Coincidindo co Encontro pola Soberanía Alimentaria organizado por Plantámonos en Allariz, un grupo de activistas levou a cabo unha acción de protesta fronte a instalacións de Coren en Ourense.
Co obxectivo de esixir unha transición agroecolóxica e visibilizar os impactos negativos da gandería industrial e da industria agrogandeira, as activistas despregaron pancartas ao redor da empresa e sinalan que devolveron 300 litros de xurro en bidóns. Tras a mobilización está o descontento polos excesos de xurros aplicados na Limia, unha situación que os activistas atribúen a Coren.
Desde Plantámonos insisten en que a solución a estes problemas pasa por transformar o sistema agroalimentario actual cara a un baseado na agroecoloxía: desintensificar a produción, reducir o uso de agrotóxicos ou relocalizar tanto a produción como a comercialización de alimentos.
Un encontro que agrupou a máis de 200 persoas de 50 colectivos
No encontro, celebrado a pasada fin de semana, levaron a cabo diversas dinámicas e formacións para establecer estratexias que denuncien os impactos sociais e ambientais do modelo agroalimentario actual e avanzar colectivamente cara a unha transición agroecolóxica baixo o enfoque de soberanía alimentaria.
Realizáronse talleres de comunicación e mobilización, onde os participantes traballaron en grupos sobre temas como a defensa dunha alimentación saudable e as ameazas aos modelos agroecolóxicos. O evento culminou co roteiro “Outra Limia é posible”, na que se denunciou a contaminación por nitratos na zona da Limia, guiados por expertos que levaron estas queixas a instancias europeas.
O obxectivo da acción foi, por unha banda, visibilizar os impactos da agroindustria a través do exemplo da comarca da Limia e, por outra, poñer en valor a existencia de producións campesiñas e agroecolóxicas que funcionan baixo outra lóxica.