O sindicato Unións Agrarias denuncia o incremento dos ataques das mandas de xabaríns a parcelas de millo nas comarcas do Deza, Terra de Montes e Tabeirós e advirte de que “a Consellería do Medio Ambiente está a posicionarse do lado da bichería” e non dos gandeiros.
“Aínda que o millo está sen espigar, xa son numerosos os ataques desta especie salvaxe, que se producen incluso a plena luz do día e preto das casas”, denuncian dende a organización agraria, que considera que a poboación de xabaríns está aumentando de xeito descontrolado, provocando cada vez máis danos á xente que realiza actividades agrarias e gandeiras, e ante o que consideran “pasividade” por parte da Xunta de Galicia.
Segundo Unións Agrarias, a situación máis grave dáse nas zonas limítrofes con zonas vedadas ou de reserva de caza, onde a presión dos xabaríns “vólvese inaguantable” para agricultores e gandeiros.
“O xabarín xa non respecta pastores e cercas eléctricas, e pola falta de humidade no chan está empezando a estragar parcelas de millo”, engaden.
“A Consellería de Medio Ambiente posiciónase de lado da bichería”
Todo isto está a levar, segundo o sindicato a unha redución das hectáreas sementadas de millo año tras ano nas comarcas do Deza, Tabeirós e Terra de Montes. “Este ano 2017 púidose reducir a terra sementada en máis dun 10%, o que leva consigo un maior aumento dos custos de produción para os gandeiros”, advirten.
Ante esta situación, Unións demándalle á Xunta que autorice batidas con axilidade para dezmar o que considera “superpoboación” de xabarín nestas comarcas e indemnizacións para as persoas que sufran estragos nas súas colleitas.
Ademais, o sindicato pídelle á Xunta que “os afectados poidan gardar as súas fincas e abater, chegado o caso, aos xabaríns, sen que lle poidan caer multas por defender a comida das vacas, dos porcos ou das galiñas”.
E é que, segundo denuncia Unións, na situación actual “a Consellería do Medio Ambiente está a posicionarse do lado da bichería e está deixando abandonado o mundo rural”.
Testemuños: “A única medida efectiva é autorizar máis batidas e esperas nocturnas”
José Antonio Louzao é un gandeiro de Graba, en Silleda, que nas últimas semanas está a sufrir os ataques dos xabaríns nas súas parcelas. “A pasada semana xa entrou unha manda de 8 nunha leira de millo, a pesar de que aínda non ten espiga, e onte segando na herba seca vin a outra manda de 14 animais”, asegura.
“O problema é que cada vez hai máis xabaríns, nunca se viron tantos, e agora os ataques son incluso a plena luz do día e preto das casas”, denuncia.
A solución que propón José Antonio é que a Consellería de Medio Ambiente autorice máis batidas e con máis axilidade e que se autoricen tamén as esperas nocturnas. “Do contrario, teremos que deixar de sementar millo”, advirte.
Jaime Fernández: “Os ataques dos xabaríns estragaron entre o 15 e o 20% do millo”
Jaime Fernández, da parroquia de Cercio, en Lalín, é outro dos gandeiros afectados nesta comarca polos ataques dos xabaríns. Explica que “na noite do luns entrou unha manda de xabaríns nunha leira de millo de 2,5 hectáreas e estragou entre o 15 e o 20%”.
Lembra que “a sementeira do millo vale moito diñeiro” polo que asegura que “se seguimos con estes ataques teremos que deixar de cultivalo, porque con estas perdas non compensa”.