As adegas galegas disporán dun préstamo vendima para esta campaña

Acordo maioritario no Parlamento para instar á Xunta a poñer en marcha a iniciativa antes do inicio da colleita

Publicidade
As adegas galegas disporán dun préstamo vendima para esta campaña

Os peches e restriccións na hostelaría por mor da Covid ocasionaron un importante impacto nas adegas galegas, que viron reducidas as súas vendas entre un 11 e un 40%. A menos afectada foi a denominación de orixe Rías Baixas, cun 11% de redución de vendas, e entre as máis están o Ribeiro, cun 30%, e Monterrei, cun 40%, segundo se expuxo nun debate sobre a situación do sector no Parlamento galego. Así as cousas, ante as dificultades que atravesan as adegas, o grupo popular do Parlamento propuxo que se instase á Xunta a habilitar un préstamo vendima para a campaña 2021.

O obxectivo da iniciativa é facilitarlle a compra das uvas ás adegas, pois as previsións de vendas para o próximo exercicio son boas, co cal se espera que as adegas aumenten a compra de uvas. O préstamo vendima xa se puxera en marcha no 2020, pero só 26 adegas foron beneficiarias del, dun total de 28 solicitudes. O limitado éxito da iniciativa achacouna o Partido Popular ó retraso co que se puxo en marcha.

“Este ano pedimos que a Xunta habilite o préstamo vendima antes do inicio da vendima, unha vez que xa haxa unhas previsións de colleita” -sinalaron desde o grupo popular na comisión de Agricultura de hoxe-. “Trataríanse de préstamos a devolver ata en cinco anos e cun ano de carencia”, plantexaron.

A proposta foi apoiada polo PSdeG, que non obstante pediu tamén, sen éxito, medidas para garantir que os prezos das uvas cubran os custos de produción dos viticultores, así como unha liña de axudas para os viñedos afectados polo pedrazo en Chantada.

En liña similar se expresou o BNG, que pedía a activación de contratos homologados entre adegas e viticultores. Ante a falta de compromiso da Xunta sobre estas cuestións, o BNG optou por absterse na votación da iniciativa sobre o préstamo vendima. De tódolos xeitos, existe apoio maioritario para a súa activación, polo que as perspectivas apuntan a súa posta en marcha ó longo do verán.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información