Con motivo do Día Mundial da Construción Sostible, o Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia (CMD) fixo unha visita ao Centro Cultural de Forges (A Fonsagrada). A finalidade foi poñer en valor as características sostibles da obra, que destaca polo uso da madeira de castaño como gran protagonista do proxecto, empregada en fachadas, carpinterías e pavimentos.
O acto contou coa presencia do presidente do CMD, José Manuel Iglesias; o alcalde da Fonsagrada, Carlos López; a presidenta da delegación de Lugo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Carmen Filgueiras, e os arquitectos da obra, Daniel Gómez e Adrián López, de FIRM Arquitectos. Estes últimos foron os encargados de guiar aos asistentes polas instalacións do centro e coñecer ao detalle as diferentes solucións e aplicacións de madeira na obra.
FIRM Arquitectos fixo da madeira un material protagonista, tanto polo seu valor construtivo, como pola súa carga simbólica e sostible. Empregaron madeira de castaño autóctono, procedente de áreas próximas e con certificado PEFC, garantindo así a súa orixe responsable e de proximidade.
A madeira constitúe un fío condutor que enlaza o patrimonio cunha mirada actual e respectuosa cara o futuro
No interior empregaron pezas estruturais de castaño aserrado e de madeira laminada encolada, o que permitiu resolver luces amplas e dotar ao edificio de estabilidade. Na nova fachada, as vigas laminadas de castaño teñen unha dobre función: estrutural e ambiental, xa que sosteñen a envolvente, regulan a entrada de luz e actúan como protección solar. Nos acabados interiores, tanto en pavimentos como revestimentos verticais, o uso de castaño achega continuidade visual, calidez e un carácter identitario vinculado ao territorio.
Neste caso, destacan dende o Clúster, a madeira constitúe un fío condutor que enlaza o patrimonio cunha mirada actual e respectuosa cara o futuro. Ademais, a obra conta con diferentes recoñecementos como Premio de Arquitectura en Madeira Sostible PEFC, finalista nos Premios de Arquitectura 2025 e finalista nos Premios COAG de Arquitectura 2025.
Galego









Control OJD