Data inicio: //
Lugar:

O laboratorio rural SoutoLab, impulsado pola Fundación Juana de Vega, organiza diferentes accións ao longo desta semana vencelladas á cultura e tradición dos soutos e as castañas. Os sequeiros de Pena Folenche (Pobra de Trives) serán os protagonistas na tarde do venres día 24, nunha actividade que combinará aspectos técnicos cunha visita interpretativa ao conxunto etnográfico e cultural.
Por outro lado, continúa aberto o prazo de inscrición para a segunda xornada sobre xestión produtiva dos soutos, que terá lugar o xoves 23 no Barco de Valdeorras. Será unha actividade técnica centrada nos modelos de xestión conxunta e os aproveitamentos complementarios dos soutos. A asistencia en ambas actividades é libre ata completar aforo, previa inscrición na páxina web juanadevega.org/xornadas_e_cursos/
A Fundación Juana de Vega coordina o proxecto en colaboración cos concellos do Barco de Valdeorras, Manzaneda, San Xoán de Río e A Pobra de Trives, e co apoio da Fundación “la Caixa” e da Deputación de Ourense.
A xornada en Pena Folenche forma parte dun ciclo de actividades que aborda diferentes dimensións da cultura da castaña. Búscase afondar na dimensión patrimonial dos soutos e da cultura da castaña nun territorio especialmente vinculado a este cultivo.
E é que as comarcas de Valdeorras e Terra de Trives concentran arredor do 20% dos soutos de Galicia, un patrimonio natural e cultural que sitúa esta zona como unha das principais áreas castiñeiras do país.
Os sequeiros de Pena Folenche constitúen un dos mellores exemplos da arquitectura tradicional asociada ao aproveitamento da castaña en Galicia. Trátase dun conxunto de pequenas edificacións de pedra que durante séculos serviron para o secado da castaña e como aloxamento temporal das persoas que se desprazaban ata os soutos durante a campaña de recollida.
Fran García, técnico da área de Desenvolvemento Rural da Fundación Juana de Vega e coordinador do proxecto SoutoLAB, falará sobre a cultura da castaña como patrimonio vivo, co obxectivo de concienciar aos propietarios dos soutos da importancia deste recurso natural e sumarse á iniciativa de SoutoLAB para idear novas estratexias e oportunidades arredor da castañicultura.
Vanesa Garrido, da Asociación Galega das Castañas e dos Soutos, presentará unha caracterización agroprodutiva da comarca, mentres que Martiño Xosé Vázquez, da Oficina Técnica do Concello de Vilar de Barrio, abordará o papel das oficinas técnicas no desenvolvemento rural especialmente en concellos pequenos.
A visita aos sequeiros estará guiada por Rubén Pérez, concelleiro de Medio Rural e Medio Ambiente da Pobra de Trives, e permitirá coñecer a arquitectura tradicional destas construcións, as técnicas históricas de secado da castaña, os usos tradicionais dos soutos e a memoria oral vinculada a este enclave.
Tamén se analizará o estado de conservación do conxunto e as oportunidades para a súa valorización, ademais de realizar o rexistro de elementos patrimoniais que pasarán a formar parte do Inventario Cultural de SoutoLAB.
Nas últimas décadas este sistema socioeconómico sufriu un progresivo deterioro debido ao abandono rural, ao envellecemento da poboación e á baixa rendibilidade dos modelos produtivos tradicionais.
Como consecuencia, moitos soutos deixaron de xestionarse, o que derivou en perda de biodiversidade, aumento do risco de incendios forestais e erosión do patrimonio cultural asociado á identidade do territorio.
SoutoLAB, quere revitalizar a cultura da castaña nestas comarcas combinando coñecemento local, investigación e emprendemento co obxectivo de poñer en valor a castaña desde unha perspectiva social, ambiental e económica.
Pódese consultar o programa completo no seguinte documento:
Galego









Control OJD