Actuacións nas marxes de ríos e regatos: que está permitido e que trámites se precisan?

A última modificación da normativa que regula as actuacións permitidas nas proximidades dos ríos axiliza prazos e reduce trámites. Coñecemos en detalle os cambios introducidos e os procedementos que se requiren agora para levar a cabo accións nestes espazos

Actuacións nas marxes de ríos e regatos: que está permitido e que trámites se precisan?

Retirar unha árbore seca do leito dun río ou colocar peches para o gando nas parcelas a carón dun regato son dous traballos do día a día no agro para os cales é preciso tramitar unha notificación a Augas de Galicia, antes de levalos a cabo. As marxes dos ríos son dos espazos que contan con protección especial e nos que as actuacións están limitadas e controladas.

Os trámites para actuacións nestas zonas requirían ou ben unha autorización directa de Augas de Galicia ou no caso das accións con menor impacto, abondaba con tramitar unha declaración responsable, aínda que había que agardar 15 días para poder comezar a realizar os traballos.

A última modificación da normativa que regula estas actuacións nos leitos fluviais da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa abre a posibilidade de que as tramitacións sexan máis áxiles e sinxelas, aínda que segue a ser preciso comunicárllelo á Administración.

O decreto aprobado amplía o catálogo das accións que só precisan unha declaración responsable para levarse a cabo

O novo decreto busca que as xestións e os tempos de espera polas autorizacións se reduzan e se axilicen as tramitacións. Así, o decreto que entrou en vigor o 23 de marzo do 2020 modifica os permisos precisos para acometer obras menores nas marxes dos ríos da provincia de A Coruña, o noroeste de Pontevedra e norte de Lugo, á par que acurta os prazos.

“O obxectivo desta nova disposición normativa é ampliar o catálogo de actuacións que se poden acometer a carón dos leitos fluviais con só unha declaración responsable ante a Administración hidráulica da Xunta, sen ter que agardar a autorización de Augas de Galicia”, explican dende a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

O principal cambio que se introduce no Decreto 1/2015, do 15 de xaneiro, que regula as xestións nas marxes fluviais, é que se incrementan os casos para os que abonda con tramitar unha declaración responsable. Pero para que accións é preciso presentar esta solicitude?

Declaración responsable

A nova norma amplía o catálogo de actuacións que se poden acometer a carón dos leitos fluviais con só unha declaración responsable. Inclúense traballos menores na zona de policía dos ríos da demarcación Galicia-Costa, en xeral nunha franxa de 100 metros a cada lado das canles dos ríos.

zonas de policia e no dominio publico hidraulico dos rios da demarcacion hidrografica Galicia Costa

Franxa fluvial na que, para determinadas actuacións, abonda con presentar unha declaración responsable.

Recollemos as accións para as que se require unha declaración responsable:

-Retirada de árbores mortas e podas de árbores que impidan accesos ás canles ou, sempre que non impliquen perda do substrato arbóreo da ribeira.

-Retirada de árbores mortas e podas de árbores que reduzan a capacidade da canle do río.

-Retirada de elementos arrastrados pola corrente que obstrúan a canle ou que constitúan un elemento de degradación ou contaminación.

-Mantemento das seccións de medición de caudais das redes oficiais de estacións de medición.

madeira rio

A retirada de árbores secas pode realizarse ó día seguinte de presentar a declaración responsable.

Coa modificación do decreto, tamén poden executarse só con declaración responsable, sen necesidade de autorización, as seguintes actuacións menores de mantemento e conservación no dominio público hidráulico e na súa zona de policía:

-En infraestruturas, o bacheo de pistas forestais e a renovación de capas de rodadura de estradas e outras obras menores de mantemento ou de mellora da rede viaria pública tales como a renovación dos tendidos soterrados de redes de abastecemento de auga, sumidoiros, de electricidade, de gas ou de telecomunicacións, agás cando para a súa execución fosen precisos movementos de terras. Tamén, a colocación e substitución de carteis informativos ou de sinalización.

-En edificacións e vivendas, o pintado, revestimento e impermeabilización de fachadas, cambio de fiestras ou substitución de tellados e outras actuacións de similares características que en ningún caso impliquen ampliación do volume.

-Os seguintes tipos de peches: pastor eléctrico para gardar animais e permeables de malla ou similares e cunha distancia mínima entre postes de 3 metros.

Con este cambio, a Administración procura axilizar as tramitacións e evitar que o servizo se sature. Segundo apuntan dende a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, ó ano estaban a recibir unhas 1.200 solicitudes de autorización de obras. As previsións manexadas, estimaban que este número se reducise case en 500 solicitudes, que pasarían a tramitarse como declaracións responsables.

Estábanse a tramitar unhas 1.200 solicitudes de autorizacións de obra ó ano. Buscan que preto da metade destas peticións pasen a xestionarse como declaracións responsables

“O volume de solicitudes que estaban a recibirse podía saturar o servizo e facer que se adíen na súa emisión. Co cambio buscábase axilizar as actuacións e centrar os esforzos nos eidos nos que resulte máis necesario actuar”, indican dende a Consellería.

Sen esperas

Outra das novidades salientables que incluíu o novo decreto é a redución de tempos de espera. No caso das accións para as que só sexa preciso presentar unha declaración responsable, estas poderán comezarse ó día seguinte de ter presentada a petición. Ata o de agora, os traballos permitidos con só declaración responsable non podían iniciarse ata 15 días despois.

Para tramitar a declaración responsable, as persoas interesadas poden descargar o modelo da web da Consellería de Infraestruturas e presentalo cuberto en calquera rexistro da Xunta de Galicia antes de iniciar os traballos.

No caso das administracións públicas, persoas xurídicas ou as que exerzan unha actividade profesional para a cal se requira colexiación deberán presentalo de xeito telemático, a través da sede electrónica da Xunta.

Nesta declaración responsable, o solicitante declara que, baixo a súa responsabilidade, cumpre cos requisitos e ten a documentación necesaria para realizar a actividade. No documento detállase non só a actuación que se ten previsto realizar senón a localización dos traballos con respecto do leito do río. Ademais, incorpórase unha descrición detallada das actuacións para que Augas de Galicia poida coñecer e identificar exactamente as actuacións ou obras para as que se presenta da declaración, así como a data de inicio das actuacións e os prazos de execución que manexan.

Mentres, para aquelas actuacións nas marxes de protección dos leitos fluviais que non se atopan suxeitos á declaración responsable, os interesados deberán solicitar unha autorización administrativa previa a Augas de Galicia. Nestes trámites, ademais da solicitude deberase incluír a documentación necesaria para tramitala.

-Consulta aquí a guía habilitada pola Consellería de Infraestruturas para cubrir a Declaración responsable.

Esta información foi feita en colaboración coa Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información