Acusan a Novafrigsa de trasladarlle ás granxas contratos de suministro sen prezo

Unións Agrarias considera que ese modelo de acordo non é válido. “Todo contrato ten que ter prezo e condicións de pago”, cuestiona José Ramón González, responsable de vacún de carne da organización

Acusan a Novafrigsa de trasladarlle ás granxas contratos de suministro sen prezo

Unións declárase a favor dos contratos, pero sempre que inclúan prezos.

A decisión de Novafrigsa, a principal industria cárnica de Galicia, de trasladarlle ás granxas contratos de suministro, está a ser mal recibida por parte de Unións Agrarias. O responsable de vacún de carne da organización, José Ramón González, advirte de que “son contratos que non teñen nin prezo nin condicións de pago, aspectos que teñen que figurar de xeito obrigatorio, segundo a Lei de la Cadena Alimentaria. Por tanto, son contratos que non consideramos válidos”, advertiu en rolda de prensa celebrada en Lugo.

Unións interpreta que Novafrigsa trata simplemente de garantirse un abastecemento durante todo o ano, incluído o verán, época na que tradicionalmente hai menor oferta no mercado, pero sen comprometer prezos. “Estamos nun sector onde a formación de prezos segue en mans das industrias. A Mesa de Prezos de Ternera Gallega, que debía ser unha referencia para o sector, non ten credibilidade para as ganderías, e agora atopámonos con contratos de suministro que directamente nin falan de prezos”, critica o responsable de Unións.

José Ramón González.

José Ramón González.

A organización apela á Xunta para convocar unha Mesa da Carne, aquel foro de diálogo creado polo Goberno bipartito e que despois caería no abandono. “É necesario un ordenamento do sector do vacún de carne. É certo que se trata dun sector plural, no que conviven máis de 8.000 granxas profesionais con outras case de autoconsumo ou xestionadas por persoas xubiladas, pero hai que actualizar o sistema de compravenda e chegar a acordos serios. Non podemos seguir só na liña do trato na feira e do trato na cuadra”, critica.

Papel de cooperativas e tratantes
Por último, González acusa tamén a tratantes e cooperativas de estar colaborando con Novafrigsa á hora de trasladarlle os contratos ás granxas. “Son contratos que obrigan a entregar a produción sen prezo” -reitera-. “Non entendo como a cooperativa Artesáns Gandeiros puido entrar no xogo da principal industria cárnica de Galicia”, apunta en alusión a Novafrigsa, do Grupo Coren.

Unións pide a convocatoria da Mesa da Carne para chegar a acordos coas industrias sobre os contratos

“Se o que quere esta industria é cumprir coa Ley de la Cadena Alimentaria, que obriga desde hai anos a que tódolos acordos de suministro no agro se plasmen en contratos por escrito, ten que poñer prezo. A lei di moi claro que os contratos deben ter obrigatoriamente prezo e condicións de pago”, conclúe González.

Organizacións de produtores

Coa futura creación de organizacións de produtores (OPs) de vacún de carne, González cre que é posible mellorar a capacidade de negociación das granxas, aínda que tamén é consciente de que pode suceder o mesmo que noutros sectores, como o lácteo, onde as OPs tiveron ata o de agora escaso éxito pola negativa das industrias a unha negociación colectiva.

Despido no Grupo Sada dunha traballadora que participou en eleccións sindicais

No ámbito da industria cárnica, a Confederación Intersindical Galega (CIG) vén de denunciar que o Grupo Sada despediu a unha candidata da CIG, logo do recente proceso de eleccións sindicais que houbo na planta de Castro Riberas de Lea. Para a CIG, este despido trátase dunha represalía pola presión que exerceu o sindicato sobre o conflicto por falsos autónomos “e posteriores despidos inxustificados” que houbo no Grupo Sada no 2019.

O sindicato sinala que Sada foi unha das últimas empresas do sector cárnico en asumir a contratación formal dos falsos autónomos cos que traballaba. Desde a CIG anuncian que iniciarán trámites xudiciais para reclamar o despido nulo e a readmisión da traballadora.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información