, nos últimos meses, de especuladores que están a propoñer contratos fraudulentos nos terreos afectados por parques eólicos. Advirten de que se trata de buscadores de rendas que, sen teren proxecto eólico, pretenden asinar acordos con condicións abusivas para os propietarios.

“Son condicións inaceptables para as comunidades rurais: prezos tan baixos que só se poden cualificar de ridículos; dereitos exclusivos sobre tódalas terras do propietario, e non só sobre as que conforman o parque eólico; períodos de carencia que chegan aos 10 anos”, informan dende o Observatorio. A modo de exemplo deste tipo de situacións, citan varios casos na provincia de Ourense, como a proposta realizada en Verea e Celanova para un pagamento de 1.000 euros por megavatio ou a tramitada na Rúa e Quiroga de servidumes con pagamento unha única vez.

Dende o Observatorio indican que fronte a esas posicións especulativas, encóntranse outras que obedecen a unha maior responsabilidade social por parte das empresas. Na actualidade, as mellores ofertas sitúan o pagamento medio arredor dos 3.600-3.800 euros por megavatio instalado, moi lonxe das cifras ofrecidas polos novos intermediarios detectados nos espazos rurais de Galicia. “A enorme diferenza de prezos e a existencia de numerosas cláusulas de importancia para as partes, significa que existen posibilidades de mellorar as ofertas iniciais mediante a negociación”, valoran.

Recomendacións

Ante as propostas realizadas a propietarios de terras afectadas pola construción de novos parques eólicos, dende o Observatorio Eólico galego sempre recomendan estudalas con detenimento e contar con información para entender o tipo de negocio que a empresa quere desenvolver na localidade. Aconsellan non ter présa para asinar o acordo e tentar establecer alianzas con outros propietarios, co Concello e con organizacións profesionais e sociais; así como negociar conxuntamente con tódolos propietarios afectados.

Ademais, o Observatorio Eólico de Galicia é un defensor dos contratos de arrendamento ou contratos de dereito de superficie, fronte á expropiación ou á compravenda, para vincular as terras eólicas cos parques eólicos. “A experiencia indícanos que o alugueiro rende maiores beneficios para as comunidades rurais. Pero ollo, hai que ler a letra pequena e, sobre todo, tratar de adoitar estratexias colectivas para buscar as mellores condicións”, argumentan.

Sinalan que mentres non mude o marco normativo, na liña de converter en actores centrais do aproveitamento dos recursos enerxéticos renovábeis ás comunidades rurais, propietarios dos recursos territoriais nos que existen ese capital eólico, o OEGA seguirá a traballar para fortalecer a súa posición negociadoras e así conseguir unha transición enerxética máis xusta.

-Consulta aquí a Guía elaborada polo Observatorio para incrementar o valor social e económico da enerxía eólica.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información