
En Santa Comba apareceron pintadas contra as industrias leiteiras en cisternas de recollida
A situación de malestar que se vive entre os gandeiros produtores de leite galegos viuse reflectida esta pasada noite en actos de boicot contra camións cisterna da recollida nos concellos de O Corgo e Santa Comba. Pintadas e derramado do leite foron as accións.
No caso de O Corgo, o acto de boicot consistiu no baleirado dunha cisterna secundaria de 12.000 litros de capacidade. O vehículo-remolque estaba estacionado á beira da antiga estrada Nadela-Sarria. Ademais, os autores da acción pintaron a palabra “ladróns” no lateral da cisterna.

En Santa Comba, o que se fixo foi pintar a mesma palabra de “ladróns” noutra cisterna secundaria. Neste caso a acción produciuse na zona coñecida como Rotonda da Pereira.
Estes actos de boicot enmárcanse no contexto de malestar xeralizado entre os gandeiros que fan entregas de leite. A baixada de prezos en orixe por parte das industrias -tomada de xeito unilateral e sen negociación previa- causa fonda preocupación nunhas explotacións que viron como se descadraban as súas previsións de ingresos.
Por outro lado, catro ganderías de A Mariña luguesa tiveron que tirar total ou parcialmente a súa produción leiteira nos primeiros días do mes ao deixar Reny Picot a recollida desas granxas. Unha desas explotacións segue sen atopar comprador polo que acumula oito días de perdas.
As organizacións agrarias xa amosaron a súa disconformidade ante unhas baixadas de prezos que chegan nun momento de forte competencia entre as industrias por facerse con provedores de leite. Unións Agrarias xa solicitou hai días que Competencia declare ilegais os contratos que entraron en vigor o 1 de abril e manifestou a súa ruptura de relacións coas organizacións da industria láctea.
Así mesmo, o Sindicato Labrego Galego, Agromuralla ou a Asociación Agraria de Galicia mantiveron encontros coas administracións e organismos públicos e anunciaron diferentes medidas e actos de protesta para poñer fin a unha situación que pon en xaque a numerosas ganderías galegas.
A propia conselleira do Medio Rural fixo un chamamento ás industrias para que se impliquen na continuidade e o futuro do sector leiteiro. María José Gómez sinalou que a mellor garantía para que o sector se manteña é aplicar uns prezos xustos para os gandeiros.
Galego









Control OJD