“A Administración castiga o pastoreo, cando somos nós quen mantemos o territorio”

Marta Rodríguez, gandeira de ovino e cabrún de Ferreira de Pantón (Lugo), critica as trabas que experimenta a gandería extensiva polos lumes. Compareceu no Parlamento na comisión de estudo dos incendios forestais como vogal da xunta directiva de Ovica

“A Administración castiga o pastoreo, cando somos nós quen mantemos o territorio”

Marta Rodríguez, co seu rabaño, en Ferreira de Pantón (Lugo). / Imaxes: Ovica.

O manexo do gando no monte está a experimentar unha cadea de trabas nos últimos anos. Primeiro foron as restriccións ós pastos arbustivos nas axudas da PAC e a última vaga de lumes fixo patente outro problema endémico, as penalizacións que sofren as ganderías en extensivo polos pastos queimados.

Marta Rodríguez Losada, gandeira de ovino e cabrún de Ferreira de Pantón (Lugo), abordou estas cuestións na comisión de lumes do Parlamento, na que compareceu como vogal da xunta directiva de Ovica, a asociación de criadores de ovino e caprino de Galicia. “Nunca fan caso das nosas demandas, pero hai que seguir petando. Eu son teimuda como un can”, declara.

Comecemos falando da túa explotación en concreto. Que rabaño xestionas?
– No meu caso, cada día saco a pastorear 150 ovellas e 70 cabras polas terras de pasto permanente, pasto arbustivo e pasto sobre arboredo que teño en propiedade ou me foron cedendo co paso do tempo. De pastizais teño 33 hectáreas, o pasto arbustivo non o conto porque nos últimos anos non nolo computaban para as axudas da PAC, aínda que hai que dicir que son as terras mellores para as cabras, son as que prefiren.

Como vos afectaron os lumes deste ano?
No noso concello, Ferreira de Pantón, houbo uns 55 lumes, algún dos cales afectou a pastizais nosos. Con todo, o principal problema é que temos que cruzar zonas queimadas para levar ó rabaño a pastos de lonxe. As dúas marxes do camiño están queimadas e como é entendible, as ovellas non van en fila india.

Soliciteille permiso á Consellería de Medio Rural para poder pasar por camiño público con afectación de terras queimadas particulares a ambas marxes e, seguindo escrupulosamente a Lei de Prevención de Incendios, a Consellería contestoume, textualmente:

“Aínda que o paso con animais por camiños públicos nos terreos queimados non é obxecto na prohibición establecida, dito paso require a debida dilixencia do responsable dos animais para que estes non paren a pastorear nos terreos forestais afectados polo incendio, xa que de detectarse que isto sucede, estaría incurrindo nunha infracción administrativa”.

Camiño coas marxes queimadas polo que pasa o rabaño de Marta.

Camiño coas marxes queimadas polo que pasa o rabaño de Marta.

Finalmente, puidemos resolver esta situación e agora semella que non nos van poñer problemas para levar os animais por ese camiño.

En canto ós pastos queimados na vaga de lumes, a Consellería anunciara que, de xeito excepcional, ía permitir computalos na PAC, así coma o pastoreo neles. Está solucionado este tema?
– A realidade é que na orde de axudas da PAC non se marca ningún tipo de excepcionalidade para que os gandeiros poidamos facer uso do pasto que precisamos para alimentar os animais. En teoría, por tanto, non se poden empregar nos dous anos seguintes á data do lume nin declaralos na PAC, polo que nos sentimos dobremente damnificados.

“A conselleira dixo que ía permitir pastoreo en terreo queimado e a súa declaración para a PAC, pero os seus técnicos seguen dicindo o contrario”

Se declaramos esa superficie queimada estaremos incurrindo nunha sanción administrativa, pero se seguimos as directrices que marca a Lei, perderemos os nosos dereitos de pago base por non declarar esa superficie durante dous anos seguidos.

Non entendemos como en Asturias, que sufriu unha situación similar, o Principado si aplicou un levantamento de acotamento do pastoreo por lumes. En Galicia, a conselleira dixo nos medios de comunicación que si podiamos pastorear e declarar esa superficie na PAC, pero a información que lle transmitiu á Consellería ó noso equipo técnico é a contraria. Nos cursos de formación para a PAC, subliñáronlles claramente que non podemos declarar esas parcelas, polo que non entendemos por que a administración non remata por lexislar e regularizar esta situación, e máis tendo en conta que xa transcurriron seis meses da vaga de lumes do outuno.

A lexislación vixente penaliza e criminaliza ás ganderías que pastoreamos, cando somos nós precisamentes quen mantemos o territorio e a paisaxe.

Este inverno compareciches como directiva de Ovica na comisión de estudo dos lumes do Parlamento. Que papel cres que pode xogar a gandería ante os lumes?
– A chave do problema dos lumes pasa pola xente, por manter a actividade agrícola e gandeira. Hai que evitar como sexa o abandono do rural porque cada persoa que cesa no agro é un aumento de riscos. Quizais a superficie e paisaxe que xestionaba esa persoa non volva ser produtiva. Desde Ovica constatamos unha constante perda de superficie agraria útil e unha invasión de especies forestais en terreos agrarios, sen que a Administración faga cumprir a lei.

“Sempre me gustou o campo e, sobre todo, os animais. As ovellas e as cabras son animais moi cariñosos, é unha compaña que valoro”

Levas xa case dúas décadas en Ovica, desde que te iniciaches no sector coa túa explotación, no ano 2000. Cóntanos como foron os teus inicios no agro.
– Sempre me gustou o campo e sobre todo, sempre me gustaron os animais, é unha compaña que valoro moito. As ovellas e cabras son animais cariñosos e teño cabras que atenden como se fosen un can. Do inicio da nosa explotación, hai que dicir que foi unha casualidade. Cando volvemos da emigración en Suíza, regaláronnos unha aña, coa idea de que a mataramos para comer, pero a nosa filla encariñouse con ela e non quixo, así que ao final mercamos outra aña para que lle fixese compaña á primeira e ao pouco, ofrecéronnos un pequeno rabaño de 10 ovellas e unha cabra dunha persoa que xa non podía atendelas.

Non tiñamos nin idea de gandería, pero grazas ós cursos de formación e ó apoio de Ovica, que nos asesorou desde o comezo, creamos un proxecto viable e exitoso no tempo.

Mastíns que protexen o rabaño do lobo.

Mastíns que protexen o rabaño do lobo.

En canto a terras, comentábasnos que xestionas 33 hectáreas de pastos. Como vos fostes facendo con esa superficie?
– Mercamos unha propiedade e pouco a pouco incorporamos terras á granxa, case sempre en réxime de cesión por troco ou aluguer verbal, como na gran maioría dos casos de incorporacións á gandería extensiva no noso sector.

Estades nunha zona con problemas de ataques polo lobo. Que manexo facedes para tratar de reducir o problema?
– Ultimamente houbo ataques de lobo preto e nós tamén os temos sufrido, así que hai que ter tino. Saímos á mañá co rabaño, que sempre vai acompañado de mastíns, e recollémolo ó mediodía a unha finca próxima á casa. Sempre imos cos animais.

Como valoras o apoio da Administración ó sector ovino e cabrún?
– A maioría de ganderías están cansas das dificultades burocráticas e da falta de apoio da Administración. Sempre se nos tivo polos parentes pobres da gandería. Chamoume a atención unha campaña de promoción do consumo de carnes galegas que fixo o ano pasado a Consellería porque cando mirei o cartel, aparecían tódolos sectores, vacas, coellos, pitas… pero non aparecían nin ovellas nin cabras. En xeral, préstanlle pouca atención as nosas demandas, aínda que hai que seguir petando. Eu son teimuda coma un can e é o xeito de que che fagan caso.

Comparecencia de Marta Rodríguez, de Ovica, na comisión de estudo dos lumes do Parlamento.

Comparecencia de Marta Rodríguez, de Ovica, na comisión de estudo dos lumes do Parlamento.

Propostas de Ovica para a prevención de lumes: o fomento da diversificación produtiva do monte

A Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia, Ovica, incide nas posibilidades que ofrecen ovellas e cabras para o control do mato no monte, unha función que considera clave para a prevención de incendios forestais.

A potencialidade do sector ovino na comunidade é grande, se se teñen en conta os datos do pasado. A comezos do século XX, en Galicia había máis de 2 millóns de ovellas e cabras que vivían exclusivamente do pasto e do ramalleo do mato. Na actualidade quedan 229.000 cabezas de gando ovino e cabrún repartidas entre 21.709 explotacións gandeiras, das cales únicamente 76 ganderías teñen máis de 250 animais.

Desde Ovica cuestiónase que en lugar de fomentar as ganderías de ovino e caprino, a Administración estea a aplicar medidas que as penalizan. O colectivo marca unha serie de prioridades para o desenvolvemento do sector en Galicia.

  • Recoñecer os pastos arbustivos para as axudas da PAC

  • “No 2015, a Consellería do Medio Rural aplicou unilateralmente unha quita nos pastos arbustivos e pastos sobre arboredo declarados na PAC. A maiores, todos os recintos de menos de 3.000 metros cadrados foron reasignados cun coeficiente de admisibilidade igual a cero” – critican desde Ovica.- “Isto supuxo que esta declaración de superficies da PAC marcase o primeiro ano de compromisos no período do Plan de Desenvolvemento Rural 2015-2020, limitando o cobro por uso de toda esa superficie, salvo que fose alegada”.

    O recente reglamento Ómnibus, da Comisión Europea, do pasado outono, recoñece a singularidade do aproveitamento dos pastos arbustivos, se ben en Galicia non hai aínda garantías de que se teñan en conta os novos criterios marcados por Europa, segundo Ovica. “Desapareceu o criterio de que o 50% da parcela teña que ter cobertura herbácea, chega con que exista unha consolidación do pastoreo, pero oficialmente non se nos comunicou como se vai proceder en Galicia a aplicar esta nova directriz”, valoran.

  • Creación dunha Escola de Pastores

  • A asociación considera que é preciso regular a formación e capacitación dos futuros gandeiros de ovino e cabrún, como xa fan outras comunidades autónomas, caso de Extremadura, Aragón ou Comunidad Valenciana.

  • Apoio ó uso de ovellas e cabras para a prevención de lumes forestais

  • “Por qué en Galicia non podemos dispoñer dunha medida de apoio real ao sector como a da ‘Oveja Bombera’, de Castilla La Mancha?” , pregúntanse desde Ovica. A liña de axudas da ‘Oveja Bombera’ -disposta a maiores das axudas agroambientais- outorga en Castilla La Mancha 123 euros por hectárea para premiar o papel da gandería extensiva na prevención de lumes forestais.

    “Por que en Galicia non podemos dispoñer dun apoio como o da ‘Oveja bombera’ de Castilla La Mancha?”, pregúntase Ovica

    Ovica lembra tamén que entre os anos 2006 e 2009, por medio dun convenio con Medio Rural, asesorou a 115 comunidades de montes veciñais no aproveitamento silvopastoral do monte, sobre todo a comunidades de Lugo e Ourense. “Ese convenio foi rescindido no seu día por falta de orzamento, o que limita os recursos da asociación para dar asesoramento a toda a demanda que nos está chegando, sobre todo de montes veciñais das Rías Baixas, nos que está a haber un ‘boom’ de explotación do monte con gando cabrún”, sinalan.

  • Eliminar a prohibición de pastorear en terreos queimados

  • A lexislación marca que nos dous anos seguintes ó incendio estea prohibido o pastoreo en terreos queimados. “A lei actual só conduce ao abandono desa terra. Se os gandeiros que quedaron sen alimento e coa maior parte da superficie queimada ou afectada non poden pastorear no inverno, a explotación gandeira está condenada ao seu peche. Cambiar a lexislación é unha necesidade básica”, advirte Ovica.

  • Autorización de queimas controladas no inverno

  • Para rexeneración de pastos e de zonas abandonadas do monte, Ovica considera que debe facerse un maior uso da ferramenta das queimas controladas, coa correspondente xestión e autorización por parte da Xunta. “En moitos casos, trátase da única alternativa para recuperar superficies non produtivas”, destacan.

  • Control sobre as forestacións ilegais de terras agrarias

  • O actual procedemento sancionador de forestacións ilegais ou que incumpren as distancias de plantación marcadas pola lei pode dilatarse máis de dous anos tras unha denuncia, segundo a asociación.

  • Evitar o abandono no monte de restos de biomasa procedente de podas, rareos ou rozas

  • O abandono no monte de biomasa leva a un aumento dos riscos en caso dun lume forestal. Ademais, limítase o acceso a esa superficie por parte dos animais que realizan un aproveitamento silvopastoral do monte.

  • Acceso á terra

  • “O acceso á terra é un factor clave. Debe dotarse con máis recursos materiais e humanos ó Banco de Terras e crear un Banco de explotacións agrícolas e gandeiras que evite que as granxas que se vexan obrigadas a pechar volten en improdutiva a superficie territorial que xestionan”, sinala Ovica.

    A renovación e actualización periódica e constante do Catastro é tamén fundamental para propiciar o contacto entre a oferta e a demanda de terras improdutivas e abandonadas, desde a perspectiva do colectivo.

  • Recuperar o programa de implantación de pastos en zonas de montaña

  • “O anterior programa de implantación de pastos en zonas de montaña dentro de Galicia, que estivo vixente no período 1984-2016, permitiu executar uns 700 proxectos, case todos desenvoltos en Comunidades de Montes Veciñais en Man Común. Mobilizáronse preto de 25.000 hectáreas que permitiron xerar un movemento dinamizador nas zonas nas que se implantou grazas á recuperación da gandería extensiva”, valora Ovica.

Máis información
Informe de conclusións e aportacións de OVICA na Comisión Parlamentaria de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do plan forestal de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información