Advirten da forte caída do prezo da carne de vacún en España por efecto do acordo UE-Mercosur

COAG solicitou unha reunión á Secretaria Xeral de Recursos Agrarios e Seguridade Alimentaria do Ministerio de Agricultura na que analizar a posible activación da cláusula de salvagarda contemplada no Acordo.

frigorificos bandeira vacun matadoiroCOAG solicitou á Secretaria Xeral de Recursos Agrarios e Seguridade Alimentaria, Ana Rodríguez Castaño, unha reunión bilateral na que poder valorar conxuntamente a posibilidade de que España, como Estado membro da Unión Europea, poida solicitar nas próximas semanas á Comisión Europea o inicio dunha investigación que permita facer un uso rápido e eficaz das cláusulas bilaterais de salvagarda contempladas no Acordo UE-MERCOSUR co obxectivo de contrarrestar os efectos negativos das reducións arancelarias no sector vacún que xa están a se sentir nas cotizacións dos bovinos nas principais lonxas de España.

“Segundo as nosas estimacións, o incremento das importacións na UE de carne de vacún entre xaneiro e abril xa supera en máis dun 30% a media das importacións no mesmo período dos tres anos anteriores, mentres que a caída do prezo medio de ditas importacións respecto á media dos tres anos anteriores xa está a rozar o 5%”, subliñou Isabel Vilalba, responsable na Comisión Executiva de COAG.

O pasado 1 de maio comezou a aplicarse de xeito provisional o Acordo Comercial Interino (ITA) do Acordo UE-MERCOSUR, un dos dous instrumentos xurídicos que conforman a arquitectura deste tratado bilateral de libre comercio, e que “inclúe a redución de aranceis cuxos nefastos efectos xa están a impactar no sector vacún de carne no Estado español”.

“As industrias importadoras españolas e europeas levan esperando a ratificación deste Acordo desde hai anos e iniciaron unha escalada nas súas importacións de carne procedente dos 4 países que conforman o MERCOSUR xa desde antes do 1 de maio de 2026”, sinalou Joaquín Gargallo, responsable de sector Vacún de Carne de COAG. En 2026 incrementáronse as importacións españolas de carne de Arxentina, Brasil, Paraguai e Uruguai un 340% respecto ao mesmo período de 2025, pasándose de 1.838 toneladas de carne de vacún importadas entre xaneiro e maio do ano pasado a 8.104 toneladas este ano. Un 69% destas importacións procederon do Brasil, país recentemente sinalado pola Comisión Europea nun informe de auditoría sobre os deficientes controis sanitarios aplicados á carne bovina destinada a exportación en relación ao uso de hormonas nos becerros (prohibido na UE).

O efecto destas importacións xa está a se sentir de xeito notable nos prezos pagos en orixe ás persoas gandeiras españolas nos últimos meses: en lonxas de referencia como Binéfar ou Salamanca, os prezos en orixe rexistraron recortes de entre un 8% e un 12% en categorías como becerros e tenreiras. “Existe unha correlación directa e inversa entre a saturación do mercado interno e as cotizacións do vacún, aínda que tamén hai unha considerable especulación por parte das industrias importadoras españolas, que viron ampliado a súa marxe de beneficio durante estes últimos meses a costa da perda do sector produtor”, matizou Gargallo. A esta saturación do mercado tamén contribuíu a paralización das exportacións españolas de bovino vivo a Marrocos, mercado que foi ocupado, precisamente, por Brasil.

Se na semana 1 de 2026 o prezo medio do conxunto de categorías de bovinos vivos en España foi de 386,18 €/kg de peso vivo segundo o MAPA[1], na semana 28 (último dato dispoñible a data de hoxe) este prezo descendeu ata os 337,45 €/kg de peso vivo, un 13% menos. A baixada sentiuse en todas as categorías monitorizadas semanalmente polo MAPA (becerro AR3, vacas DO, xovencas ER, tenreiras ZR, frisóns de menos de 1 mes, cruzados de menos de 1 mes e pasteiros de 6-12 meses), tal e como pode constatarse nos informes publicados semanalmente polo Ministerio.

COAG solicitou unha reunión bilateral na que poder valorar co Ministerio, por unha banda, a posible activación das cláusulas de salvagarda do Acordo analizando os datos provisionais de importacións dos meses de maio, xuño e xullo que manexe o MAPA e, doutra banda, as medidas para adoptar en relación á prohibición das importacións de carne procedentes do Brasil a partir do próximo 3 de setembro. “Trátase de dúas cuestións directamente relacionadas coa nosa soberanía alimentaria e nas que cremos que hai que poñer o foco”, sinalou Vilalba.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información