
Manuel e Ana, na zona do establo reformada o ano pasado
SAT Arcicos, ubicada en Arcillá (Cospeito), é o exemplo dunha explotación leiteira familiar que aumentou de tamaño e se profesionalizou nos últimos anos, aumentando á produción e buscando un tamaño viable e acorde ás condicións de instalacións, man de obra e superficie agraria dispoñible.
Moxen a día de hoxe 110 vacas en dous robots e entre 30 e 40 na sala de muxido da granxa do lado, que veñen de alugar a un veciño. A gandería conta con tres socios na actualidade: José Manuel González, a súa muller, Ana Piñeiro, e o seu pai, Luis González Vigo. Manuel ten 43 anos e fai máis de 20 que traballa na granxa, pero foi coa incorporación de Ana no 2019 cando decidiron ampliar o establo e montar os dous robots de muxido.
Ao ano seguinte, a través dun Plan de Mellora, fixeron os silos de formigón e instalaron tamén unha planta de separación de purín. A fracción sólida utilízana na cama das vacas, como material de recheo nos cubículos, mentres que a parte líquida almacénana nun depósito flexible, da marca Labaronne, para abonar con ela as pradeiras e as fincas do millo.
A partir do ano 2019 ampliaron as instalacións, robotizaron o muxido e melloraron o tratamento do xurro
“Eu penso que é unha boa solución para o purín, tanto desde o punto de vista medioambiental como económico. A parte sólida usámola toda para encamar e o líquido para abonar. Eu penso que incluso abona máis que da outra maneira”, considera Ana.
Benestar animal

Cornadiza flexible instalada na última reforma, realizada o ano pasado
Os últimos cambios na explotación estiveron relacionados co benestar animal, coa eliminación o ano pasado das zonas que tiñan aínda con parrillas, a instalación dunha cornadiza flexible e a reforma da zona do establo onde están as xatas en cama quente de palla.
“As normativas cando as aproban cabréannos a todos, porque case sempre supoñen un gasto para as granxas, pero moitas veces é algo bo para nós aínda que nos custe cartos, porque supón mellorar, como por exemplo eliminar as parrillas”, razoa Ana.
Os últimos cambios na explotación estiveron relacionados co benestar animal mediante a eliminación do emparrillado
Desde o ano 2010 non teñen tampouco trabadiza na zona das vacas en produción, polo que utilizan cando é necesario unha pequena manga instalada no lateral do establo para facer tratamentos ou inseminacións.
“Até o ano pasado no comedeiro tiñamos simplemente unha barra superior pero ao facer a reforma do pasillo de alimentación unha delas, no lote no que temos as xovencas paridas, cambiámola por un comedeiro flexible e nótase moito a diferenza. Nese comedeiro non teñen estorbos e poden realizar o xesto natural de levantar a cabeza ao comer e comen máis. Ese lote de primeirizas, que deberían comer menos, comen tanto como o outro, no que hai vacas adultas e é por iso, porque a ración é a mesma”, argumenta Manuel.
Pasaron de 30 a 46 litros de media

Vaca de cuarta lactación con 67 días parida dando 70 litros de leite
Movénse na actualidade nos 46 litros de media cunhas calidades do 3,73% de graxa e o 3,50% de proteína. A media de días en leite é de 183. A ración está composta por 28 quilos de silo de millo, 11 de silo de herba e 7 quilos de penso, máis os 6,5 que puntean como máximo nos robots segundo a produción de cada vaca.
Cambiaron de nutrólogo e fixeron modificacións na alimentación das vacas que lles permitiron subir uns 15 litros de media por vaca. “O nutrólogo que tiñamos antes case non viña por aquí e estabamos en medias de 30 litros no robot. As vacas problemas non tiñan, pero leite tampouco”, quéixase Ana.
Celega paga ben a proteína, por iso nos interesan sobre todo os litros e a proteína
Entregan o leite a Celega desde o ano 2017. “Antes estabamos en Pascual pero tiñamos pouca cota e como nos excediamos Pascual non nos levaba todo o leite ao mesmo prezo, polo que empezamos a vender unha parte a Celega. Primeiro vendiámoslle só o excedente, pero o prezo era similar e non nos esixía as mesmas condicións que tiña Pascual. Agora seguramente as cumpririamos sen maior problema, pero daquela aínda non tiñamos as reformas no establo feitas”, lembran.
Calidade de vida

Hai 5 anos instalaron dous robots de muxido e agora van incorporar un arrimador
Manuel e Ana teñen dúas nenas pequenas, Daniela, de 5 anos, e Ángela, de menos dun ano, polo que valoran a dispoñibilidade de tempo e a maior flexibilidade que os robots lles permite á hora de facer as disintas tarefas na explotación.
Puxeron os 2 robots no ano 2019, cando Ana se incorporou e naceu Daniela, e non descartan poñer un terceiro no futuro, aínda que Ana considera que, tendo en conta a falta de man de obra, é mellor ter menos vacas e mellor atendidas. “Menos é máis”, asegura, pero admite que “Manuel é moi soñador”.
A granxa aténdena coa axuda dun empregado
Recentemente veñen de coller a explotación dun veciño que está a carón da súa e na que están a muxir outras 30 ou 40 vacas na sala. “O que facemos é telas alí cando paren os primeiros 15 días e levalas tamén para alí para secalas. Así reducimos os problemas nos robots”, valora Manuel.
O de volver a muxir na sala tamén está a facer que descarten menos vacas e poidan aproveitar máis as vacas de desvelle mentres as engordan para que collan máis quilos e acaden máis valor.
Non estamos pola labor de ampliar, senón de gañar calidade de vida
Manuel está máis decidido a ir a polo terceiro robot, pero non para aumentar ao número de vacas totais en produción, senón para poder deixar de muxir na sala e repartir un pouco máis as vacas que agora teñen nos dous robots.
O de montar ou non o terceiro robot é algo que teñen aínda que valorar, igual que onde poñelo en caso de decantarse por instalalo, pero o que si teñen xa encargado é o arrimador, “para sacarnos algo de traballo”, insiste Ana.
40% de animais cruzados

Algúns dos animais xa teñen as tres razas: holstein, montbeliarde e rojo sueco
Fai 7 anos que SAT Arcicos empezou tamén a cruzar parte das súas vacas con seme montbeliarde e rojo sueco, seguindo o sistema Procross, para tratar de resolver os problemas que tiñan na granxa. “Había os problemas que teñen as frisonas, de patas, de mamites, e as producións daquela tampouco era esaxeradas, así que decidimos probar”, lembran.
Empezaron cun lote pequeno e con certa precaución até ver resultados. “Manuel estaba decidido pero eu díxenlle ‘frea, non te tires, a ver se vai ser unha trapallada e temos que vender a metade da cuadra’”, recoñece Ana.
“Pero en canto empezaron a parir esas vacas xa nos convencemos”, admite hoxe. “Temos vacas cruzadas no establo que están en quinta lactación e que son unhas fenómenas producindo leite. Ademais, son vacas máis duras, que empreñan mellor e que dan menos problemas”, din.
Unha vaca cruzada se ten un problema enseguida recupera a produción; as pintas non
“Unha vaca pinta cando pare e vai subindo no leite se ten un problema a produción cáelle en picado e xa non se volve recuperar, mentres que unha vaca cruzada arrinca e é moito máis estable en toda a lactación, a produción mantense e se ten un problema enseguida a recupera”, asegura Manuel.
Cerca do 40% do rabaño son xa hoxe animais cruzados, unha porcentaxe que está a aumentar, aínda que seguen mantendo en pureza aquelas vacas frisonas que consideran de maior valor xenético. “As vacas frisonas igual son máis bonitas, pero á larga o que mandan son os números e para min as vacas cruzadas son máis rendibles. Unha vaca frisona perde moita condición corporal, estas non e deixan tamén máis cartos cando saen para o matadoiro”, valoran.
As frisonas tardamos máis en inseminalas despois do parto; as procross empreñan antes
Fan a recría necesaria para o reemprazo na propia granxa. Ao mellorar as instalacións lograron que as xatas medren máis e poder inseminalas antes. “Agora estamos inseminando con 13 meses, que até agora nunca o lograramos. Ao reformar esta zona do establo estamos vendo que arrincan moito mellor”, admite Manuel. A idade media ao primeiro parto sitúase na actualidade en 23,4 meses. Salientan ademais que “as xovencas cruzadas van mellor ao robot”.
Encamado con compost dúas veces á semana
“Temos máis ou menos o mesmo custo que antes cando usabamos carbonato con serrín, porque o que gastamos en luz no separador é máis ou menos o mesmo que nos custaba antes o material, e as vacas penso que están agora moito mellor, porque as camas están sempre moito máis cheas, antes como tiñas que pagar o que botabas escatimabas un pouco máis”, recoñece.
Antes usabamos carbonato con serrín pero tiñamos problemas porque se nos atascaban os canais
Encaman con material novo por enriba dúas veces por semana e fan mantemento a diario, aínda que admiten que é un traballo que con robot de muxido se ve dificultado. “Sempre hai vacas deitadas, polo que á hora de facer as camas non é como cando as moxes na sala e están todos os cubículos baleiros”, di Ana.
O primeiro ano que cambiaron do serrín ao compost tiveron un problema de mamite e decidiron empezar a utilizar carbonato cálcico como secante e desinfectante. “Puxemos a funcionar o separador do purín no mes de decembro e o verán seguinte tivemos un brote de klebsiella. Non sei se foi por iso ou non pero botámoslle a culpa á novidade e empezamos a botar por enriba o cal. Non volvemos ter problemas”, conta.
Co robot non podes entrar cunha gradilla todos os días porque molestas ás vacas cando están deitadas e baixas ao leite
Móvense ao longo do ano nun reconto celular medio de entre 180.000 e 200.000 células, polo que aseguran, en base á súa experiencia, que as camas de compost poden ser unha alternativa válida en granxas con robot de muxido, mesmo para lugares con alta humidade ambiental como é o seu caso, situados na Terra Chá a carón do río Miño.
80 hectáreas a millo, con problemas na última campaña de ensilado

No outono tiveron dificultades para recoller o millo polas choivas e non puideron labrar as fincas con herba
SAT Arcicos traballa unhas 130 hectáreas de terreo, das que bota a millo 80. Este ano, ao igual que todas as explotacións da zona, tiveron moitas dificultades á hora de ensilalas debido á climatoloxía.
“Ensilamos una primeira tanda antes de que chovera. O millo ía algo verde pero preferimos metelo así e non ariscarnos a que empeorara o tempo. Pero despois xa empezou a chover e non se entraba nas fincas. Ao final, despois de moitas dificultades quedáronnos unhas 5 hectáreas sen recoller”, calculan.
Ademais, admiten que as terras quedaron destrozadas, o que se notará seguramente na seguinte colleita. “Este inverno non puidemos botar herba nesas fincas e cando haxa que labralas xa veremos como facemos”, din.
Tiñamos excedente de silo de herba do ano pasado, polo que optamos por non labrar as fincas do millo porque iamos xa moi tarde
A nivel forraxeiro temen tamén unha menor calidade do silo de millo que foi recollido en peores condicións. “O último silo botou aberto catro días mentres se facía porque a empresa de servizos chantábase nas fincas e traían a medios viaxes. Botámoslle inoculante, pero cando o abramos a ver como dan as analíticas”, advirte Manuel.
En canto ao silo de herba, solventaron cos excedentes que tiñan de anos anteriores a perda de produción das fincas nas que non puideron facer rotación tras apañar o millo. “Cando acabamos de ensilar o millo a mediados de novembro xa iamos moi tarde para botar a herba, porque ademais esta é unha zona na que hai moitas inundacións, así que decidimos non labrar herba este ano e resetearnos. Imos abonar e atender mellor as pradeiras permanentes que temos para sacarlles unha boa colleita e nas outras terras, se o tempo o permite, botar o millo antes”, explica Ana.
En canto á capacidade de almacenamento forraxeiro da explotación, necesitarían tamén facer dous silos máis de formigón. “Hai moita diferenza cando abres un silo de parede e cando abres un de trincheira ensilado na terra, porque as vacas cómeno moito peor. É unha obra que custa os cartos pero que se paga soa só co silo que acabas tirando”, razoa Manuel.
Unha veterinaria de explotación que pasa todos os días pola granxa

Rocío, diante dun dos lotes de vacas en produción da granxa
SAT Arcicos busca a máxima estabilidade nos distintos ámbitos de traballo da explotación e valoran a implicación do persoal técnico co que traballan. Por iso, decidiron contar cunha veterinaria que vén todos os días á granxa e que se encarga tanto da reprodución como da parte clínica e de calidade do leite desde fai 3 anos.
Este seguimento continuo dos animais permítelles adiantarse aos problemas e centrarse na prevención. “Permíteche ter unha visión integral da granxa, coñecer a súa evolución e ter información dos distintos aspectos e dos distintos lotes de animais. Aquí levamos rexistro de todo e temos continuamente vixiadas as vacas que están en produción, as secas e a recría”, indica Rocío Gallego, a veterinaria da explotación.
Ademais, o feito de encargarse unha única persoa de toda a parte veterinaria ten vantaxes, destacan. “Tes todo máis da túa man, tes unha visión máis global e está todo máis organizado, non te levas sorpresas. A min gústame moito traballar así”, engade.
Non todas as ganderías teñen un veterinario de referencia que veña todos os días; para min era algo importante
Ana e Manuel destacan a seguridade que lles aporta ter a alguén de confianza sempre de man. “Estamos moi contentos porque non todas as ganderías teñen un veterinario de referencia que veña todos os días; para min era algo importante. Rocío ademais mira pola granxa como se fora súa: non ten accións pero case deberían telas”, di Ana.
Monitorización e seguemento continuo

Zona de recría, onde as xovencas son inseminadas aos 13 meses
Todos os días, cando chega á explotación, Rocío revisa os datos do ordenador para decidir que vacas é necesario mirar. “Os robots tamén che permiten unha monitorización máis constante e ao vir a diario detectas antes os casos sobre os que hai que actuar. As vacas que van facer cuajar xa case o sabes dous ou tres días antes e xa te preparas, xa actúas. E en caso de ter que tratar tamén tratas antes, polo que os tratamentos son máis precoces e efectivos e así logras salvar moitas máis vacas”, destaca.
Ao encargarte de toda a parte veterinaria, está todo da túa man, tes unha visión máis global e está todo máis organizado
Esa información que aportan os robots é algo que non teñen na sala de muxido, onde comezan a lactación das vacas recén paridas. “Perdes moita información, porque só te podes basear nos datos de caída de produción, pero non noutros parámetros como a rumia. É algo que botamos en falta, sobre todo nos primeiros días despois do parto, que é cando as vacas poden ter máis problemas”, recoñece Ana.
O robot é o mellor que hai, máis que polo traballo que saca, polos datos que che dá
A ela non lle gusta muxir e cando tiñan que facelo na sala, antes de ter os robots, prefería facer outros traballos. “Sempre me escaqueaba, prefería limpar as camas ou dar o leite aos becerros. Para min o robot é o mellor que hai, pero máis que polo traballo que saca, polos datos que che dá. Antes perdiamos moitas vacas porque cando as viamos xa estaban moi enfermas”, admite.
Novo protocolo reprodutivo

Non teñen trabadiza e dispoñen dunha pequena manga para facer tratamentos ou inseminacións
Aconsellados por Rocío, SAT Arcicos cambiou recentemente o protocolo reprodutivo adiantando a primeira inseminación tralo parto e tratando de lograr maiores taxas de xestación coa primeira dose.
“Adiantamos o momento da inseminación das vacas aos 60-70 días porque tivemos un momento o ano pasado con moitos partos xemelares. Rocío, dinos que pode estar relacionado co aumento de produción nas vacas”, explica Ana.
Se se duplica a produción nun ano, as vacas non poden empreñar igual
“Eu entendo que é unha consecuencia directa. Se se duplica a produción nun ano, as vacas non poden empreñar igual”, di Rocío. “Hai que ir capeando o temporal e se dan máis leite tratar de que empreñen tamén antes. As montbeliarde se saían en celo aos 56 días xa as inseminabamos, pero agora mesmo atrasamos un pouco porque hai vacas que son moi produtoras. Con este protocolo tamén se regula moito a actividade hormonal e consegues que haxa menos xestacións xemelares”, detalla.
“Cando hai moita produción tamén hai máis risco de ter partos xemelares e iso implica maiores problemas postparto, porque aínda que intentes mimar esas vacas antes, hai máis retencións de placenta e quedan máis tocadas e á hora de facer a recría tamén é máis complicado”, explica.
Fan o control reprodutivo todos os luns e miran as vacas aos 25 días para confirmar preñez
Tiveron tamén problemas cun silo de herba, que se deixou notar tanto na produción como na fertilidade. “A taxa de preñez baixou a 18 e a de concepción a 27; agora estamos mellorando, pero leva tempo”, di Manuel.
“Sempre traballamos bastante o postparto, mirando que as vacas queden ben, con dúas revisións, aos 15 días de parir e ao mes, porque senón todo o que vén despois non ten sentido. A continuación, iniciamos o protocolo de sincronización doble Ovsynch. Logo aos 25 días confirmamos preñez e ao secado mirámolas outra vez”, detalla Rocío.
Vacinación
Dentro da estratexia de prevención que leva a cabo SAT Arcicos, o manexo do gando e a vacinación son elementos fundamentais. “Aquí vacínase para case todo, agás para BVD”, explican.
Vacinan, por exemplo, para previr as mastites, adaptándose na elección aos patóxenos que en cada momento provocan a maioría das mamites ambientais da granxa. “Agora estamos utilizando UBAC, porque antes estabamos poñendo máis fronte a E.coli vacinas como Mastivac. Tiñamos controlados os Gram negativos, pero empezou a darnos a lata o S.uberis, así que decidimos cambiar e de momento vainos ben, houbo baixada do reconto celular, o último foi de 170.000”, indica.
A granxa é viva, ti controlas uns xermes pero véñenche outros, polo que hai que estar encima e enfocarse naquilo que dá máis problemas
Este ano vacinaron tamén contra a EHE, utilizando Hepizovac, a vacina desenvolvida e comercializada en España polo Grupo Zendal. “A granxa é viva e as enfermidades cambian, ti controlas uns xermes ou uns virus pero véñenche outros, polo que hai que estar encima e enfocarse naquilo que pode dar máis problemas”, defende Rocío.
Destaca tamén que en materia de bioseguridade é máis doado traballar en explotacións como SAT Arcicos, na que non entran animais de fóra e na que mesmo hai excedente de recría. “Ao non haber incorporacións estamos nun circuíto pechado e corres menos riscos, porque non tes un animal que che poida traer algo de fóra”, razoa.