A adega da cooperativa de viticultores da Ribeira Sacra non poderá situarse no polígono industrial de Monforte de Lemos

Publicidade

A adega cooperativa que está sendo impulsada nos últimos meses por un grupo de viticultores da Denominación de Orixe Ribeira Sacra non poderá situarse no polígono industrial de Monforte, según informou este mediodía nun comunicado o Consello Regulador.

Ante o problema de acumulación de excedentes de viño tinto nesta denominación de orixe e os baixos prezos que acadou a uva mencía na última vendima, un grupo de pequenos viticultores están a impulsar un proxecto de adega cooperativa para mellorar a comercialización da súa colleita.

Un dos impulsores desta iniciativa é o xerente de Prodeme, Julio Cortiñas, tamén viticultor, e que ofreceu as instalacións que a asociación ten no polígono industrial do Reboredo, como posible localización das instalacións da adega.

Porén, o reglamento do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra só autoriza o funcionamento de adegas amparadas pola DO nas parroquias acollidas á denominación de orixe e nalgunhas ubicadas nas súas inmediacións.

Neste sentido, o comunicado remitido hoxe polo Consello Regulador precisa que “a parroquia de Piñeira -onde se sitúa o polígono industrial- no concello de Monforte de Lemos non se atopa no listado de parroquias produtoras do concello de Monforte de Lemos”.

Ademáis, dende o ente regulador engaden que “o concello de Monforte de Lemos non ten ningunha parroquia no listado de parroquias que aínda non sendo produtoras si se autorizan como zonas de elaboración, de almacenaxe e embotellado”.

Por tanto, dende o organismo regulador conclúen que “por todo o anterior o polígono industrial de Monforte de Lemos non é susceptible de albergar unha instalación para a elaboración de viño amparado pola D.O. Ribeira Sacra”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información