Advirten das elevadas perdas de fósforo e nitróxeno nas ganderías de vacún de leite

Unha investigación levada a cabo en ganderías de vacún de leite de Galicia incide na necesidade de mellorar a eficiencia do uso do nitróxeno e do fósforo. Velaquí unhas recomendacións para corrixir esta situación

Advirten das elevadas perdas de fósforo e nitróxeno nas ganderías de vacún de leite

Non enterrar axiña despois de aplicalo contribúe á perda de nitróxeno

É imprescindible mellorar a eficiencia do uso do nitróxeno (N) e do fósforo (P) nas ganderías de vacún de leite de Galicia, tanto para evitar posibles efectos negativos no medioambiente como porque as axudas da Política Agraria Común (PAC) estarán cada vez máis vinculadas a un uso eficiente e racional dos fertilizantes.

Esta é unha das conclusións do proxecto EUREL, unha investigación coordinada pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) e na que participan o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM-INGACAL) e a Cooperativa Agraria Provincial da Coruña. Os resultados deste estudo, que contou con financiamento do FEADER, a Consellería de Medio Rural e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, foron presentados o pasado venres en Santiago de Compostela.

Para o estudo seleccionáronse 10 explotacións gandeiras innovadoras, calculouse o balance de N e P a nivel de explotación e ofrecéronse unhas recomendacións de fertilización para mellorar estes balances.

O balance destes dous minerais calcúlase restando o que sae dunha explotación ou autput (Leite e carne producidos, colleitas vendidas, fertilizantes orgánicos vendidos, e animais vendidos e/ou mortos) menos as entradas de nitróxeno ou inputs (fertilizantes minerais/orgánicos comprados, pensos e alimentos comprados, animais comprados e a fixación N polas leguminosas/Choiva/Rega).

Nunha explotación agrícola-gandeira, que produce as súas propias forraxes, os nutrientes están en continuo reciclaxe dentro da explotación (ciclo de nutrientes), nun equilibrio medioambiental.

Balance de Nitróxeno: Quedan sen empregar 379 kg por ha de N

Neste sentido, o estudo das 10 ganderías no relativo ás entradas e saídas de nitróxeno conclúe que:

-Nas explotacións quedan sen utilizar unha media de 379 kg/ha de N, cunha eficiencia media baixa do 26%, o que supón que esa cantidade pode perderse ao medio.

-O balance de N increméntase coa intensificación da explotación (incremento da produción de leite, polo efecto de dilución ao aumentar os litros producidos), aínda que hai algunhas explotacións que se saen desta tendencia. O balance de N/1000 L de leite presenta unha grande variabilidade, ao igual que a eficiencia.

-Existe unha marxe importante de mellora do balance e a eficiencia do Nitróxeno nas explotacións, pois para explotacións con producións semellantes existe variabilidade nestes indicadores.

-En alimentación o gandeiro debe incrementar o consumo de forraxes propias (facer rotacións do millo con cultivo de inverno) e diminuir a entrada de nitróxeno a través dos pensos, aumentando o cultivo de leguminosas (trevo…etc) e controlando o nivel de urea no leite.

EUREAL NITROXENO 1 EUREAL NITROXENO 2 EUREAL NITROXENO 3

Balance de Fósforo: 72 kg por hectárea quedan sen empregar

En canto ao fósforo, un nutriente tan importante como escaso e prexudicial en caso de exceso, o estudo realizado dentro do proxecto EUREL conclúe que:

-O balance indica que nas explotacións quedan sen utilizar unha media de 72 kg/ha de fósforo, cunha eficiencia media baixa do 34%, o que supón que esa cantidade pode perderse ao medio.

-Destacar que nalgunhas explotacións o balance de fósforo se aproxima a 0 (3 explotacións por debaixo de 20 kg de P/ha) , que é a situación ideal dende o punto de vista medioambiental, pois non hai risco de contaminación.

-As tres ganderías máis productivas son as que presentan o balance de fósforo máis alto e as eficiencias máis baixas, con diferencias apreciables respecto ao resto, que presenta unha importante variabilidade.

-Aínda hai unha marxe de mellora sobre todo naquelas explotacións que teñen niveis altos de fósforo no solo e a pesar diso seguen utilizando fertilizantes minerais fosfóricos.

EUREAL FOSFORO 2 EUREAL FOSFORO 1

Recomendacións de fertilización

-É moi importante o encalado en parcelas cunha porcentaxe de saturacion de aluminio maior ao 10% (un 29% das parcelas mostreadas no proxecto) para que os nutrientes aportados (N, P y K) estean dispoñibles para a pradeira ou cultivo forraxeiro.

-Encóntranse niveis de fósforo moi altos en solos, por riba de 45 ppm, no 34% das parcelas mostreadas. É imprescindible baixalos, pois xunto co Nitróxeno o fósforo provoca problemas de contaminación ao contribuir á eutrofización (falta de oxíxeno) das augas. Nestas parcelas non deben aplicarse fertilizantes minerais fosfóricos.

-Naquelas parcelas con contidos moi altos en fósforo e en potasio débese evitar a aplicación de xurros e de fertilizantes minerais con fósforo e potasio.

-O enterrado dos xurros con incorporación nas 4 horas seguintes á súa aplicación para evitar a volatilización do N non se realiza nunha grande parte das explotacións. Realizar esta labor de enterrado, permite diminuir o N mineral aplicado e o balance nitroxenado da explotación, co menor risco de contaminación ambiental.

ENLACE: Aplicacións do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) para unha correcta fertilización das pradeiras e do millo forraxeiro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información