Adegas Martín Códax presenta o seu albariño de pago Finca Xieles

Publicidade
Adegas Martín Códax presenta o seu albariño de pago Finca Xieles

Adegas Martín Códax presentou este venres o seu albariño Finca Xieles, un viño dunha única parcela, coidadosamente plantada e seleccionada a man de forma tradicional, polos antepasados dun dos socios fundadores da cooperativa, Benito Castelo Baulo.

Este viticultor e membro desta gran familia de longa tradición vitivinícola e de profundo arraigamento no val do Salnés, é lembrado e homenaxeado pola adega tras o seu falecemento a finais de 2019.

As cepas antigas de Finca Xieles están horientadas cara ao mar, érguense nun terreo de marcada pendente, dividida por muros de pedra, coñecidos en galego como “socalcos”. Os viñedos desta parcela, que mide preto dunha hectárea, foron plantados a finais do século XIX e conforman un dos terreos colleiteiros tradicionais máis antigos e máis importante de Cambados.

“A singularidade desta plantación é que mantén cepas prefiloxéricas (que datan de antes da reconversión varietal), que ocupaban zonas marxinais, de baixa fertilidade, asentadas en chans graníticos, de alta densidade de plantación e con parras de baixa altura. Deste pasado pódense ver aínda cepas moi vellas, con troncos finos e moi retortos, debido ás modificacións que sufriron os parrais co paso do tempo, para adaptalos ás formas de traballo actuais”, explica o director técnico da adega, Miguel Tubío.

Todas estas características e este longo percorrido no tempo achegan a este albariño gran intensidade, largura e amplitude. “Desde 2006 en Adegas Martín Códax traballamos na clasificación de zonas, co apoio das novas tecnoloxías, para seleccionar diferentes terruños e uvas procedentes exclusivamente de parcelas seleccionadas. Finca Xieles elabórase na súa totalidade con uva albariño, procedente exclusivamente dunha única parcela. Este viño ten unha crianza de seis meses en depósitos de formigón de 1.700 litros”, detalla Tubío.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información