Adega Valderello, o primeiro viñedo de Godello de Monterrei

As cepas de José Luís Gómez, que teñen agora máis de 30 anos, foron as primeiras do concello de Monterrei en enxertarse desta variedade e serviron tamén como patróns para numerosas plantacións desa denominación e do Ribeiro. Coñecemos esta adega de colleiteiro

Publicidade
Adega Valderello, o primeiro viñedo de Godello de Monterrei

José Luís comparte coa súa filla Alba a paixón polo viñedo. Ela colabora dun xeito activo na adega preparándose para tomar o relevo de seus pais.

A paixón de José Luís Gómez polo viñedo, as cepas e a elaboración do viño venlle dende rapaz, cando acompañaba ó seu pai á antiga cooperativa vitivinícola de Monterrei, xa desaparecida. “Sempre que podía ía con meu pai, que era o adegueiro encargado da cooperativa. Saía da escola e xa ía para alí e botaba as horas co enólogo vendo como se facía o viño. Xa me gustaba daquela ese mundo”, recorda.

Ó longo dos anos, José Luís mantivo a ilusión pola vitivinicultura, pese a que non foi a súa primeira actividade profesional. O seu viñedo é un dos emblemáticos da Denominación de Orixe Monterrei, posto que foron as primeiras cepas enxertadas con Godello no Concello de Monterrei. Hoxe, na pequena adega familiar segue primando a calidade e o coidado das cepas e da elaboración do viño fronte a grandes cantidades. Agora, xa xubilado, o adegueiro céntrase no viñedo, involucrado tanto no coidado das cepas como na elaboración dos viños.

Pioneiro en apostar polo Godello

O peche da cooperativa fixo que José Luís se atopara cun viñedo con pouco máis de 10 anos e sen perspectivas de continuar vendendo as uvas como fixera nun principio. Os seus plans para o viñedo distaban xa de continuar na liña que estaban marcando nos últimos tempos da cooperativa. “Nos últimos anos estábase facendo un viño elaborado con moitas mesturas ó que eu xa non lle vía moito futuro. Logo a xente nova foi emigrando e a cooperativa pechou”, explica o colleiteiro.

“Meus avós xa tiñan algunhas cepas soltas de Godello, coas que facían un viño moi bo e que empregaban para testar as pipas do viño”

Un encontro casual cun dos enxeñeiros agrícolas que traballaba na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) situada en Leiro, fixo que atopara o asesoramento enolóxico que procuraba. “Daquela había pouca xente que te puidese orientar sobre que variedades plantar”, rememora. O interese que xa tiña José Luís por esta caste e os consellos do experto fixeron que se decidira a enxertar as cepas con Godello. “Meus avós xa tiñan algunhas cepas soltas de Godello, coas que facían un viño moi bo e que empregaban para testar as pipas do viño, que antes eran todas de madeira. Recordo que era un viño bárbaro, pero só había unhas cantas cepas no medio das outras, polo que só facían unhas 10 olas de viño”, explica.

Adega-Valderello-vides--

O viñedo sitúase na zona de Amporadela, na parte baixa das ladeiras do monte de San Salvador.

Naqueles momentos, na Evega estaban a realizar probas con 20 tipos de Godello para ver cales resultaban mellores e o interese de José Luís por esta variedade chegou cando xa tiñan tres variedades seleccionadas polos seus resultados. Así optou por enxertar boa parte das viñas novas que plantara. “Trouxéronme o clon desinfectado e enxertei case todo o viñedo”, indica.

Enviou unhas 160.000 pugas para viñedos da Cooperativa do Ribeiro

Ademais, ó longo de case 12 anos, o seu viñedo foi un punto de referencia e subministro de pugas de Godello. “Dende a Evega mandábanme moita xente aquí a por pugas cando eles non tiñan todas as que lle pedían”, comenta. De feito, moitos dos viñedos de Godello do Ribeiro proceden das súas viñas. “Para a Cooperativa Vitivinícola estiven enviando durante 4 anos unhas 40.000 pugas ó ano”, apunta.

No viñedo e na adega

José Luís foi tamén dos primeiros en incrementar o marco de plantación do viñedo, e as cepas plantounas xa cunha separación de 2,40 metros. “Eu precisaba traballar o viñedo co tractor, porque tiña menos tempo dispoñible ó ter outra actividade profesional como principal”, comenta. Así, mentres outros colleiteiros seguiron traballando a terra dos viñedos cos cabalos, el optou polo tractor.

Hoxe, ten unhas 2 hectáreas de viñedo onde prima o Godello, acompañado dalgunhas cepas de Treixadura. “O Godello é máis do 95% das viñas que teño de branco”, explica. Ten unha produción duns 17.000 litros co que elabora Valderello Godello.

Elabora uns 17.000 litros de branco e uns 4.500 de tinto

Recoñécese un apaixonado tamén dos tintos, así é que conta cunha pequena parte do viñedo plantada con Mencía e Arauxa, da que logra uns 4.500 litros e que comercializa baixo o nome Valderello Mencía.

Adega-Valderello-vide-

A maior parte do viñedo son cepas de Godello, aínda que tamén ten Treixadura, Mencía e Arauxa.

A viña está situada na Amporadela, zona cunha fonda tradición de viñedos e que se encrava na parte baixa das ladeiras do monte San Salvador, no corazón do val de Monterrei. É unha localización privilexiada para o cultivo da uva, posto que as viñas atópanse protexidas das inclemencias meteorolóxicas. “É unha terra moi boa para o viñedo, para outros cultivos non se presta, pero para o viño ten moi boas calidades”, argumenta.

Ós seus 71 anos, José Luís encárgase dos coidados do viñedo e puntualmente para labores como a poda ou a vendima contrata persoal. “A min gústame seguir traballando no viñedo, son feliz no viñedo e na adega”, recoñece.

A primeira colleita, xa con premio

Co peche da cooperativa, José Luís tamén buscou a maneira de recuperar a antiga adega que seu avó tiña en Albarellos. “Meu pai, ó traballar para a Cooperativa, non a estaba a empregar e tívena que rehabilitar cando quixen elaborar o meu viño”, comenta. As obras acometeunas no 1999 e só un ano despois, no 2000 elaborou nela os primeiros viños.

Logrou o Acio de Ouro no 2003 e 2009 como mellor colleiteiro de branco

Aquela primeira colleita foi xa un éxito, xa que obtivo o Acio de Bronce ó mellor colleiteiro de branco na XIII Cata dos Viños de Galicia no 2001. “O premio non fixo máis que meterme máis o ‘bicho’ da viticultura e do viño”, comenta. Non foron os únicos premios que logrou. Nesa mesma cata, nos anos 2003 e 2009, faríase co Acio de Ouro polo seu Valderello Godello. Tras varios anos sen presentarse, este ano agarda volver concorrer.

Valderello-vino-

Comercializa o seu viño baixo a marca Valderello.

“Ó ser colleiteiro traballas cunha cantidade moi reducida de viño e algúns anos xa tiña vendido todo o viño antes de poder presentarme”, detalla. Este ano, as limitacións pola pandemia do coronavirus fixeron que as vendas fosen máis graduais, polo que decidiu presentarse de novo.

O coidado na adega

A vendima este ano estima realizala arredor do 10 de setembro. Tanto na recollida da uva como na elaboración do viño, José Luís coida os detalles. “A elaboración do viño é un proceso moi delicado, cómpre ser coidadoso”, valora.

Unha vez recollida a uva, José Luís opta por controlar o proceso de elaboración do viño branco co emprego do frío, co que evita a fermentación inicial. “Deixándoo así unhas 30 horas, consigo que decante todo. É a primeira limpeza que lle dou ó viño”, comenta. Logo desta primeira decantación, tamén continúa a empregar o frío para manter controlada a fermentación do viño, movéndose entre os 18 e 16 graos. “Deste modo logro unha fermentación máis lenta e uns mellores aromas do viño”, indica.

valderello-etiquetaxe-

Reformou a antiga adega familiar para comezar a producir o seu propio viño.

O adegueiro tamén gusta de depurar ó máximo os seus viños para reducir a cantidade de azucres presentes. “Gústame controlarlle a densidade do viño ó máximo que me permita, queimarlle todos os azucres que podo”, comenta. Entre trasfegos e filtracións remata a elaboración dos seus viños.

Nun comezo, optou por empregar pipas de madeira para os seus viños, pero pouco a pouco foi substituíndoas. “A xente non valoraba que fose envellecido en barricas de madeira, polo que deixamos de facelo nelas”, explica.

Comercialización directa

Teresa Giraldo, a muller de José Luís, é tamén un piar fundamental da adega Valderello. Ela participa dun xeito moi activo, sobre todo na comercialización do viño, xa que se encargan persoalmente da súa venda ó carecer de representante. A maior parte dos seus viños comercialízanos en Galicia, principalmente en tendas especializadas en cidades como A Coruña, Santiago ou Vigo.

Nos seus comezos exportaban a Estados Unidos boa parte da súa colleita, agora céntranse no mercado galego e nacional

Tamén distribúen a algunhas cidades do resto de España como Bilbao e tiveron clientes tamén na capital estatal. “Ó ser colleiteiros a clientela vai variando, porque ás veces non podes garantir toda a cantidade de viño que che demandan”, explican. Así lles aconteceu, por exemplo, con algúns clientes en anos pasados logo de que a sarabia reducise a súa produción.

Tiveron un tempo, nos seus comezos, onde exportaban a Estados Unidos boa parte da súa colleita. Unha empresa de Washington interesouse polos seus viños e mercáballes o 50% da produción. “Viñeron de pé feito para ver a viña e probar os nosos viños”, recordan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información