A Adega Finca Míllara aspira a converterse nun referente do enoturismo na Ribeira Sacra

Publicidade
A Adega Finca Míllara aspira a converterse nun referente do enoturismo na Ribeira Sacra

A adega Finca Míllara entra nunha nova fase coa presentación do seu espazo gourmet e o seu relanzamento en distintos mercados tanto nacionais como internacionais.

Nun acto que tivo lugar o pasado 15 de maio, coa asistencia dos alcaldes de Pantón, Sober e membros do Consello Regulador Ribeira Sacra, así como a xerente do Consorcio de Turismo, Alexandra Seara, procedeuse a un percorrido polas novas instalacións, tras o que tivo lugar unha cata de viño coa intervención de Cuco Luna, enólogo residente, e Julio Mourelle, nova incorporación da adega. Este último conta cunha validada experiencia no asesoramento de adegas internacionais, como a Stags Leap ou a Sterling Vineyards, no Valle de Napa (California). No ámbito nacional destaca o seu traballo en Dominio de Valdepusa, do Marqués de Griñón.

Na súa intervención, o enólogo Julio Mourelle destacou as características de todos os caldos de Finca Míllara, así como as singularidades desta adega, nun marco cargado de futuro e próxima expansión alí onde estará presente e recoñecida a excelencia de todas as súas variedades.

Alexandra Seara, do Consorcio de Turismo, destacou o papel vertebrador da Ribeira Sacra como dinamizadora das iniciativas sustentables e de alto desenvolvemento cualitativo, como é o caso da adega Finca Míllara. Así mesmo, manifestou que esta contorna terá a súa culminación turística e de recoñecemento internacional coa declaración de Patrimonio da Humanidade para próximas datas.

Segundo palabras do alcalde de Pantón, José Luís Álvarez, os concellos que conforman a Ribeira Sacra ven potenciados con iniciativas como a celebrada na devandita data. Así mesmo, o presidente do Consorcio de Turismo e alcalde de Sober, Luís Fernández, destacou que, a pesar dos difíciles momentos atravesados pola pandemia, a forza da natureza desta contorna chea de vida e riqueza imporá un desenvolvemento e crecemento global para toda a Ribeira Sacra.

Coa restauración dos novos espazos da adega, amparada polo selo Galicia Calidade, culmínase unha segunda fase que ten por obxecto pór en valor o marco ambiental incomparable e os excelentes caldos que se cultivan neste soberbio enclave. A singularidade da súa situación, bañada polos ríos Cabe, Sil e Miño, xunto á composición do seu solo e a disposición do terreo en socalcos, fan desta contorna un lugar óptimo para o cultivo da vide, e así leva facendo desde a época dos romanos.

A filosofía que caracteriza a Finca Míllara prima a excelencia, o mimo e o detalle, o que lle reportou numerosos premios, consideracións e unha cualificación de 91 puntos na guía Parker.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información