As adegas de Valdeorras reinvéntanse para superar o descenso de vendas provocado polo coronavirus

As adegas da Denominación de Orixe Valdeorras diversifican as súas canles de comercialización para superar a caída de vendas provocada polo peche da hostalería a raíz do coronavirus. Na viña a evolución é moi positiva, cun estado fenolóxico que vai algo adiantado

Publicidade
As adegas de Valdeorras reinvéntanse para superar o descenso de vendas provocado polo coronavirus

Viñedos da adega Cepado, na Denominación de Orixe Valdeorras

O sector do viño en España está a ser un dos máis afectados pola crise do coronavirus. E é que o peche de bares e restaurantes decretado polo Goberno está privando ás adegas dun canal de comercialización no que se vendía ata o de agora o 50% do volume de viño das adegas e algo máis do 60% en termos de valor. De feito, segundo unha consulta da Federación Española del Vino (FEV), as adegas españolas levan perdido arredor dun 35% de facturación debido á crise do coronavirus.

As de Valdeorras non son alleas a esta situación crítica. O parón establecido polo Decreto de Estado de Alarma interrompeu o mellor momento da historia da DO, con máis demanda que oferta de viño Godello de Valdeorras e prezos da uva dunha media de 1,5 euros pero que chegaron a acadar os 2,5 euros o kilo.

Diversificar as estratexias de comercialización e potenciar unha marca en alza como “viños de Valdeorras” ou “Godello de Valdeorras” é onde centran os seus esforzos as adegas para superar esta crise que se prevé longa.

Cooperativa do Barco: “Vendíamos na gran distribución o 45% do noso viño, e imos seguir potenciando esa canle”

Alfredo Vázquez é director comercial da Bodega Cooperativa Jesús Nazareno, no Barco de Valdeorras, que agrupa a uns 320 socios e a unhas 250 hectáreas de viñedo.

“Dependendo do ano comercializamos entre 1,5 e 2 millóns de botellas, de viños recoñecidos como Menciño, Moza Fresca ou Albar e temos a sorte de ter diversificadas as nosas canles de comercialización, cun 45% que vendíamos a través da gran distribución, outro 45% no canal HORECA -hoteis, bares e restaurantes- e sobre un 10% que exportábamos fóra de España, sobre todo a Alemaña, Suíza e Dinamarca”, explica.

Ademais de pechárselles o canal Horeca, ao igual que moitas outras, as exportacións tamén sufriron un parón dende a chegada a Europa da pandemia do Covid19. A estratexia desta cooperativa pasa agora por reforzar a súa presenza en supermercados e hipermercados, pero non é fácil.

“O consumo está agora no sector da alimentación e é aí onde estamos a centrar os esforzos para capear o temporal. Aumentamos as nosas vendas pero costa moito porque a distribución move moito viño de primeiros prezos, e hai grandes adegas que están baixando os prezos ata un 30%”, recoñece Alfredo Vázquez.

Polo que respecta ao traballo nas viñas, o director comercial da Cooperativa do Barco asegura que os seus socios están a realizalos con normalidade, aínda que si recoñece que “ao principio houbo certa confusión sobre se se podía ou non ir traballar ás viñas, sobretodo se non son actividade principal”.

Adega Cepado: “Imos potenciar a comercialización a través de internet”

Adega Cepado é unha das máis novas -naceu no ano 2008- e tamén das máis innovadoras de Valdeorras, apostando por viños singulares no mercado como Finca A Coronela, Cepado Black Edition e os seus máis coñecidos Cepado Mencía e Cepado Godello, uns viños que nun 80% comercializaban a través da restauración.

“Agora mesmo o único que vendemos é a clientes particulares, aos que llo enviamos a domicilio, e tamén a tendas especializadas de Madrid ou de Bilbao que seguen vendendo por internet”, asegura Diego Fernández, xerente desta pequena adega familiar que conta con 2,5 hectáreas de viñedo.

Ante esta situación, a estratexia de Adega Cepado é reforzar a comercialización a través da rede. “A sociedade tende hacia as compras online e hoxe en 24 horas tes unha caixa dos nosos viños en calquera punto de España. Xa estabamos presentes en tendas virtuais especializadas pero a partir de agora queremos activar tamén e darlle visibilidade á tenda online da nosa páxina web”, avanza Diego Fernández.

Mentres, segue realizando estes días traballos de labrado da viña, porque como recorda “a viña non entende de confinamento”, e pídelle á administración que potencie o enoturismo como vía para recuperar as vendas.

Adega Santa Marta: “A administración debería darnos axudas, porque créditos aos bancos xa llos pedimos nós”

Adega Santa Marta é unha das máis veteranas da Denominación de Orixe Valdeorras, con máis de 30 anos de traballo dos irmáns Alfredo e José Guitián López, e da esposa deste último, María Jesús Álvarez Rodríguez.

O Decreto de Estado de Alarma afectoulles de cheo xa que o 85% do seu viño, unhas 300.000 botellas que cada ano comercializaban baixo a marca Viñaredo, vendíano a restaurantes, bares e hoteis, todos eles agora pechados.

“Neste momento as nosas vendas están prácticamente a cero porque a exportación, na que comercializabamos arredor dun 15% tamén está parada”, lamenta José Guitián.

O único viño que está saíndo da súa adega é para vendas a través da súa tenda online. “Chégannos cada vez máis pedidos, sobre todo de xente de cidades que bebía o noso viño no bar da esquina e que agora nos piden que lle enviemos unha caixa a Madrid ou a Barcelona”, asegura.

A crise tamén lles fixo ver a Adega Santa Marta a necesidade de estar presentes nos lineais da gran distribución e neste sentido xa teñen avanzadas as conversas con algunhas cadeas grazas á iniciativa “Mercaproximidade” que puxo en marcha a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia.

Unha diversificación nas vendas que confían que lles axudará a que evitar o escenario que moitos temen no sector: as adegas con moito viño nos depósitos cando este ano se faga a vendima.

Por último, José Guitián pídelle á administración que poña en marcha axudas directas ás adegas para paliar o desplome dos ingresos. “Só están sacando liñas de financiamento do ICO, pero os préstamos xa os pedimos nós directamente aos bancos”, replica.

A situación dos viticultores: Normalidade nas viñas pero incerteza sobre como estará o mercado da uva nesta campaña

Viñedos de David Vizcaya e a súa irmá, viticultores de O Bolo

Viñedos de Daniel Vizcaya e a súa irmá, viticultores de O Bolo

Daniel Vizcaya e a súa irmá son dous viticultores profesionais que traballan algo máis de 8 hectáreas de viñedo no concello de O Bolo. Os arredor de 70.000 kilos que producen cada vendima son adquiridos por adegas de renome como ViniGalicia, Sampayolo, Viña Somoza ou Rafael Palacios.

Os traballos na viña véñennos desenvolvendo con normalidade dende a declaración do estado de alarma. “A Garda Civil paroume dúas veces ao baixar o tractor ao taller. Preguntáronme a que ía e só me dixeron que circulara o menos posible”, conta.

“Agora mesmo acabei de pasar o intercepas para facerlle os pés ás cepas e estou esperando a que mellore o tempo para tratar con xofre contra o oídio”, explica. Redujo las inversiones en la viña debido ao coronavirus? Daniel asegura que non. “De feito, comprei un arado novo e sigo realizando as mesmas compras en fitosanitarios, porque ante todo somos profesionais que vivimos de vender uva e temos que asegurar a colleita”, razoa.

A María Ángelez Álvarez Corzo e José Rodríguez García, un matrimonio de viticultores de San Paio (Petín) o decreto de estado de alarma colleunos no concello coruñés de As Pontes, onde José traballa durante a semana.

“Os fines de semana e cando temos algún día libre traballamos unhas 2 hectáreas de viñedo, pero polo de agora non nos atrevemos a ir coidalas por medo a que nos podan parar e nos multen”, asegura José.

De momento, o sulfato déullelo un primo seu, pero as viñas precisan cortar a herba, arar a terra ou facerlle os pés. Tamén varios clientes particulares que lle compran o viño dende hai anos están agardando o seu regreso, que esperan poder realizar por fin esta semana grazas ás xestións administrativas realizadas por unha adega á que lles venden a uva.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información