Advirten da degradación dos solos agrarios e fértiles de Galicia

Advirten da degradación dos solos agrarios e fértiles de Galicia

Plantación de eucalipos nunha pradeira

Este sábado, 5 de decembro, celébrase o Día Internacional do Solo. Neste sentido, o Sindicato Labrego Galego (SLG) lembra que “os nosos solos desempeñan un papel esencial nos ciclos naturais, na regulación dos fluxos da auga, na captura de carbono e, por suposto, na xeración de paisaxes de grande valor cultural, social, ambiental e produtivo, sendo os garantes dunha produción agraria sostible, suficiente e de calidade”.

Sen embargo, alertan de que “hoxe en día, como o resto do noso entorno, os solos atópanse ameazados (…) pola expansión de grandes infraestruturas e do urbanismo, pola cantidade de produtos químicos que vertemos nel, pola sobreprodución, pola enorme densidade gandeira en zonas moi concretas e pequenas que non son quen de xestionar os residuos producidos, pola súa seca e morte”.

No caso de Galicia, o Sindicato Labrego engade outra ameaza: “o problema da eucaliptización, co que se está a colonizar á mantenta o noso territorio cunha especie exótica invasora enormemente prexudicial para a saúde dos solos e das augas”.

Ademais, a organización labrega advirte de que “coa conivencia cómplice do Goberno da Xunta, estanse a forestar terras agrarias, sendo hoxe Galiza un dos territorios de Europa con menor superficie agraria útil, atopándose no último posto no Estado Español con tan só o 21% das súas terras dedicadas a fins agropecuarias”.

”Hoxe, os solos agrarios e fértiles da Galiza están máis ameazados ca nunca polas políticas suicidas da Consellaría de Medio Rural, que agora, ademais de servirlle o noso territorio en bandexa a Ence e Greenalia para plantar eucalipto con fins industriais non alimentarias, pretende facer outro tanto con Inditex para producir viscosa”, denuncian.

Plataformaa para reclamar a protección dos solos

Ante esta situación, o Sindicato Labrego lembra que “dende a Plataforma Estatal Intervegas (https://intervegas.org), centos de colectivos e persoas reclamamos a protección destes solos e estes espazos agrícolas históricos que demostraron ser sostibles e resilientes, que nos ofrecen numerosos servizos e que son garantía da nosa propia soberanía alimentaria nun contexto cheo de incertezas”.

Intervegas promove un proxecto de “Lei para a protección dos solos de alto valor agrolóxico e de solos de interese agraria” que agarda sexa debatido no Congreso canto antes e seguirá traballando para que saia adiante co maior consenso posible, xunto con novas medidas que favorezan a dignificación do traballo agrario e unha produción máis sostible en harmonía coa natureza.

Accións formativas do SLG a prol da recuperación da fertilidade natural dos solos

O Sindicato Labrego Galego colaborou esta mesma semana en dúas accións formativas organizadas pola Asociación Herbamoura e orientadas, precisamente, a recuperar a fertilidade natural dos nosos solos agrarios.

A primeira, celebrada o mércores 3 de decembro en Curtis, foi unha “Xornada para manter vivos os solos para pasto”, impartida polo técnico Andrés Castro; e a segunda, ao día seguinte, foi unha introdución á gandería rexenerativa en Ordes, na que se contou co biólogo Antonio Tucci  e co xerente de Gandería Josmar SC, José Manuel Santín Caloto.

O solo resulta esencial tamén para combater o cambio climático

Os organismos do solo desempeñan unha función esencial para impulsar a produción de alimentos, mellorar as dietas nutritivas, preservar a saúde humana, recuperar os lugares contaminados e combater o cambio climático, pero a súa contribución permanece no súa maior parte subestimada, sinala a FAO no seu primeiro informe titulado “State of Knowledge of Soil Biodiversity” (Estado dos coñecementos sobre a biodiversidade do chan). O informe presentouse hoxe con ocasión do Día Mundial do Solo.

“A pesar de que a perda de biodiversidade figura entre as principais preocupacións mundiais, non se outorga á biodiversidade subterránea a importancia que merece, e debe terse plenamente en conta ao planificar as intervencións para o desenvolvemento sustentable”, segundo o informe.

“A biodiversidade do solo e a xestión sustentable dos solos constitúen un requisito previo para o logro de moitos dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable”, afirmou a Directora Xeral Adxunta da FAO, Sra. Maria Helena Semedo. “Por tanto, os datos e a información sobre a biodiversidade do chan, desde o plano nacional ao mundial, son necesarios para planificar con eficiencia as estratexias de xestión dun tema do que aínda se coñece pouco”.

“Esperamos que os coñecementos incluídos neste informe faciliten a avaliación do estado da biodiversidade do solo como parte integrante da presentación de informes nacionais e rexionais en materia de biodiversidade e dos recoñecementos edafolóxicos”, engadiu.

Os solos son unha das principais reservas mundiais de biodiversidade e albergan máis do 25 % da diversidade biolóxica do planeta. Así mesmo, máis do 40 % dos organismos vivos nos ecosistemas terrestres están asociados aos chans durante o seu ciclo biolóxico.

No informe a biodiversidade do solo defínese como a variedade de vida subterránea, desde os xenes e as especies até as comunidades que forman, así como os complexos ecolóxicos aos que contribúen e aos que pertencen, desde os microhábitats dos chans até as paisaxes. Estes inclúen unha gran variedade de organismos, incluídas formas unicelulares e microscópicas e invertebrados tales como nematodos,miñocas, artrópodos e as súas fases larvais, así como mamíferos, réptiles e anfibios que pasan unha gran parte da súa vida baixo terra, e unha ampla diversidade de algas e fungos.

As ameazas á biodiversidade do solo

A función da biodiversidade do solo mediante os servizos ecosistémicos que proporcionan é fundamental para a agricultura e a seguridade alimentaria.

Por exemplo, os microorganismos do solo transforman os compostos orgánicos e inorgánicos que liberan nutrientes de maneira tal que as plantas poden alimentarse. Estas transformacións tamén son vitais para a filtración, a degradación e a inmovilización dos contaminantes na auga e o chan. Ademais, a diversidade dos solos contribúe a mellorar o control, a prevención e a eliminación de pragas e patóxenos.

No entanto, a importante función da biodiversidade do solo para asegurar a sustentabilidade dos sistemas agroalimentarios pode verse ameazada polas actividades humanas, o cambio climático e os desastres naturais.

O uso excesivo e indebido de produtos químicos agrícolas segue sendo un dos principais factores de perda de biodiversidade do chan e, por tanto, reduce o potencial desta biodiversidade para lograr unha agricultura sustentable e a seguridade alimentaria.

Entre outros exemplos figuran a deforestación, a urbanización, a intensificación agrícola, a perda de materia orgánica e carbono do solo, a degradación da estrutura do chan, a obturación do chan, a acidificación do chan, a contaminación, a salinización, a sodización, os incendios forestais, a erosión e os corrementos de terras.

O potencial dos solos para mitigar o cambio climático

As solucións baseadas na natureza que implican o uso de microorganismos do solo teñen un potencial considerable para mitigar o cambio climático. Desempeñan un papel crave na fixación de carbono e a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro. Unha parte das emisións de dióxido de carbono antropóxenas pode ser absorbida polas plantas e almacenarse nos chans grazas á descomposición microbiana, o que pode permitir a retención de carbono no chan durante períodos de tempo prolongados.

No informe constátase que as actividades agrícolas constitúen a maior fonte de gases de dióxido de carbono e óxido nitroso emitidos polos solos, como consecuencia do uso excesivo e indebido de fertilizantes que conteñen nitróxenos.

A biodiversidade do solo e o benestar humano

A biodiversidade do solo apoia a saúde humana, de forma tanto directa como indirecta, a través da regulación de enfermidades e a produción de alimentos. Varias bacterias e fungos do solo utilízanse tradicionalmente na produción de salsa de soia, queixo, viño e outros alimentos e bebidas fermentados. A relación entre as raíces das plantas e a biodiversidade do chan permite que as plantas produzan sustancias químicas como os antioxidantes que as protexen das pragas e outros factores de tensións.

Cando consumimos estas plantas, os antioxidantes benefíciannos ao estimular o noso sistema inmunolóxico e contribuír á regulación hormonal. Os microorganismos do chan tamén poden axudar a previr as enfermidades inflamatorias, entre elas a alerxia, a asma, as enfermidades autoinmunes, a enfermidade inflamatoria intestinal e a depresión.

Así mesmo, desde principios da década de 1900, obtivéronse dos organismos do solo numerosos medicamentos e vacinas, desde antibióticos coñecidos como a penicilina até a bleomicina que se utiliza para tratar o cancro e a anfotericina para as infeccións por fungos. No contexto do aumento das enfermidades causadas por microorganismos resistentes, a biodiversidade do chan ten enormes posibilidades de ofrecer novos medicamentos para combatelas.

Medidas futuras

Polo xeral, existe unha falta de datos detallados, políticas e medidas sobre a biodiversidade do chan a nivel local, nacional, rexional e mundial. No informe ponse de relevo a necesidade de promover o cambio necesario para incluír indicadores biolóxicos da saúde do solo, xunto con indicadores químicos e físicos.

A fin de comprender mellor as ameazas á biodiversidade do chan e aplicar políticas e regulamentos pertinentes, é crucial investir en avaliacións da biodiversidade do solo harmonizadas en todo o mundo, normalizar os protocolos de mostraxe e análise para permitir a recolección de grandes conxuntos de datos comparables e promover a utilización de ferramentas de seguimento eficientes con vistas a rexistrar os cambios na biodiversidade do chan.

Segundo o informe, a adopción de prácticas de xestión sustentable dos solos por parte dos agricultores, como premisa básica para preservar a biodiversidade do chan, segue sendo baixa debido á falta de apoio técnico, provisión de incentivos e contornas propicias e debe intensificarse.

A publicación tamén subliña a necesidade de promover as tecnoloxías innovadoras na xestión dos solos. Por exemplo, as novas técnicas moleculares que utilizan a secuenciación molecular de próxima xeración permiten unha mellor comprensión dos organismos do chan e os efectos que estes poden ter nos sistemas de cultivo asociados.

Por conseguinte, segue sendo de suma importancia reforzar a educación e o fomento da capacidade na adopción de instrumentos innovadores con vistas a contribuír á saúde dos seres humanos, as plantas e os solos.

As principais conclusións do informe presentáronse ¡na cerimonia virtual do Día Mundial do Solo. Durante a cerimonia, concedeuse o Premio Mundial do Solo Glinka 2020 a un científico agrícola italiano, líder de acción en materia de solos, o Sr. Luca Montanarella, e outorgouse o Premio do Día Mundial do Solo Rei Bhumibol ao Consello de Investigacións Agrarias da India (ICAR). Ademais, conscientes de que non podemos xestionar de maneira adecuada o que non coñecemos, durante o acto presentouse o Sistema armenio de información sobre os solos. 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información