Acto de Clun polo Día da Muller

Baixo o título “Mulleres rurais: raíces, presente e futuro da nosa terra”, reuníronse representantes das principais organizacións vinculadas á economía social en Galicia.

A Asociación “Mulleres de Seu”, que traballa polo apoderamento feminimo no rural, naceu hai 10 anos impulsada pola Cooperativa CLUN, e para conmemorar o Día Internacional da Muller, este mércores 8 de marzo celebrou unha xornada no Centro Sociocultural de Melide.

Baixo o título “Mulleres rurais: raíces, presente e futuro da nosa terra”, reuníronse representantes das principais organizacións vinculadas á economía social en Galicia. Carmen Rodríguez, vicepresidenta de Clun e presidenta de Mulleres de Seu, salientou que “urxe falar do futuro da muller na gandaría porque hai unha importante fuxida de mulleres novas e preparadas”. Rodríguez ve necesarios incentivos para facer que as mozas poidan desenvolver proxectos de vida exitosos.

Nesta iniciativa colaboraron a Consellería de Emprego e Igualdade, o Concello de Melide e Agaca -Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias-. Ao encontro asistiron a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vazquez.

“Eliminar as barreiras coas que se encontran as mulleres rurais é un compromiso de Igualdade”, sinalou Susana López Abella. Ángeles Vazquez pechou o encontro indicando que “as mulleres asentan poboación no rural e a actividade agrogandeira preserva o medio”.

Ana Olveira, presidenta de Espazo Coop, manifestou que nas cooperativas de traballo as mulleres teñen maior representación que noutro tipo de empresas. Nas cooperativas máis do 45% están presididas ou lideradas por mulleres. Olveira apuntou que “nas cooperativas tamén temos retos como fomentar a corresponsabilidade social ou eliminar a dobre quenda das mulleres no traballo”.

As mulleres cobran un 28% máis na economía social que na economía mercantil

Durante o encontro destacouse o “peso significativo” que a economía social ten no tecido empresarial galego. Así, segundo se recolle nun estudo realizado por ForoESGal, 5 de cada 100 empresas ou entidades do sector privado pertencen a este ámbito, un total de 383.

Segundo o estudo, as entidades de economía social contribúen á ocupación de colectivos con dificultades de acceso ao emprego e reducen as desigualdades de xénero. O presidente de ForoESGal, Celso Gándara, indicou que “as mulleres cobran un 28% máis de salario na economía social que na economía mercantil galega, pero aínda queda moito camiño que percorrer”

Por último, inaugurouse a chegada a Melide da mostra “Economía social: no corazón da nosa historia”. Permanecerá aberta ao público no centro sociocultural da localidade. Esta mostra permite facer un percorrido pola historia e o desenvolvemento da economía social en Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información