Os titulares de granxas afectadas pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) deberán presentar antes de que remate o mes de febreiro, unha solicitude (Anexo I do procedemento MR558A) para o cobro das axudas concedidas pola Xunta.
A resolución publicada este luns no DOG ten carácter provisional e esixe cubrir un formulario de aceptación do importe para que se convirta en definitivo, indicando ademais o número de conta para proceder ao seu cobro.
Brais Álvarez, coordinador do sector da carne do Sindicato Labrego, considera que este é un trámite burocrático innecesario que pode facer que posibles beneficiarios acaben por non percibir finalmente as indemnizacións.
Todas as granxas que hai no listado fan a PAC, polo que a Xunta xa ten os seus datos; é un trámite innecesario o que se pide
“O 99%, por non dicir todas as granxas que hai no listado, fan a PAC, polo que a Xunta xa ten os seus datos e, ao tratarse dunha axuda directa, tiña que ser un ingreso no número de conta da PAC, sen máis. Sen embargo, tal como saíu no DOG, hai que facer unha solicitude e hai un mes de prazo para presentala, polo que hai que advertir á xente de que se non fan esa solicitude non van cobrar”, explica.
Demora nos pagos
Este trámite solicitado pola Administración vai provocar un retraso no cobro das axudas por parte dos beneficiarios, xa que transcorrido o mes de solicitude, a Xunta dispón de 4 meses máis para subsanar erros e discrepancias e publicar a listaxe definitiva.
Non andamos sobrados de cartos os gandeiros como para deixarlle diñeiro á Administración
“Vai haber unha demora no cobro. Había un compromiso da Consellería de que en decembro se publicaría a resolución para cobrar en marzo. Imos xa tarde e non andamos sobrados de cartos os gandeiros como para deixarlle diñeiro á Administración”, afirma José Ramón González, responsable de producións extensivas de UUAA.
Axuda para tratamentos só para os animais confirmados
Outro dos aspectos da resolución publicada que está a xerar recelos no sector son os requisitos establecidos para o cobro dos importes correspondentes ao tratamento de animais enfermos.
“A axuda aos tratamentos dáse só aos animais que se sangraron e deron positivo. No meu caso en canto tivemos un positivo non nos viñeron sangrar máis porque os servizos veterinarios oficiais estaban saturados e non daban abasto”, lembra José Ramón. Por iso, di, o número de animais que aparecen como positivos no listado publicado no DOG non reflicte a realidade, xa que non se puideron confirmar e comunicar moitos outros casos de animais enfermos.
Non foi culpa dos gandeiros que non se sangraran todos os animais enfermos
Por iso, Unións Agrarias presentará un recurso á resolución publicada no DOG no que pide que se estendan as axudas a todos os animais tratados, teñan confirmación mediante proba de laboratorio ou non. “Esas vacas que tratamos aínda que non sangramos están perfectamente identificadas, porque hai unha receita veterinaria identificando aos animais tratados. Non foi culpa dos gandeiros que non se sangraran todos os animais enfermos”, asegura José Ramón.
Por morte se non se fixo a proba e non hai resultado positivo tampouco cobras nada
Nas provincias de Ourense e Lugo non había veterinarios oficiais suficientes como para diagnosticar todos os casos, polo que en moitas granxas só se confirmou un caso de enfermidade. “O que estamos detectando é que hai un desfase importante entre os casos reais que houbo e os casos confirmados. Moitas granxas perden cartos por aí”, explica Brais. A Xunta considera que uns 5.500 animais deron positivo por EHE en Galicia en 2024, dos que 850 acabaron morrendo.
Non se paga o lucro cesante
A orde de axudas contempla só tres apartados: indemnizacións por morte (de 400 a 1.600 euros en función da idade do animal), tratamentos veterinarios aplicados (100 euros por animal confirmado) e uso de desinsectantes nas granxas (20 euros por animal censado na explotación).
A EHE non foi ningunha broma e vaise ver agora, porque van nacer menos xatos debido á baixada na fertilidade
Non se abona, sen embargo, contía algunha en concepto de lucro cesante ás granxas que tiveron animais enfermos. “A EHE non foi ningunha broma e vaise notar agora nesta primavera debido á baixada na fertilidade, o que vai facer que non haxa becerros ao ano que vén”, advirte José Ramón. “Nós pediamos que se incluíra o lucro cesante pero a Xunta sempre dixeron que non”, lembra.
Non se subvenciona a vacinación
Ariadna Fernández, veterinaria da comarca do Deza e na actualidade deputada do BNG no Parlamento galego, critica ademais que non se dean axudas para a vacinación naquelas explotacións que non tiveron casos de EHE confirmados até o de agora, cando son estas sobre todo as que deberían vacinar de cara á nova campaña, xa que teñen máis probabilidades de sufrir a enfermidade este ano, ao contar cun menor grado de inmunidade de rabaño con respecto a aquelas nas que xa circulou o virus entre os seus animais.
As explotacións que non tiveron aínda ningún caso confirmado non reciben ningunha axuda para vacinar o gando, cando son as que teñen máis risco de contraer a enfermidade este ano
Considera ademais “pouco transparentes e sen ningún tipo de rigor” os criterios establecidos pola Consellería ha hora de repartir as indemnizacións. “Non existe ningún documento que diga que o tratamento e os servizos veterinarios derivados custaban 100 euros. A media que se estima é de 400 euros por animal tratado, mentres que a Xunta dá unicamente 100”, denuncia.
O custo medio de tratar unha vaca enferma de EHE é de 400€, dos que a Xunta só paga 100
Do mesmo xeito, Ariadna critica que se paguen os tratamentos empregados unicamente nos animais confirmados, dado que este número non reflicte realmente o total dos que enfermaron. Isto supón unha perda importante de axudas por parte da maioría das granxas afectadas, xa que moitas delas tan só diagnosticaron de xeito laboratorial ou visual por parte de veterinarios oficiais un animal.
“En ningún momento se dixo que o número de animais positivos era o criterio que se ía ter en conta á hora de repartir as indemnizacións, sempre se dixo que se darían 20€ por animal censado nas explotacións afectadas pola EHE nas que houbera algún caso positivo. Ese era o criterio anunciado até o de agora, e dado que non había medios materiais e humanos suficientes como para diagnosticalos todos, sobre todo nas provincias de Ourense e Lugo, tendo en conta o número de animais infectados e que os veterinarios oficiais dispoñibles non tiñan capacidade para visitar a todas as granxas varias veces”, di.
A perda non é a mesma se a vaca que morre é de alto valor xenético ou non e iso non se ten en conta
Finalmente, á hora de indemnizar a morte dos animais que se viron afectados por EHA tan só se ten en conta a súa idade (400€ se é menor a 4 meses, 900€ de 4 meses a 18, 1.600€ de 18 a 120 meses e 1.000€ de máis de 120 meses) pero non o seu valor xenético, “cando a perda non é a mesma, por exemplo, nunha explotación de alta xenética de frisón ca nunha que non o é”, considera Ariadna.
Un debate de fondo, o valor das indemnizacións por morte ou sacrificio: “Unha vaca vale hoxe o triplo do que a Administración paga por ela”
Para José Ramón González, o pago de indemnizacións por morte ou sacrificio de animais, sexa por EHE, ataques de lobo ou as propias campañas oficiais de saneamento gandeiro, agocha un debate de maior calado: cubren os importes que se establecen o valor real do animal?
“É un problema de fondo a tratar e algo que afecta tanto á Consellería como ao Ministerio. Os valores son ridículos. Hoxe unha vaca vale o triplo do que se está a valorar”, asegura, sobre todo tralo incremento de prezos nos últimos dous anos.
Ademais, existen diferenzas substanciais nas valoracións e pagos entre comunidades autónomas. “Un gandeiro de Castela e León cobra 3 veces o que cobro eu se lle mata unha vaca o lobo porque Castela e León paga o lucro cesante en ataques de lobo e Galicia non. A valoración dunha vaca aquí até o ano 2022 facíase polas táboas de positivo de saneamento gandeiro e a Xunta accedeu o ano pasado a subir a valoración a unha cifra que é máis razoable pero non é aínda xusta”, quéixase.
Un gandeiro de Castela e León cobra tres veces máis que un galego por un ataque do lobo
Esas diferenzas de valoración prodúcense incluso dentro dunha mesma comunidade autónoma en función do motivo da morte. “En Galicia un gandeiro cobra o triplo se lle come unha vaca o lobo que se é sacrificada porque dá positivo en tuberculina, sendo que quen paga a vaca é a mesma Administración, neste caso a Xunta, aínda que sexa diferente consellería (Medio Ambiente no caso do lobo e Medio Rural no caso da tuberculose)”, indica.