Adega Sat Boo-Rivero, un exemplo de relevo xeracional e de aposta pola exportación

Esta adega familiar da Denominación de Orixe Monterrei xa exporta fóra de España o 50% da súa produción. Teñen previsto plantar 15 hectáreas de viñedo nos próximos anos para cubrir a crecente demanda dos seus viños.

Publicidade
Adega Sat Boo-Rivero, un exemplo de relevo xeracional e de aposta pola exportación

Os tres viños desta adega familiar.

A adega Sat Boo Rivero, situada en Vilaza, no concello de Monterrei, é un exemplo de como o relevo xeracional na viticultura pode crear riqueza e fixar poboación no medio rural.

Cristóbal Boo Rivero, xerente da adega familiar SAT Boo Rivero, na que tamén traballan a tempo completo outras catro persoas, decidiu no ano 2006 dar o salto definitivo á profesionalización na viticultura.

“Partimos dunha adega familiar, que xa viña do meu pai e do meu avó, na que empezamos elaborando viño de forma tradicional para consumo en casa, e cos anos fomos aumentando a superficie, ata que no ano 2006 tomamos a decisión de poñer en marcha nosa propia adega”, explica este mozo.

A día de hoxe Sat Boo Rivero canta con 20 hectáreas de viñedo, entre propios e alugados, repartidos por toda a Denominación de Orixe Monterrei, desde o val de Vilaza e de Albarellos, pasando pola zona de ladeira de Gargalo ata Tamaguelos e tamén na zona máis de montaña, na Salgueira.

“Os nosos viñedos están en solos e en altitudes diferentes, o que unido ás distintas variedades, e a un método de cultivo tradicional, con moita man de obra, permite que os nosos viños expresen unha esencia única do terroir no que se se sitúan”, destaca Cristóbal.

 “Temos unha enorme variedade de solos, altitudes e de parcelas. É o que nos diferencia”

A diversidade vese potenciada polo minifundio, xa que nesta adega a superficie repártese en nada menos que 38 parcelas diferentes, a máis grande de 4,5 hectáreas pero a maioría son pequenas parcelas de entre 1.000 e 2000 metros cadrados de superficie.

Como non podía ser doutro xeito na D.O. Monterrei, a variedade raíña desta adega é a Godello, que ocupa ao redor do 70% dos viñedos, un 15% é de Treixadura, e o resto de Mencía. A idade media vai dos 12 anos aos 50 para as máis antigas.

“Son variedades que nesta zona, polas súas características climatolóxicas e de solo, exprésanse de forma diferente a en outras Denominacións de Galicia”, recoñece Cristóbal.

Tres viños para tres momentos diferentes

Actualmente adega Boo-Rivero conta con tres viños no mercado: Fraga do Corvo Godello, Fragas do Lecer e Fraga do Corvo Tinto, “tres viños diferentes para cada tipo de cliente e distintos momentos”, subliña Cristóbal.

Fraga do Corvo Godello, un viño con máis estrutura e máis gastronómico, está elaborado coa uva de viñedos propios de máis de 20 anos. As uvas vendímanse manualmente en caixas de 15 kg e a continuación son transportadas de inmediato á adega, onde a uva sométese a control de temperatura mediante a súa introdución en cámara frigorífica a 5 ºC. Posteriormente selecciónase acio a acio e unha vez fermentado o viño, sométese a unha crianza sobre lías finas durante 7 meses.

Pola contra, Fragas de Lecer é un coupage de 85% Godello e 15% Treixadura. É un viño alegre, fresco, dirixido a ese público novo que está a recuperar a tradición do consumo de viño. Os expertos cualifícano como “de cor amarela palliza e cuns claros reflexos verdosos; moi complexo en nariz, con recordos a froita tropical, cítricos e froitas de óso, e en boca é envolvente e moi amplo, cun final equilibrado e persistente”.

“Estados Unidos copa o 70% das súas exportacións de viño”

Por último, Fraga do Corvo Tinto, é un viño elaborado con Mencía 100% dun viñedo situado nunha das ladeiras históricas de Monterrei. Despois da maceración en frío, o viño fermenta en barricas de carballo francés de 500 litros. Cando termina a fermentación alcohólica e a maloláctica, unha parte do viño realiza unha crianza estática en depósitos de aceiro inoxidable e a outra parte en barricas de carballo francés de gran fino durante 7 meses. Este delicado proceso complétase cun mínimo de tres meses de repouso en botella antes de saír ao mercado. Estamos, por tanto, ante un viño fluído, intenso e fresco, excelente exemplo do potencial da variedade Mencía nesta zona.

En total, adega Boo-Rivero elabora arredor de 120.000 botellas ao ano: unhas 75.000 de Fragas de Lecer, 30.000 de Fraga do Corvo Godello e unhas 12.000 de Fraga do Corvo Tinto.

Máis do 50%das súas vendas fóra de España e crecendo

En canto ao mercado, Cristóbal Boo Rivero tivo claro desde un principio que era necesario apostar pola exportación, e a día de hoxe o 50% das vendas de Fraga do Corvo Godello xa están fóra de España, fundamentalmente en Estados Unidos, mentres que a outra metade repártase a partes iguais entre Galicia e o resto do Estado.

“Estados Unidos representa o 70% do noso mercado exterior, fundamentalmente para o Fraga do Corvo Godello. Temos moitas esperanzas postas no mercado exterior”, recoñece este adegueiro.

E é que “mentres que no mercado nacional existe moita competencia por prezo entre moitos e bos viños, sen embargo noutros países valoran máis o produto e a filosofía que hai detrás do teu traballo, máis que o prezo do viño”.

Futuro: novas plantacións para atender á crecente demanda

Viñedos da adega Sat Boo-Rivero

Viñedos da adega Sat Boo-Rivero

O incremento da demanda e as boas expectativas para os viños da Denominación de Orixe Monterrei, levaron a esta adega a planificar a ampliación dos viñedos. “Tanto a variedade Godello como os viños da nosa zona son cada vez máis valorados e demandados. Por iso temos un proxecto para realizar nos próximos dous anos novas plantacións de viñedo que ocuparán unhas 15 hectáreas, tanto na zona de val como na montaña”, asegura Cristóbal.

E é que, tal como subliña este novo viticultor, “o futuro da D.O. Monterrei está no relevo xeracional e en que a xente que se incorpore traballe de forma profesional”. O seu caso é un exemplo a seguir.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información