Ante a proximidade da vendima e a ausencia de contratos de compra de uva na Ribeira Sacra, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) intensifica as súas accións para obter respostas da Consellaría do Medio Rural. Segundo informaron, a tres meses da recolección, a situación dos viticultores e viticultoras é especialmente precaria, sen garantías de venda para a súa produción.
O SLG-CCLL revelou que, a pesar de ter solicitado unha reunión urxente coa nova conselleira, María José Gómez Rodríguez, aínda non recibiron resposta. Esta petición coincide coa realizada polo Consello Regulador da DO Ribeira Sacra, que tamén busca dialogar sobre a situación actual coa Consellaría, alcaldes e representantes de grandes adegas.
A preocupación no sector é patente. “Cremos que ante a situación de excedentes na DO Ribeira Sacra é necesario implantar medidas de fondo que vaian máis aló da destilación de crise e dar xa a información que ten a Administración e o Consello Regulador ás persoas viticultoras”, afirmou Xosé Manuel Parente, responsable do sector do viño no SLG-CCLL. Parente engadiu a importancia dunha xuntanza conxunta de todas as partes implicadas, procurando solucións concretas para evitar unha maior afectación ao sector.
Ademais, o sindicato criticou “a falta de acción concreta por parte da Consellería do Medio Rural”, subliñando que “as medidas propostas até agora, incluída a destilación de crise, non garanten a viabilidade a longo prazo dos viticultores da DO, nin a preservación do modelo territorial e de producción de alimentos baseado no cultivo tradicional en bancais”.
Con estes factores en xogo, segundo o Sindicato Labrego “o futuro do sector vitivinícola e a conservación dunha práctica agrícola clave para a identidade da Ribeira Sacra están en risco”. “A comunidade viticultora agarda respostas e accións decisivas para poder continuar coa súa labor, esencial para a economía e o patrimonio cultural da zona”, subliñan.