Actualizadas as zonas afectadas pola praga da couza guatemalteca da pataca

Prorrógase o período de vixencia das medidas fitosanitarias establecidas e amplíase a prohibición de cultivo a San Xurxo de Moeche (concello de Moeche, A Coruña), mentres Muxía sae da zona de corentena

Publicidade
Actualizadas as zonas afectadas pola praga da couza guatemalteca da pataca

Actualízanse as zonas de cultivo de pataca e continúa o control fitosanitario da situación

O Diario Oficial de Galicia publica a resolución do 28 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias pola que se establece unha prórroga de todas as medidas fitosanitarias para o control da couza guatemalteca da pataca ata novo aviso. Igualmente, actualízase o mapa de zonas afectadas. Sae da corentena todo o concello de Muxía e amplíase o radio de prohibición á parroquia de San Xurxo de Moeche, no concello de Moeche (A Coruña).

As persoas desta parroquia deberán presentar unha declaración de existencias de pataca almacenada para que os servizos oficiais procedan á súa retirada e destrución, cun prazo de 20 días hábiles contados a partir de mañá. Esta documentación poderá presentarse na oficina agraria comarcal, a través da sede electrónica (procedemento MR465B) ou en calquera dos lugares de rexistro establecidos na normativa reguladora.

Pola contra, deixan de ser consideradas zonas infestadas e pasan a ser zonas tampón as parroquias de Lendo (San Xián), no concello de A Laracha, e todo o concello de Muxía. Deste xeito, os agricultores destas últimas zonas deberán comunicar inmediatamente despois da sementeira, e antes do 1 de abril, todas as parcelas cultivadas con patacas nos mesmos lugares habilitados para a presentación da declaración de existencias -neste caso, na sede electrónica correspondese co procedemento MR465C-.

Ademais, nas zonas tampón deberán levar o rexistro de información dos compradores de pataca de semente, e os operadores deberán instalar no local destinado a almacén unhas trampas de feromona específica para a captura destes organismos.

Anexo II da resolución onde se especifican as novas zonas infectadas e zonas tampón. Fonte; Consellería do Medio Rural/DOG

Anexo II da resolución onde se especifican as novas zonas infectadas e zonas tampón. Fonte; Consellería do Medio Rural/DOG

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información